Sábado 20 Abril 2024

“Os avances en medicina non serán posibles sen intelixencia artificial”

Unhas xornadas organizadas polo CiTIUS e a Fundación IDIS afondan na relación entre estas dúas disciplinas, que se estreitou coa chegada da pandemia

Realizar un diagnóstico con gran precisión ou detectar patoloxías con escasa marxe de erro. Eses son só algúns dos beneficios resultantes da aplicación da intelixencia artificial ao campo da medicina. Así o resume o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro. “Os novos avances en medicina non serán posibles sen intelixencia artificial. Non é simplemente explorar novos ámbitos de aplicación. Tamén é atender a demanda dunha mellor sanidade”, declara o investigador. Ademais, Barro está a ser un dos coordinadores das xornadas Intelixencia Artificial en Medicina: das implicacións ás aplicacións, que se celebran hoxe en Santiago.

Para salientar a importancia desta unión entre as dúas disciplinas, Barro asegura que o mellor exemplo é a pandemia. Dende que estoupou a crise sanitaria, a intelixencia artificial está cada vez más presente nas nosas vidas, especialmente en todo o referente á medicina. “Isto púidose ver nas aplicacións de rastrexo de contactos, nos modelos de predición da evolución da pandemia ou na propia distribución loxística”, puntualiza o directos do CiTIUS, quen vai máis alá e recorda: a primeira en dar a voz de alarma sobre “unha neumonía en Wuhan” foi unha empresa canadense, grazas ao uso dunha tecnoloxía que permitiu a detección temperá.

Publicidade

A intelixencia artificial usouse para o rastrexo de contactos e para predicir a evolución da pandemia

Cando se fala de coronavirus é inevitable pensar nas vacinas. Barro asegura que non ten constancia de que as que hai actualmente no mercado empregasen a intelixencia artificial durante o seu proceso de fabricación e distribución, mais si sabe que hai outras en camiño que a están utilizando. “O descubrimento de novos fármacos está fervendo de aplicacións de aprendizaxe automática”, di o investigador. Tamén detalla que poñer un novo medicamento no mercado pode custar arredor de 2.000 millóns de euros. Polo tanto, se a intelixencia artificial é capaz de acurtar os prazos e o custo, as repercusións serán positivas, “non só nas nosas vidas, tamén nas nosas carteiras”.

Os riscos

Mais non todo son beneficios. Senén Barro asegura que as solucións de intelixencia artificial tamén teñen os seus riscos. Pon como exemplo o caso dunha compañía de seguros americana. Puxeron en marcha un sistema para predicir que persoas necesitarían unha atención máis intensiva para reducir os seus gastos sanitarios. O que ocorreu foi que o sistema primou a xente branca. “Este tipo de persoas, por status socioeconómico, tiñan gastos médicos superiores. Pero iso non significaba que precisasen máis atención médica”, apunta o director do CiTIUS. Malia esta experiencia, detectouse o erro e corrixiuse. “Estas máquinas aprenden o que lles botes”, puntualiza Barros.

Hai outras ocasións nas que un non é capaz de explicar como este tipo de sistemas de intelixencia artificial son capaces de facer determinadas predicións. Segundo explica o investigador, unha empresa dos Estados Unidos desenvolveu hai uns anos un sistema para determinar a morte temperá, en menos dun ano, de persoas con patoloxías cardíacas. “Os resultados que obtivo deron unha capacidade preditiva moi superior á dos expertos humanos”, indica.  É dicir, que as máquinas son capaces de ver sutilezas e establecer correlacións que se lle escapaban aos cardiólogos. “É moi interesante porque nos achega novo coñecemento ata agora inaccesible. Non obstante, dende o punto de vista da aplicación práctica é máis complicado. Ata que punto lle podes dar a un paciente un resultado que non es capaz de integrar na explicación médica?”, pregunta Barro.

Horario das xornadas

Pero as eivas corríxense e o director do CiTIUS ten claro que o futuro da medicina pasa por aí: por aplicar a intelixencia artificial. Por iso organizan estas xornadas, divididas en dous días. Hoxe celébrase a súa segunda parte, que contará con expertos de diferentes eidos. “Este tipo de iniciativas son fundamentais porque necesitamos informar á sociedade e formar aos que se están implicando tanto no mundo da intelixencia artificial como da medicina”, explica Barro. Segundo continúa asegurando, son ámbitos que non poden avanzar por separado, posto que os equipos teñen que ser multidisciplinares.

Máis polo miúdo, estas xornadas están impulsadas polo CiTIUS e a Fundación IDIS, que apostan polo formato híbrido. É dicir, as conferencias pódesen seguir de maneira presencial ou telemática. Este mércores 17 comezarán sobre as 15.45 horas cunha presentación que correrá ao cargo do decano da facultade de Medicina, Julián Álvarez Escudero. Logo virán dúas mesas redondas; unha delas sobre o descanso activo. Tamén se celebrará a charla Do laboratorio ao mercado. Finalmente, pecharanse as xornadas que, talvez, contribúan a sementar as bases dun vínculo máis profundo e duradeiro entre a intelixencia artificial e a medicina.


Se quere máis información, pode premer nesta ligazón.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo modelo de IA afina o diagnóstico e o tratamento das arritmias cardíacas

Un equipo de Barcelona deseña un método que permite fixar con exactitude o lugar de orixe desta afección do corazón

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas