Ciencia, tamén nos novos formatos: así é a divulgación no Twitch en galego

Unha das plataformas de máis éxito entre a mocidade conta con varios programas que falan de investigación desde diversos enfoques

Os proxectos de Ecos de Xigantes, Balea Vermella e Ciencia e Tal suman centos de seguidores e miles de visualizacións entre a comunidade de Twitch en galego.
Os proxectos de Ecos de Xigantes, Balea Vermella e Ciencia e Tal suman centos de seguidores e miles de visualizacións entre a comunidade de Twitch en galego.

Ao principio falábase, sobre todo, de videoxogos, e aínda seguen presentes moitos dos prexuízos cara a unha das industrias culturais máis puxantes no mundo. Iso parecía Twitch desde fóra. Pero o gran crecemento que por mor da pandemia e o confinamento tiveron as plataformas de streaming en directo abriu a boa parte da sociedade unha xanela nova á creación e difusión de diversos formatos de entretemento, mais tamén informativos. Algo que aconteceu igualmente na divulgación científica, e tamén en galego. Este mes de setembro comezaban a súa tempada tres iniciativas impulsadas por mozos e mozas que usan Twitch para achegarse a diversas cuestións vinculadas á ciencia.

Balea Vermella, Ciencia e tal e Ecos de Xigantes suman xa centos de seguidores que todas as semanas se conectan ás conversas en directo sobre asuntos vinculados á investigación científica que se fai no país ou a outros temas de actualidade. Aproveitando a interacción en vivo que Twitch ofrece, estes tres proxectos enganchan cun público máis novo e enriquecen a variedade de contidos que un grupo crecente de creadores e creadoras están a impulsar.

A colaboración no Twitch en Galego

En agosto de 2020 poñíase en marcha a iniciativa Twitch en Galego. E nacía facendo da necesidade virtude. Hoxe en día a plataforma segue sen etiquetar os directos no idioma, “polo que non existía unha forma sinxela de localizar aquelas persoas” que apostan por emitir en galego, explican no web da iniciativa. Deste xeito, e para funcionar como unha especie de directorio que recollese todas as iniciativas en galego que xurdían nesta rede, naceu unha conta de Twitter na que un chío avisa cada vez que alguén inicia un directo.

A rede sumou pouco a pouco mans dispostas a axudar, que permitiron mellorar o seguimento e a colaboración na comunidade. Deste xeito, elaboráronse, entre outras ferramentas, unha axenda para informar dos directos de cada semana, unha rede de ligazóns para coñecer todas as canles activas, ou unha guía de recursos para as emisións, ademais de traballar, como na orixe da iniciativa, para que Twitch recoñeza o galego como un dos idiomas de emisión dos seus directos, xa que segue sen ser posible atopar as retransmisións etiquetadas nesta lingua (a petición pode asinarse nesta ligazón).

No referente aos directos, a comunidade de Twitch en Galego colabora de diversos xeitos. Son frecuentes os directos nos que comparten emisión as persoas que impulsan cadansúa canle, así como as raids: cando finaliza unha transmisión da rede, os seguidores son enviados directamente a outro usuario de Twitch en Galego, o que pode dar máis visibilidade a proxectos menos coñecidos e sobre diversas materias.

As diversas voces que están a abrir oco á divulgación científica en galego en Twitch coinciden na boa acollida que van acadando, así como no espírito de colaboración e o bo ambiente que se respira nunha rede da que moitas veces se destaca o seu carácter nocivo, mais non tanto as propostas construtivas que tamén teñen espazo nela. Ademais, o modo no que se desenvolven as conversas dan pé, por exemplo, a poder escoitalas tanto en vídeo como en podcast, o que facilita o seguimento de cada un dos programas.

Ecos de Xigantes (os luns)

A primeira canle impulsárona Carmela Cela, Diego Ferraz e Darío Lago. O nome ten reminiscencias á metáfora “A ombros de xigantes”, que exemplifica o avance da ciencia en base aos grandes pasos que deron outras persoas no pasado. “Dalgún xeito queremos ser os voceiros da xente que nos trouxo ata aquí, de quen fai posible que a ciencia siga avanzando hoxe”, explica Carmela Cela, bioquímica de Triacastela que está a realizar o seu doutoramento no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa, do CSIC, en Madrid. Carmela xa era parte de Ciencia con Carmen, unha canle de divulgación xunto a dúas amigas (tamén chamadas Carmen), e puxera en marcha outro proxecto persoal, tamén sobre ciencia.

As outras dúas patas de Ecos de Xigantes viñan igualmente de proxectos previos. Diego Ferraz ten unha sección de divulgación, Naturiza, en El Salto e unha canle de Twitch en castelán (@ecodiuku), nas que aborda o medio ambiente o cambio climático. De feito, participou recentemente na COP26 de Glasgow. E Darío Lago é a man detrás de O Son das Ideas, unha serie de contidos sobre física. A combinación de tres disciplinas complementarias foi unha das razóns para que os tres camiños se unisen.

