Corrupción nos galeóns

O contrabando foi unha constante nas frotas de Indias que chegaban de América a Europa como a da batalla de Rande

O sistema de galeóns foi fundamental para o comercio con América

En 1702, a batalla de Rande demostrou na ría de Vigo que os sistema de frotas que comunicaba América con Europa estaba baseado nunha inmensa corrupción. Malia que o cargamento principal dos galeóns foi desembarcado antes da chegada de ingleses e holandeses, a realidade é que quedaron produtos dos contrabandistas, mentres os axentes dubidaban sobre a descarga das súas mercadorías non declaradas. O sistema entrara en crise polas excesivas riquezas para transportar, os intereses cruzados entre comerciantes, e o problema da piratería e a actividade doutras potencias.

A pesar da eficacia demostrada ata daquela polas frotas, a poboación americana medrou tan rapidamente que pronto foron insuficientes as mercadorías que se podían transportar desde a península Ibérica. Así que veu suplir estas carencias o contrabando realizado por nacións inimigas, ávidas de participar das riquezas do novo continente.

O erro principal da Casa de Contratación foi non advertir que un sistema válido para cubrir as necesidades de cen mil españois en América, non serviría séculos despois para unha poboación de catro millóns. Desde o século XVI, o tráfico ilegal era práctica común. Esta porta foi aberta polo corsario inglés John Hawkins, que na segunda metade da centuria comezou a introducir impunemente escravos africanos nas novas colonias. Co tempo, o contrabando estendeuse ata alcanzar os seus máis altas cotas no século XVIII, cando Inglaterra, Holanda, Suecia, Francia, Dinamarca, Escocia, Prusia, Rusia, Turquía e, finalmente, os Estados Unidos dedicaron grandes frotas a traficar coas colonias españolas.

O fenómeno non xurdiu só polo desabastecemento, senón polo prezo mesmo dos produtos. España, cunha industria débil, víase na obriga a adquirir as manufacturas no estranxeiro, o que provocaba o seu encarecemento. Pola contra, ingleses, franceses e holandeses podían fretar as súas mercadorías a prezos máis competitivos.

A batalla de Rande deixou na ría de Vigo a lenda dun fabuloso tesouro.

Tecidos, bebidas alcohólicas e ferramentas foron os xéneros máis demandados en América, mentres que os contrabandistas obtiñan madeiras nobres, azucre, tabaco, algodón ou cacao, aínda que de cando en cando metais preciosos.

Ouro e prata eran máis exclusivos dos españois, aínda que isto non significaba que non chegasen a outras nacións, xa que desde comezos do século XVII son os estranxeiros os principais beneficiarios do comercio con Indias. A través de homes de palla españois, estímase que case o noventa por cento do capital entre América e Sevilla pertencía en realidade a franceses, holandeses ou ingleses. É por isto que o botín obtido na batalla de Rande afectou duramente aos comerciantes europeos. Dalgún xeito, os vencedores roubáronse “ a si mesmos”.

Burlar á Casa de Contratación era o obxectivo dos defraudadores. O organismo fora creado en 1503 polos Reis Católicos e tiña o seu precedente na Casa da India, de Lisboa. En principio, pretendíase que controlase o comercio para a Coroa, pero foron tales as riquezas descubertas que pronto foi imposible manter un monopolio.

Sevilla foi a súa sede e o século do seu apoxeo foi o XVI. Desde 1524, pasou a depender do Consello de Indias, que fiscalizaba a súa actuación. Tres oficiais reais gobernaban a institución. O tesoureiro computaba os bens que entraban e saían de América, ademais de gobernar as propiedades dos falecidos no novo continente. O factor encargábase do aprovisionamento e revisión dos buques. E, para rematar, un contador estaba á fronte da contabilidade do organismo.

Xunto á organización estritamente comercial, a Casa de Contratación contribuíu de forma decisiva ao desenvolvemento de novas técnicas de navegación. Así, encargou a confección de cartas náuticas que axudasen ás frotas na súa singradura e impulsou novas técnicas de cartografía e navegación. En 1508, por cédula de Fernando O Católico, nomeouse a Américo Vespuccio Piloto Maior da Casa de Contratación, coa fin de que examinase aos capitáns das naves.

Paulatinamente, todos os defectos da administración española apoderáronse da Casa de Contratación, tomada pola burocracia e a corrupción. Con todo, á cidade de Sevilla chegou a ser coñecida, no século XVI, como a “capital do comercio ecuménico e centro do mundo”. Pero nada dura eternamente. E os baixos de Sanlúcar de Barrameda fixeron cada vez máis difícil a chegada de barcos. Pronto se autorizou a Cádiz a recibir algunhas naves, máis tarde abriuse alí un Xulgado de Indias e, finalmente, en 1717, ao remate da Guerra de Sucesión, a Casa de Contratación foi trasladada á capital gaditana.

Pero, no convulso ano 1702, o da batalla de Rande, Sevilla era aínda a cidade que tomaba as decisións. E o papel que a Casa de Contratación fronte aos sucesos de Vigo foi crucial para entender a evolución dos acontecementos. A burocracia, os atrasos, a picaresca e o contrabando contribuíron a un desastre naval que terminou coa frota que trasladou entre América e Europa as maiores riquezas que xamais cruzaron o Atlántico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.