A revolución do drag, unha ferramenta para divulgar a ciencia

Sassy Science e Meiga-i son dous exemplos de como o drag pode achegar a ciencia á sociedade galega

A divulgación científica é un xeito de facer partícipe á sociedade dos logros e avances que se fan dende a academia, pero esta disciplina non deixa de renovarse, ofrecendo todo tipo de contidos grazas aos diversos espazos e formas de comunicación que continúan xurdindo. Neste sentido, o drag aparece cada vez máis como unha práctica unida a esta difusión do coñecemento e da información, posibilitando achegar a ciencia a distintas esferas da sociedade.

“Hai que entender o drag e o transformismo, non como unha disciplina, senón como unha práctica. Dunha drag paiasa, a súa disciplina é ser paiasa, e dunha drag científica, a disciplina é a ciencia. O drag é unha práctica escénica que pretende xogar cos marcadores de xénero coa fin de crear unha fantasía ou contar unha historia, e iso podes levalo a múltiples disciplinas”. Así fala Javier Sánchez (Vigo, 1997) baseándose na investigación existente arredor da cuestión.

Publicidade

“Quero romper o estereotipo de que a diversidade só existía en Madrid ou Barcelona”, sinala Javier Sánchez

Meiga-i, unha pandeireteira que viaxa no seu OFNI (Obxecto Folclórico Non Identificado), é precisamente a personaxe que utiliza Sánchez para divulgar a diversidade e a disidencia dende un punto de vista antropolóxico: “Nos meus espectáculos intento baixar a garda do público a través do humor, monólogos e cancións, e vou introducindo anécdotas sobre a cultura galega explorando a memoria da diversidade en Galicia. Quero romper o estereotipo de que é algo que só pasou en Madrid ou en Barcelona”. Así, ao máis puro estilo Quen quere ser millonario, Meiga-i vai interpelando ao público arredor de cuestións como a sexualidade da muller nas cantigas tradicionais ou as xiras de transformismo do Lugo do século XIX no seu Saber e cantar.

Máis preto das ciencias naturais está Sassy Science, o alter ego de Mario Peláez (Langreo, 1992) no eido da divulgación, que puido presentar a súa proposta na Universidade de Santiago de Compostela (USC) grazas á G-Night: “O drag é un arte celebratorio, onde todas as partes que ás veces se agochan nunha contorna seria, como a academia, póñense de manifesto. Penso que o drag aporta visibilidade, e tamén disocia os conceptos de serio e rigoroso. Porque eu rigorosa moito, pero de seria non teño un cabelo, nin sequera da perruca. O drag tamén axuda a que a forma na que fago divulgación xa estea enfocada a un público concreto, mulleres cisheterosexuais e persoas LGTBIQA+, que non sempre teñen o seu espazo nin na academia nin no mundo da comunicación científica“. Actualmente, Peláez continúa a súa especialización en Física na Universidade de Lille grazas a unha beca Margarita Salas.

Publicidade

Os comezos

A pesar das coincidencias no seu labor comunicativo, os seus comezos foron bastante diferentes. No caso de Javier Sánchez, a súa investigación comezou por un interese persoal, pero, como comunicador profesional, non puido evitar interesarse pola transmisión destes coñecementos que el acumulara: “Non escribo libros, a miña divulgación está circunscrita aos escenarios. Penso que a transferencia da información ten que conectar coa poboación suxeito destes estudos, porque o que non pode ser é que no colectivo teñamos que ser todas académicas para entender a nosa propia historia”.

Neste sentido, Sánchez apunta moito ao labor de Daniela Ferrández, doutora en Historia que está traballando na investigación da historia da disidencia sexual na Galicia de finais do século XIX e do século XX, e reivindica o papel da cultura popular: “Historicamente foi considerado algo ordinario e non se consideraba cultura, chamábase usos e costumes. O que se está a facer actualmente é reivindicar o papel das pandeireteiras, as que transmitiron este legado a través da música”.

Daniela Fernández: “Hai referentes de diversidade  esquecidos ou agochados no pasado e cómpre recuperalos”

A propia Ferrández explica que “o drag pertence a un movemento que cuestiona os estándares normativos do sistema sexo-xénero e abre as portas á visibilidade da diversidade. A importancia da memoria da disidencia sexual é vital para o colectivo, para saber que tivo un pasado, comprenderse no presente e imaxinarse no futuro. É importante para que as persoas que fan parte da diversidade saiban que non aparecimos no mundo hoxe, senón que hai referentes no pasado esquecidos ou agochados e cómpre recuperalos por xustiza con eles e con nós mesmas”.

