Sofía e Mateo volveron ser os nomes máis empregados entre os bebés que naceron en Galicia durante o pasado ano 2024. Así o reflicte a estatística publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística sobre os nomes dos neonatos galegos do ano. Estes dous antropónimos xa encabezaran a lista en 2022, 2020, 2019 e 2018.
O informe recolle unha listaxe de cincuenta nomes máis frecuentes, ordenados de maior a menor uso. No caso dos nenos, os cinco máis escollidos polas familias galegas foron Mateo, Martín, Leo, Hugo e Lucas. Pola súa parte, entre as nenas destacaron Sofía, Vega, Noa, Martina e Olivia.
A comparación cos datos de 2023 mostra algunhas variacións. Aquel ano, Mateo tamén lideraba os postos masculinos, seguido por Martín, Hugo, Leo e Enzo, mentres que Lucas ocupaba o sexto lugar. No caso das nenas, Noa foi o nome máis empregado en 2023, por diante de Sofía, Olivia, Martina e Valeria.













