Unha nova empresa especializada no descubrimento de fármacos de precisión para o tratamento do cancro únese ao ecosistema biotecnolóxico de Galicia. A compañía Iteria Biopharma, con sede no parque empresarial de Touro (A Coruña), inicia a súa andaina co desenvolvemento preclínico dun candidato para o tratamento do cancro de próstata que desenvolveu resistencia á terapia estándar de privación de andróxenos. Iteria Biopharma nace para xestionar os avances obtidos polo laboratorio GalChimia —tamén con sede en Touro— no proxecto MAOPROST, adicado precisamente a investigar o cancro de páncreas avanzado resistente á medicación.
O capital de Iteria Biopharma está integrado por GalChimia, empresa galega de servizos para a industria farmacéutica liderada por Carme Pampín e Jacobo Cruces; Julio Castro, CEO e fundador da biotech Palobiofarma con sedes en Navarra e Barcelona; e Ramon Bosser, que ademais asume a posición de CEO na compañía, achegando máis de 28 anos de experiencia en programas de desenvolvemento de medicamentos en contornas farmacolóxicas e biotecnolóxicas.
Origo como punto de partida
O equipo promotor repite experiencia tras a súa anterior iniciativa: Origo Biopharma. Trátase dunha empresa biotecnolóxica especializada no descubrimento de fármacos órgano-restrinxidos para o tratamento da fibrose intestinal e pulmonar. Despois de acadar fases clínicas co seu candidato para a fibroestenose asociada á enfermidade de Crohn e iniciar un segundo programa preclínico para o tratamento a fibrose pulmonar idiopática, Origo foi adquirida en 2021 pola empresa belga Agomab Therapeutics. A compañía estranxeira continuou co desenvolvemento clínico de ambos os programas iniciados por Origo Biopharma.
“Así como Origo facía referencia á orixe dunha colaboración co reto de avanzar un primeiro programa de descubrimento de fármacos; Iteria simboliza a nosa intención de afianzar este modelo de cooperación e repetir a experiencia impulsando un novo proxecto. O aprendido anteriormente permítenos agora arrincar cun núcleo consolidado e avanzar con axilidade neste sector tan competitivo”, explica Carme Pampín.
O proxecto MAOPROST, do que nace Iteria Biopharma, foi unha iniciativa que contou co financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Axencia Estatal de Investigación. O seu obxectivo era o descubrimento e desenvolvemento de produtos terapéuticos para combater o cancro de próstata avanzado, aquel que é resistente á terapia de privación de andróxenos.
Outros tipos de cancro
Iteria Biopharma xa comezou a traballar no desenvolvemento de programas especializados en combater outros tipos de cancro de alta necesidade médica non cuberta. “Temos a intención de aplicar os últimos avances no deseño de novos compostos a dianas terapéuticas coñecidas e validadas farmacoloxicamente, pero que resultan extremadamente complicadas de modular utilizando os métodos de descubrimento de fármacos convencionais”, comenta Julio Castro, un dos fundadores de Iteria Biopharma.
Os tres socios achegarán capital suficiente para iniciar o desenvolvemento preclínico do primeiro programa a finais deste ano, e buscarán levantar capital público e privado durante 2025 para poder garantir o avance eficiente dos seus proxectos.