Para Mario Peláez, a aparición de Sassy foi unha converxencia de dous mundos nos que xa se estaba desenvolvendo como persoa: “Por unha banda estaba o meu proxecto, Enabling Excellence, onde recibíamos formación en comunicación, pero tamén tiñamos que aplicala a algo. Por outro lado, eu formaba parte da asociación SOMOS LGTB+ Aragón, onde me deron un primeiro espazo seguro no que explorar o drag e onde naceu Crisis Artítica, o meu nome drag cando non estou facendo divulgación. Como estas dúas cousas se desenvolveron practicamente ao mesmo tempo, pareceume unha boa idea mesturalas e ver que pasaba”. Deste xeito, o drag converteuse nunha forma de achegar a súa especialización na caracterización de materiais a través de microscopia electrónica ao público xeral.

Converxencia

O drag, como práctica de comunicación científica, converxe coa academia nun espazo onde ambos mundos poden beneficiarse. Sánchez apunta precisamente cara a apertura da academia e as posibilidades que isto ofrece: “As persoas queer que antes vivían na marxinalidade hoxe están chegando á universidade e estanse doutorando. Historicamente, a investigación estaba feita dende fóra, agora somos nós, os grupos afectados. Hai un cambio de enfoque porque ti non podes intentar analizar o queer sen adaptarte ao seu marco de referencias. Se intentas analizar o transformismo dende o punto de vista do binarismo de xénero non o vas entender. Vas intentar aplicar etiquetas a algo que é unha contestación a esas etiquetas“.

“O groso do público non sempre entende ata que punto a investigación é unha profesión creativa”, afirma Mario Peláez

Non obstante, esta relación tamén funciona bidireccionalmente, e é precisamente nisto no que Mario Peláez intenta facer fincapé: “A ciencia aporta ao drag un punto de vista diferente, que se centra dentro do arte que existe dentro do propio proceso científico. Penso que o groso do público non sempre entende ata que punto a investigación é unha profesión creativa e o drag axuda a poñer unha ponte entre estas dúas realidades. Tamén, o feito de unir estes dous mundos fai que, quen estamos niso, teñamos unha comunidade propia. Non estou facendo isto eu soa, senón que coñezo multitude de raíñas que están a facelo tamén“.

Así, o drag convértese nunha práctica con numerosas vertentes que cabe explorar. Alén do seu potencial como ferramenta da comunicación, para Sánchez tamén é importante remarcar este como un ámbito de investigación no que analizar o transformismo como un experimento de distintas propostas arredor de como se vive o xénero hoxe en día, así como as distintas expresións que tomou no pasado. “Son unha drag que estuda o drag. Actualmente é un tema bastante trepidante e está dando opcións a un marco que se cría estático. E non se trata de perturbar o pasado, senón de identificar cousas que sempre estiveron aí, pero que se negaron“, explica o comunicador e o creador do catálogo Escolma Diversa, un mapeo que presenta información e anécdotas recollidas por diversos investigadores da cuestión en forma de xogo.

Neste sentido, Sánchez considera os medios masivos unha potente plataforma que posibilita transferir o coñecemento a grandes audiencias: “Aínda existe esta concepción de que todo o que sae na televisión é a verdade, o bo e o desexable. Que unha avoa vexa un programa onde aparecín pode significar que cando o seu neto lle pida unha saia ela diga que si”.

Xustamente neste eido entra a investigación de Daniela Ferrández, aínda que non se centra só no transformismo, senón que abrangue toda a memoria da disidencia sexual: “Evidentemente o rural é moito máis difícil de investigar, a nivel de fontes costa máis penetrar e coñecer o que aconteceu alí, pero o que se observa é que nas comunidades rurais prima a veciñanza, con quen podes ir construíndo esa comunidade, polo tanto non se segue tanto a norma. Levar todo isto aos centros de ensino, coñecer a existencia de persoas que viviron alén da norma, é fundamental e o drag, igual que outros elementos, poden axudar nesa difusión”.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A G-Night superará as 200 actividades na súa quinta edición

Vigo, Ourense e Pontevedra sumarán máis de 40 eventos que achegan a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade

Un equipo galego demostra os efectos negativos do eucalipto nos ecosistemas fluviais

O estudo da UVigo constata que a diversidade de especies nos regatos diminúe naqueles lugares rodeados das árbores oriúndas de Australia

Kip Thorne, premio Nobel: “É probable que descubramos a orixe do universo en 30 ou 40 anos”

O físico albisca un futuro próximo no que as ondas gravitacionais desvelen a orixe do cosmos e defende a universidade fronte á "estupidez" de Trump

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade