*Un artigo de

A seca que vivimos actualmente en Europa está a converterse en histórica pola súa intensidade e extensión. Esta situación, xa crítica, vese moi ben reflectida nas pedras da fame que emerxeron en Europa central. Estas pedras (Hungersteine) son marcadores do nivel da auga dos séculos XV-XIX, cando as secas chegaban a afectar a navegación fluvial e ao comercio, o que significaba para a poboación o padecemento de fames.

Inscrición na pedra da fame de Děčín: ‘Wenn du mich siehst, dann weine’ (se me ves, chora). Bernd Gross / Wikimedia Commons, CC BY-SA

Seca por partida tripla

O que estamos a experimentar este verán é un evento composto, que ocorre cando dous ou máis riscos climáticos teñen lugar simultánea ou secuencialmente. Neste caso, trátase dunha seca meteorolóxica (por descenso de precipitacións) e unha seca hidrolóxica (por diminución de recursos hídricos dispoñibles) que se suman a unha sucesión de ondas de calor, caracterizadas pola súa temperá aparición, a súa extensión e a súa duración.

Aínda que as secas non están necesariamente ligadas ao verán, é neste momento cando as sentimos máis. De feito, na península ibérica sufrimos períodos secos no inverno, como no ano hidrolóxico 2011-2012, que foi o máis seco desde 1961. Pero, neste 2021-2022, a diferenza doutros anos secos, a ocorrencia de ondas de calor desde o mes de maio aumentou a evapotranspiración e, por tanto, empeorou aínda máis o estrés hídrico existente, coincidindo, ademais, coa tempada turística e as campañas de rega.

Como chegamos aquí

A seca é un risco progresivo e de aparición lenta, pero constante. A falta de precipitacións vai restando humidade ao chan, reducindo os caudais dos ríos e minguando as reservas de auga. Primeiro redúcense as choivas, rexístranse elevados valores de evapotranspiración –particularmente en ondas de calor– e diminúe a auga dispoñible. Posteriormente, os efectos chegan á agricultura de seca e, a continuación, aos regadíos e á produción hidroeléctrica, ademais de afectar os ecosistemas e aos servizos ecosistémicos.

Desde xuño ata o 12 de agosto de 2022, hai unha anomalía media negativa do caudal dos ríos do –29%, chegando a ser inferior ao –62% nalgúns puntos. Dominic Royé / GLOFAS Copernicus., Author provided

Os prognósticos apuntan a que a frecuencia e a severidade de secas e ondas de calor aumentarán no futuro, e espérase que os cambios se distribúan de maneira desigual en todo o mundo. A situación en Europa é preocupante, como reflicten os indicadores do Observatorio Europeo da Seca: o 47% do seu territorio está en prealerta e o 17%, en alerta. Ademais, está a observarse unha anomalía negativa do –27% no caudal dos ríos europeos.

A situación aínda pode reverterse

Aínda que estas cifras en si mesmas poden ser excepcionais, non deberían xerar alarma social, xa que a actual seca podería reverterse coas choivas do próximo outono-inverno. Ademais, a diferenza de épocas anteriores, contamos con sistemas de control e análise que nos permiten anticipar medidas de xestión para priorizar os usos da auga, establecer restricións, etc., e así evitar grandes afeccións sociais, económicas e ambientais.

É o caso de España, que xa na Lei de Augas de 2001 prioriza o abastecemento á poboación fronte a outros usos e que, nos seus plans especiais de seca, establece as medidas para adoptar tanto en caso de seca (redución de caudais ecolóxicos) como de escaseza de auga (aforro, vixilancia, restricións e prohibicións de uso, etc.), en función de como avancen os indicadores de seguimento e de como se vaian superando os limiares establecidos a efectos de xestión.

Aínda así, a menor experiencia do norte europeo na xestión de secas e a alta vulnerabilidade do sur –que viviu unha continua expansión do seu regadío–, unidas á deficiente calidade das augas do continente, están a provocar que esta seca de 2022 xa estea a xerar impactos moi importantes en distintos sectores económicos, ademais de cortes de subministración nalgunhas poboacións.

Un fenómeno que agrava a crise enerxética

Só en España, o sector agrícola podería enfrontarse a unhas perdas de entre 8.000 e 10.000 millóns de euros polo menor rendemento dalgúns cultivos e polo abandono doutros. O máis preocupante é que a seca se suma en Europa a unha previsible crise enerxética. Os efectos da redución de recursos hídricos na xeración de enerxía hidroeléctrica ou na refrixeración de centrais nucleares preocupa nun contexto xa marcado pola escaseza e as tensións xeopolíticas.

A actual seca e a súa coincidencia con ondas de calor debe contextualizarse na realidade do cambio climático e, en consecuencia, debe levarnos a aumentar os esforzos realizados en estratexias de mitigación e de adaptación. Debe facerse tamén unha correcta xestión destas situacións multirisco, con maior prevención e preparación de todos os nosos sistemas de alerta e emerxencia.

Ademais, resulta urxente transformar as nosas estruturas socioeconómicas –propias do século XX (regadíos intensivos, promocións turísticas, desenvolvementos urbanísticos, dependencia enerxética, etc.)– para enfrontar un século XXI que está e estará caracterizado pola variabilidade e a incerteza e a convivencia con riscos hidroclimáticos.


*Dominic Royé é investigador de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela. Pilar Paneque Salgado é catedrática de Xeografía Humana e responsable do Global Change Research Lab e do Observatorio Cidadán da Seca da Universidade Pablo de Olavide.

Cláusula de divulgación: Pilar Paneque Salgado recibe fondos de FECYT–Ministerio de Ciencia e Innovación (liña Ciencia Cidadá, Convocatoria 2019: FCT-19-14568 e Convocatoria 2021: FCT-21-17017) para o proxecto Observatorio Cidadán da Seca (http://observasequia.es/). Dominic Royé non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado.

*Este artigo foi publicado orixinalmente por Science Media Centre España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.