Ons: un mapa das relacións comerciais da época romana

Un equipo de arqueólogos da UVigo explora na illa rastros que se remontan a idade de Ferro

Imaxe da intervención na zona do castro ou castelo dos Mouros. Foto: DUVI
Imaxe da intervención na zona do castro ou castelo dos Mouros. Foto: DUVI

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüídade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo está a desenvolver a súa segunda intervención arqueolóxica na illa de Ons, onde levan traballando dende o 4 de outubro. O seu principal obxectivo é o de avanzar no coñecemento das relacións comerciais en época romana, escavando nunha das factorías de salga situadas en dous enclaves da illa: na praia de Canexol e no castro ou castelo dos Mouros. Esta iniciativa realízase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta.

Esta segunda intervención do GEAAT —que se estenderá tres semanas— continuará coas tarefas de limpeza, rexistro e sondaxes que xa foran levadas a cabo a principios de abril nestes mesmos enclaves. Nesa primeira escavación os traballos estaban realizados ao abeiro do proxecto de investigación Galtfish co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. En relación a esta segunda intervención arqueolóxica, os seus responsables sinalan que “pode ser moi interesante pola información que pode achegarnos sobre as relacións comerciais que estaban funcionando no Atlántico dende a Idade de Ferro e en época romana tamén”. Así mesmo, salientan o carácter singular do xacemento, situado nunha illa pequena.

Praia de Canexol

O equipo que participa nesta segunda intervención está formado por cinco persoas, con Alba Rodríguez como directora de campo e Adolfo Fernández de director do proxecto. Os seus traballos estanse a desenvolver en dúas zonas, a primeira delas o xacemento romano da praia de Canexol. Nesta campaña, os arqueólogos prevén finalizar a escavación do pío de salga romana, que fora localizado na intervención de abril e non se puidera rematar de escavar por falta de tempo. Dita estrutura está nun “excelente estado” de conservación, con case dous metros de alzado de muro conservado, segundo indicaron dende o GEAAT.

Imaxe da intervención no pío de salga do xacemento da praia de Canexol. Foto: DUVI
Imaxe da intervención no pío de salga do xacemento da praia de Canexol. Foto: DUVI

“Nesta sondaxe, pretendemos esgotar os niveis arqueolóxicos, ata chegar ao fondo do pío. Recolleranse mostras tanto de morteiro como dos posibles niveis de abandono do pío, para recoller, de ser posible, restos de ictiofauna que nos permitan determinar que especies se salgaban nesta factoría”, sinalan. Os restos recollidos serán analizados tanto por persoal da Universidade de Vigo como doutras universidades que colaboran neste proxecto.

Castro de Mouros

O castro ou castelo de Mouros é a segunda zona de traballo. En abril fíxose unha sondaxe na que se localizaron estruturas que, segundo explicaron dende o GEAAT, poderían estar relacionadas coa parte máis baixa do castro. Esta será a primeira actuación científica neste xacemento e “pivotará sobre catro eixos: limpeza da vexetación superficial on control arqueolóxico, prospección con métodos xeofísicos e xeomagnéticos para determinar as zonas con maior potencialidade arqueolóxica, escavación e conservación ao remate”.

Despois dunha semana de intervención xa se poden ver descubertos os primeiros muros do castro. Foto: DUVI
Despois dunha semana de intervención xa se poden ver descubertos os primeiros muros do castro. Foto: DUVI

O seu principal obxectivo é determinar cal é a potencia arqueolóxica do xacemento, coñecer a súa configuración interna e datar a súa ocupación, apuntando que “xa sabemos que é unha ocupación da época romana polos píos de salga”. O equipo de arqueólogos tamén sinala o seguinte: “Gustaríanos recuperar algo de material que nos indique o tipo de relacións comerciais que tiñan: que, cando, como e porque existía; se tivo ocupación anterior, cal era súa propia cultura material, como vivían nel, etcéra”.

Despois de realizar a prospección no castro —que se fixo en colaboración coa empresa SOT—, seleccionáronse dúas zonas de escavación no interior do castro ou castelo dos Mouros: unha na posible muralla e outra na plataforma inferior co obxectivo de exhumar algunha vivenda ou estrutura. “Recolleranse tanto mostras como cultura material que permitan dilucidar a configuración e datación do xacemento”, comentan desde o GEAAT. A primeira semana de traballo de campo, indican os seus responsables, xa aportou ou primeiros resultados, atopando os dous primeiros muros e restos de cultura material, entre os que destacan unhas moedas de época romana.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.