No Nadal de 2020, Darío e Diego contactaron con Carmela para propoñerlle poñer en marcha algo en común, o que supuxo o nacemento de Ecos de Xigantes. “Cada un aprende do que pode contar e explicar a outra persoa, complementámonos e cada un de nós damos un enfoque distinto aos temas”, explica Darío Lago.

Desde o comezo do proxecto xa abordaron asuntos como o estudo do fitoplancto, a xenómica e evolución do cancro, debates sobre a carreira académica e, como é habitual na comunidade de Twitch en galego, encontros con responsables doutras canles coas que comparten o tempo.

Ciencia e Tal (os mércores)

Outra das citas semanais, neste caso o mércores, é a de Ciencia e Tal. Detrás deste proxecto están Iván Varela Sandá e Paula Otero Sánchez. Iván xa desenvolvera, en meses anteriores, o proxecto de A Camisola, unha iniciativa que tamén abordaba a divulgación científica con entrevistas en directo, e a través de Twitch, a persoas expertas en distintos eidos. E posteriormente o seu camiño uniuse co de Paula. “Eu fixen o doutoramento no CiQUS e coñecía a Paula, que traballa no CiMUS, e decidimos unir camiños para facer un programa máis distendido”.

O sinal de identidade de Ciencia e Tal é a aposta por figuras que están empezando a súa carreira investigadora. “Decidimos centrarnos en xente nova, que están desenvolvendo proxectos moi interesantes e que teñen moito que contar e moitas veces non aparecen tanto nas noticias”, conta Paula.

No contexto máis informal e espontáneo do Twitch, Ciencia e Tal intenta conxugar o fomento do coñecemento e o método científico cunha perspectiva máis recreativa. “Falamos do que nos apetece falar, con temas desenfadados, que teñan saída tamén nun público cun perfil non científico. Para nós sería algo así como tomar unha cerveza ou un café virtual, pero coa idea de compartir a necesidade de ter en conta a ciencia para tomar decisións informadas”, resumen Paula e Iván.

O proxecto suma xa nove programas, nos que os dous presentadores comparten espazo con un ou máis expertos. Tiveron cabida en Ciencia e Tal cuestións como a astrofotografía,  a experiencia de dous químicos nun laboratorio dun premio Nobel, a importancia das feromonas, a diversidade dos novos fármacos, os cancros transmisibles en animais, a física de partículas ou os primeiros auxilios.

Balea Vermella (martes ou xoves)

É a unión de Javier Balea e Iria Veiga (@rainhavermella nas redes, o que explica o nome do proxecto conxunto), un químico e unha psiquiatra cun longo interese pola divulgación científica e, á fin e ao cabo, “dous amigos aos que lles encanta falar sobre ciencia”. Despois do impulso de Concienciadas, onde xermolou a colaboración entre Javier e Iria, as consecuencias da Covid-19 deron pé a iniciar un proxecto nun novo formato. Balea Vermella conta coa colaboración económica de PuntoGal e o apoio de Xerais, xa que entrevistan aos autores da colección Básicos Ciencia e sortean os seus libros nas redes.

“Con isto da pandemia fíxosenos imposíbel realizar un proxecto conxunto de forma presencial e en Twitch atopamos a fórmula perfecta”. Balea Vermella existe, segundo destacan, polo camiño que abriron outros proxectos de divulgación. “Todo foi grazas ás compañeiras de Ecos de Xigantes, que foron as primeiras en abrir unha canle sobre contidos de ciencia no noso idioma e animámosnos despois do seu primeiro directo, que foi xenial”.

Así, cada xoves, e con cadanseu convidado, Balea Vermella aborda cuestións como a saúde mental, a intelixencia artificial, a contaminación luminosa ou as criptomoedas. De cando en vez, baixo o formato de “cóctel científco”, pasan polo programa unha serie de divulgadoras que de forma breve falan da súa especialidade.

Sobre as vantaxes deste formato, Javier e Iria destacan, “por exemplo, a espontaneidade e a inmediatez e tamén o contacto directo cos espectadores”. Tamén existen limitacións, como a xa mencionada carencia dunha etiqueta para o idioma galego, que é suplida polo esforzo da comunidade de Twitch en galego.

A comunidade de Twitch en Galego

Alén da ciencia, no paraugas de Twitch en Galego collen todo tipo de formatos que axudan a enriquecer o uso do idioma na plataforma. “A comunidade que se creou en tan só un ano é incríbel. Estas novas propostas de contidos, onde maioritariamente hai videoxogos, pero tamén música, arte, deporte, política e por suposto ciencia poden ser un bo impulso na normalización da lingua e tamén unha forma moi interesante de conectar con novos públicos”, reflexionan Javier Balea e Iria Veiga.

No caso de Ecos de Xigantes, os tres compoñentes emiten desde fóra; Carmela e Diego desde Madrid e Darío desde Barcelona. “Dá moito gusto, máis se cabe estando fóra, porque facendo isto síntoma máis preto da casa e en contacto coa xente, reforza o sentido de pertenza”, comenta Carmela Cela.

E engaden, sendo investigadores en institucións públicas, que o feito de “divulgar o traballo que facemos é unha forma de devolverlle á sociedade o que nos dá a nós, xa que está pagando o noso labor cos seus impostos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.