* Un artigo de

Segundo a Organización Mundial da Saúde unha de cada seis persoas sufrirá cancro ao longo da súa vida. É unha estimación estatística demoledora que pon de relevo as dimensións, as dificultades e, sobre todo, os desafíos que expón esta enfermidade tan prevalecente.

Baixo o termo “cancro” englóbanse máis de cen enfermidades distintas, que quedan clasificadas segundo o tecido do corpo no que aparece. A principal característica das células canceríxenas é que se dividen rapidamente e acaban producindo tumores.

Por iso una das ferramentas máis comúns para tratar o cancro é a quimioterapia, fármacos que bloquean a división celular. Con todo, moitos dos fármacos anticanceríxenos que se utilizan actualmente presentan un gran inconveniente: a selectividade ou, máis ben, a falta dela.

No noso corpo existen células que se están dividindo continuamente de maneira normal como, por exemplo, as células do pelo ou as do estómago. Así que, cando son administrados, os fármacos quimioterapéuticos non só impiden a división das células canceríxenas, senón tamén a destas células sas.

É entón cando aparecen os chamados efectos secundarios como a perda de cabelo, vómitos, diarreas e náuseas, entre outros.

A luz como axente terapéutico

Como alternativa á quimioterapia convencional, a comunidade científica leva décadas axuntando os seus esforzos para desenvolver tratamentos que melloren esa selectividade co obxectivo de minimizar os efectos secundarios.

De entre as moitas estratexias que se están investigando unha das máis interesantes é aquela que busca combater o cancro con luz. Existe unha modalidade de tratamento que recibe o nome deterapia fotodinámica”. Consiste en aplicar unha radiación de luz como método para frear a proliferación das células canceríxenas.

Pero como é posible que a luz poida tratar o cancro?

A terapia fotodinámica é unha técnica non invasiva que se leva usando con éxito nos hospitais desde 1970, principalmente para o cancro de pel e para tumores superficiais moi localizados onde a aplicación de luz é accesible.

A técnica baséase nun tipo moi particular de moléculas denominadas “fotosensibilizadores”: substancias capaces de capturar a enerxía da luz. Estas non adoitan ter actividade farmacolóxica por si mesmas, pero cando se irradian con luz actívanse e desencadean unha serie de reaccións químicas que terminan inducindo a morte das células canceríxenas.

Como funciona a terapia fotodinámica

A terapia fotodinámica require da presenza simultánea de tres elementos: o fotosensibilizador, a luz e o osíxeno.

Mentres que os dous primeiros son axentes externos, o osíxeno é un factor endóxeno que se atopa presente no interior das nosas células.

O seu funcionamento é o seguinte:

Primeiro adminístrase o fotosensibilizador ao paciente. Isto permite que se acumule no interior celular. A continuación, cun láser ou con luces LED da cor indicada –dependendo do fotosensibilizador utilízanse lámpadas verdes, amarelas ou vermellas–, ilumínase a zona onde se atopa o tumor.

O fotosensibilizador captura entón a enerxía da luz e actívase, pasando a un estado de maior enerxía. Desde este estado, o fotosensibilizador transfire a enerxía luminosa ao osíxeno das células.

Cando o osíxeno celular recibe esta transferencia de enerxía xérase un osíxeno reactivo que é tremendamente tóxico para a célula canceríxena e termina destruíndoa. Mentres tanto, o fotosensibilizador regresa ao seu estado orixinal, ao momento de partida, disposto a recibir un segundo fotón de luz e comezar novamente o ciclo.

Mecanismo de acción da terapia fotodinámica. Fonte: elaboración propia. Enrique Ortega- Forte.
Mecanismo de acción da terapia fotodinámica. Fonte: elaboración propia. Enrique Ortega- Forte.

En resumo, a acción antitumoral da terapia fotodinámica non se debe ao fármaco nin á luz, senón ao osíxeno reactivo que se forma nestas reaccións. De feito, tanto a luz como o fármaco como o propio osíxeno son inocuos. É a combinación dos tres elementos o que se volve letal para as células tumorais.

A principal vantaxe da terapia fotodinámica reside en que –a diferenza da quimioterapia convencional– o uso da luz permite controlar a acción farmacolóxica no tempo e no espazo, coma se fose un interruptor, pois só alí onde se aplique terán lugar estes procesos fotoquímicos.

Deste xeito, ao iluminar soamente a zona do tumor, esta terapia lograría destruír selectivamente esa rexión localizada. Isto reduciriría os efectos secundarios no resto do corpo.

O futuro da terapia fotodinámica do cancro

A pesar das vantaxes que ofrece a terapia fotodinámica, esta estratexia ten un punto débil. É un talón de Aquiles que a miúdo impide o seu efecto terapéutico. Trátase do terceiro elemento: o osíxeno.

En xeral, no interior dos tumores a cantidade de osíxeno é realmente baixa. As células tumorais internas son capaces de sobrevivir sen apenas osíxeno, polo que as reaccións da terapia fotodinámica non poden ocorrer nelas e, en consecuencia, o tratamento falla. Ademais, a escasa penetración da luz nos tecidos máis internos tamén limita o efecto deste tratamento.

Con todo, a fototerapia do cancro presenta un futuro prometedor.

Por unha banda, as investigacións científicas actuais están centradas no deseño de novos fármacos fotosensibilizantes con efectos mellorados: desde unha maior acumulación no tecido tumoral ou unha maior activación ao aplicar a luz ata o desenvolvemento de moléculas que actúan con independencia do osíxeno.

Doutra banda, os avances en tecnoloxía óptica están a permitir o desenvolvemento de sondas e fibras capaces de conducir a luz ata áreas internas do corpo humano, o que permitiría a súa aplicación noutros tipos de cancro aínda inexplorados por esta terapia.

A terapia fotodinámica non aspira a desprazar á quimioterapia convencional, que segue sendo imprescindible e efectiva, pero cada vez estamos máis preto de ver como esta ferramenta terapéutica ilumina a abordaxe dese conxunto de enfermidades que coñecemos como cancro.


* Enrique Ortega Forte é investigador na Universidade de Murcia.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.