Arqueólogos da UVigo traballan nun xacemento romano ao norte de Marrocos

A primeira escavación internacional que impulsa a institución está a estudar un relevante enclave a uns 20 quilómetros de Tánxer

No norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior, localízase o xacemento de Tahaddart, un complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan ata seis grandes fábricas de salgadura de peixe. Este enclave é o escenario do primeiro proxecto arqueolóxico internacional da Universidade de Vigo, que levará ata o 2025 ao seu Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) a afondar no coñecemento deste xacemento e do comercio en época romana na fachada atlántica marroquí, a antiga provincia da Mauritania Tingitana. A primeira intervención no xacemento xa se está a levar a cabo a cargo dun equipo hispano-marroquí formado por 30 persoas.  

A iniciativa desenvólvese en colaboración co Intitut National des Sciences de l’Archeologie et du Parimoine (INSAP) e co apoio dos ministerios de Cultura de España e do Reino de Marrocos (do que depende o INSAP) e da Xunta de Galicia. O profesor de arqueoloxía e investigador do GEAAT Adolfo Fernández, director do proxecto, destaca a relevancia desta iniciativa sinalando que “esta intervención en Tahaddart é a primeira escavación internacional que realiza a Universidade de Vigo”. O  proxecto, apunta, “supón internacionalizar a actividade arqueolóxica da nosa Universidade, que era algo que tiñamos pendente” e “damos un salto cualitativo, de calidade, moi importante para todos”.

Publicidade

O proxecto realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado o pasado ano entre a Universidade de Vigo e o INSAP. Trátase, explica Adolfo Fernández, dun convenio “moi importante, pois só hai outro similar asinado con universidades españolas” e “un acordo imprescindible para desenvolver este proxecto”, dado que marca e recolle o protocolo para autorizar e desenvolver este tipo de actuacións no país africano.

Ademais desta colaboración, a campaña arqueolóxica en Tahaddart deste ano está financiada polo Ministerio de Cultura de España a través da súa convocatoria para escavacións no exterior e o proxecto de estudo do comercio en época romana na costa marroquí está financiado para o período 2021-2025 pola Xunta de Galicia a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. “Este proxecto aúna o esforzo, o compromiso e as achegas de moitas persoas e institucións sen as cales non sería posible levalo a cabo e ás que queremos transmitir todo o noso agradecemento”, comenta Adolfo Fernández.

Publicidade

O equipo está a traballar en Tahaddart desde o pasado 29 de outubro. Foto: Duvi.
O equipo está a traballar en Tahaddart desde o pasado 29 de outubro. Foto: Duvi.

Segundo explica o seu responsable, o proxecto está previsto que se prolongue ata 2025, ata o remate do convenio asinado co INSAP. A súa primeira liña de actuación é o estudo e escavacións no xacemento de Tahaddart, que os responsables da iniciativa salientan que é “impresionante e cunha potencia arqueolóxica enorme”. Trátase, sinala Adolfo Fernández, dun enclave “moi interesante, principalmente de época romana, que conta con polo menos seis factorías de salga para a produción industrial de grandes volumes de preparados de peixe en moi bo estado de conservación, algunhas delas conservada practicamente ata o tellado”. Porén, engade, este xacemento marroquí abrangue máis que a época romana, tendo tamén unha parte máis antiga, de ocupación mauritana, pre-romana, con presencia fenicia-púnica, e un xacemento islámico. Así, a ocupación deste enclave prolongaríase desde aproximadamente o primeiro milenio antes de Cristo ata o século XVI, cando foi abandonado. “Analizaremos toda esa ocupación humana, centrándonos especialmente na época romana e nas súas factorías de salga”, comenta o arqueólogo.

A primeira actuación de campo no xacemento marroquí está en marcha desde o pasado día 29 de outubro e prolongarase durante 17 días, sendo codirixida por Adolfo Fernández e pola investigadora do INSAP e profesora da Universidade de Kenitra Meriem Hansali e o vice-director do INSAP, o profesor  O equipo do GEAAT que está traballando en Tahaddart está formado por nove persoas, persoal investigador e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense, e un profesor da universidade lusa de Coimbra colaborador habitual deste equipo. A parte marroquí está formada por profesorado e alumnado de diferentes universidades marroquís e 15 obreiros, estando  un total 31 persoas traballando no xacemento. “Este ano, o obxectivo é facer prospección, levantamento, limpeza e empezar coa escavación dalgunha das factorías”, adiantan os responsables do equipo da UVigo.

Unha visión distinta de Marrocos e África

A segunda liña de traballo do proxecto, paralela á anterior, é o desenvolvemento dun “estudo sobre o comercio e a economía da costa atlántica da provincia romana da Mauritania Tingitana”. A previsión, indica Adolfo Fernández, é, ademais de levar a cabo as actuacións e o estudo do xacemento de Tahaddart, “analizar materiais arqueolóxicos doutros xacementos principais da costa atlántica de Marrocos para estudar os ritmos económicos e as dinámicas comerciais nesta costa durante a antigüidade e poder comparala con outras partes do mundo romano, especialmente coa costa atlántica da península ibérica, na que levamos traballando os últimos anos”.

No seu conxunto, o proxecto permitirá ao Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e ao seu director continuar a súa liña de investigación no eido do comercio en época romana na fachada atlántica, centrada ata o de agora na zona peninsular. Así, anteriormente teñen desenvolvido o proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar. O seu foco de interese foi o coñecemento da produción do sal e as salgaduras no noroeste peninsular durante a época romana, realizando campañas en xacementos costeiros como os da illa de Ons (con financiamento da Xunta de Galicia), Sobreira (Vigo), Adro Vello (O Grove) e praia do Naso (Illa de Arousa), todas elas factorías de salga romanas que producían prebes e peixe salgado para a exportación. “O proxecto con Marrocos abriranos a visión á fachada africana, que tamén é atlántica”, indica por último Adolfo Fernández


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables