“Marxe de erro”, o documental que amosa as posibilidades reais das mulleres no mundo da tecnoloxía

Amtega o o CPETIG colaboran nunha iniciativa para promover as vocacións tecnolóxicas femininas

Acto de presentación na Cidade da Cultura de Galicia do documental "Marxe de erro". Foto: Cortesía CPETIG

Cinco profesionais do sector das TIC (Berta Candendo, Susana Ladra, Susana Gómez, Verónica Bolón e Silvia Piñeiro) son as protagonistas do documental Marxe de erro, un proxecto que xorde da colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A iniciativa forma parte do Plan DigiTalent que ten entre os seus obxectivos a promoción das vocacións tecnolóxicas femininas.

A presentación do documental tivo lugar hai uns días no centro Gaiastech da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago. Só un 30,4% das persoas empregadas no sector das TIC en Galicia son mulleres o que levou á directora de Amtega, Mar Pereira, a sinalar que aínda queda un longo camiño por percorrer para reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico. Nese sentido hai que lembrar que a Estratexia Galicia Dixital 2030 ten entre os seus obxectivos a redución da fenda dixital nas carreiras STEM.

Falta de visibilidade

Pola súa banda, Marcos Mata, presidente do CPETIG, explica que o colexio vén traballando nos últimos tempos para corrixir a escasa presenza das mulleres no sector da enxeñería informática. “Proxectos como Marxe de erro permiten poñer o foco na falta de visibilidade de referentes para as mulleres no sector e tamén na existencia de estereotipos“, engade Mata.

Na súa opinión, é importante que as mulleres poidan ter información completa e veraz sobre estes estudos para que teñan elementos de análise para tomar unha decisión libre. “Desde o colexio hai anos que decidimos que non queremos ser espectadores pasivos, existe un problema que ademais non parece que estea a mellorar como é a escasa presenza de mulleres neste tipo de estudos. No CPETIG temos unha responsabilidade e por iso apostamos por traballos como Marxe de erro“, explica Mata.

As protagonistas

Unha das protagonistas do documental é Susana Gómez Carnero quen foi durante dez anos mestra do Departamento da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense e actualmente é directora executiva de BNI, a maior rede de networking do mundo. Segundo sinala, en conversación con GCiencia, a masculinización do sector das TIC  ten moito que ver coa falta de información das mozas e por iso resultan necesarias iniciativas como Marxe de erro para que poidan ver as múltiples posibilidades laborais ás que se poden acceder cunha titulación deste tipo.

“Unha titulación técnica ofrece posibilidades para traballar en sectores moi diversos e non ten porque ser máis difícil ca outras”, di Susana Gómez

“Penso que é necesario comezar a mentalizar as mulleres dende idades moi temperás xa que cando teñen 16 ou 17 anos xa é tarde. Noutro tipo de titulacións é máis sinxelo coñecer cales son as posibilidades de futuro pero nas carreiras técnicas resulta máis complicado. A mensaxe ten que ser que unha titulación deste tipo ofrece posibilidades para traballar en sectores moi diversos é non ten que ser máis difícil ca outras”, engade Gómez.

Ao seu xuízo, unha vez que as mulleres acceden a un emprego neste sector non van  atopar dificultades especiais e incluso poden chegar a contar con máis oportunidades, xa que son poucas as mulleres que acceden ao mesmo. “Tamén hai que ter en conta que un sector como a enxeñería informática ten o emprego garantido case ao cen por cento”, engade.

A muller no sector TIC galego

Ademais de Susana Gomez as outras protagonistas do documental son Berta Candendo, líder da área de contidos dixitais da compañía Netex Learning; Susana Ladra, profesora na Facultade de Informática da UDC e investigadora en proxectos de bioinformática; Verónica Bolón, tamén profesoras universitaria e investigadora no campo da Intelixencia Artificial; e Silvia Piñeiro, que traballa no mundo do Business Intelligence e do Big Data.

Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga) sinalan que só o 30,4% dos traballadores do sector TIC galego son mulleres e só un 14,7%  desenvolve tarefas especificamente TIC. Ademais só un 14,3% das TIC galegas conta con mulleres en postos de dirección.

Só un 14,3% das TIC galegas conta con mulleres en postos de dirección

Iniciativas como Marxe de erro tratan de contribuír a que haxa un cambio de tendencia nestes datos e o exemplo de mulleres que obtiveron éxito e recoñecemento co seu traballo no sector das TIC semella que pode ser un bo espello para as mulleres das xeracións futuras. Nesta ligazón pódese ver o teaser do documental.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.