Unha antena alemá no monte do Castro

Os xermanos residentes en Vigo montaron unha estación telegráfica de urxencia na I Guerra Mundial tras o corte do seu cable

Traballadores do Cable Alemán. Arquivo Cabanelas

Unha antena alemá no medio da cidade de Vigo, en plena Grande Guerra. Porque a primeira acción bélica da I Guerra Mundial foi o corte da liña telegráfica dende Vigo da Deustch Atlantische, o chamado Cable Alemán. Os británicos realizaron a operación na Canle da Mancha e o II Reich perdeu boa parte da capacidade das súas comunicacións. Cóntao con todo detalle o investigador José Ramón Cabanelas, no seu libro “Vía Vigo”, editado polo Instituto de Estudos Vigueses, onde se narran as vicisitudes tanto da liña alemá como da  Eastern Telegraph, o chamado Cable Inglés.

Os alemáns, con todo, non se resignaron a quedar sen comunicación dende Galicia, onde tiñan importantes intereses, ao tempo que interesaba a súa condición de espazo neutral en Europa. No medio da ría de Vigo, utilizaron o buque “Stephan”, internado durante toda a contenda, que contaba cunha pequena unidade para enviar marconigramas. Pero pronto maquinaron unha operación mellor para axudar ao traballo dos seus espías: instalar no monte do Castro unha grande antena, que permitise as súas comunicacións. Nada lles importou a neutralidade de España na contenda. Como tampouco, a actividade dos axentes ingleses e franceses que operaban na cidade. O emblemático monte vigués converteuse nunha estación de radio para os exércitos do Káiser Guillermo II.

Desde o mesmo intre do corte do Cable Alemán, “quedou a oficina alemá na rúa Velázquez Moreno inoperativa e os seus empregados á espera de recibir ordes”, afirma Cabanelas. Mentres tanto, o Cable Inglés seguiu enviando telegramas, “sendo con iso un grande apoio para os intereses do seu país durante todo o conflito bélico”.

Nas dúas oficinas telegráficas, o ambiente era cordial ata o comezo da Grande Guerra: “Ata o mes de xullo do ano 1914 que comeza a I Guerra Mundial, tanto a colonia inglesa como a alemá ían en constante aumento, habendo entre elas unha cordial relación”, sinala o investigador vigués.

As novas da Primeira Guerra Mundial foron censuradas en Galicia.

Berlín adoptou daquela unha decisión crucial: utilizar ao buque cableiro “Stephan”, que recalou na ría o 2 de agosto. En teoría, dirixíase a Turquía, aliada de Alemaña, con 227 soldados a bordo. Pero o certo é que o estourido da guerra obrigoulle a permanecer internado en Vigo, mentres as tropas xermanas eran evacuadas en tren cara a Barcelona e, de alí, ao seu país.

O “Stephan” levaba a bordo un equipo de telegrafía sen fíos, que permitiría convertelo na principal estación para os espías alemáns en España. Durante toda a guerra, enviaron “marconigramas” a Alemaña, mesmo con informes de accións internacionais como a queima da cidade rusa de Libau ou o fusilamento dun francés por propagar o cólera entre os alemáns.

Mentres o “Stephan” enviaba as súas mensaxes en segredo, os alemáns, sen cable que atender, levantaron unha estación de radiotelegrafía no monte do Castro, utilizando materiais do propio buque xermano. Segundo José Ramón Cabanelas, utilizaban a antena “para dar apoio á Frota Alemá de Alta Mar e, sobre todo, aos submarinos que actuaban en augas do Atlántico”. Cabanelas apunta que un telegrama reenviado desde O Castro en 1917 puido favorecer a entrada dos Estados Unidos no conflito. Na mensaxe cifrada, propoñíase a México aliarse con Berlín. A cambio, recibirían apoio para reconquistar os territorios perdidos fronte aos estadounidenses, incluído o estado de Texas. Cando Washington interceptou a comunicación, non dubidou en sumarse á contenda tras o afundimento do “Lusitania” por submarinos alemáns, nun ataque onde morreron 123 norteamericanos.

Os alemáns conseguiron seguir enviando mensaxes, aínda co Cable con Emden cortado. Mentres que os ingleses utilizaban o seu telégrafo en Vigo para enviar as súas mensaxes cifradas. De feito, tanta importancia tivo, que se instalaron na cidade, desde 1915 e ata o fin da conflagración mundial, axentes secretos da O.I.N. (Organización de Intelixencia Naval). Ademais, Vigo foi a única cidade española, xunto a Bilbao e Madrid, onde había un representante oficial do S.I.S. (Secret Intelligence Service).

Da guerra desatada entre os dous cables, o inglés e o alemán, dá fe o propio Tratado de Versalles, a rendición asinada o 28 de xuño de 1919. Porque no seu parte VIII, artigo 244, anexo VII, indicábase que Alemaña renunciaba “a todos os dereitos, títulos ou privilexios de calquera natureza dos cables submarinos”, apuntando expresamente o Vigo-Emden.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.