O mércores 4 de marzo, o Servizo Galego de Saúde confirmaba o primeiro positivo por Covid-19 en Galicia. Tratábase dun caso importado, procedente de Madrid: un home que ingresara o luns 2 de marzo no Chuac da Coruña con síntomas compatibles cunha pneumonía de orixe vírica. Aínda que na comparecencia na que se informou o caso, Sanidade sostiña que o virus non estaba a circular por Galicia, parece que os contaxios xa se estaban producindo fóra do radar das autoridades sanitarias, tal e como aconteceu no resto de España e boa parte dos países afectados pola pandemia. Así o constatan os datos difundidos este xoves polo Ministerio de Sanidad, que actualizou, por primeira vez desde o 20 de maio, a súa serie de evolución da pandemia, toda vez que a nova estratexia de diagnóstico e control, que entrou en vigor o 11 de maio, e centrada na detección precoz de todos os casos, levou a facer unha revisión individual dos case 242.000 casos confirmados en España ata esta semana. É tamén a primeira vez, ante a decisión da Xunta de Galicia de non difundir a evolución destas cifras (das que dispón, xa que é quen as facilita ao Ministerio) que se difunde a serie para cada unha das catro provincias galegas.
39 persoas con síntomas ata o 1 de marzo en Galicia
Segundo a táboa divulgada por Sanidad a través do Instituto Carlos III, o 1 de marzo, un día antes de que ingresara no hospital o que sería o primeiro caso detectado polas autoridades en Galicia, 39 personas xa iniciaran síntomas. Moitos deles, segundo explicaron as autoridades en diversas ocasións, eran importados, pero todo apunta a que xa se estaban xerando algunhas cadeas de transmisión comunitaria. O 9 de marzo, trascendía un foco nun centro cívico da Coruña, converténdose na primeira evidencia pública de contaxios locais, con 11 casos xa confirmados. Para aquel día, a pesar da tardía chegada da pandemia a Galicia, xa eran 200 as persoas que, segundo expuxeron despois nas enquisas epidemiolóxicas realizadas polos profesionais sanitarios, manifestaran ata ese momento algúns dos síntomas da Covid-19. Só cinco días despois, cando todo o país comezaba a confinarse, eran 900 afectados os que iniciaran síntomas. Ese 13 de marzo, comezaban a enfermar, sempre segundo os datos do ISCIII, 2.700 persoas en Madrid e 1.300 en Cataluña.
En Galicia, a primeira das persoas diagnosticadas de Covid-19 que manifestou ter algún indicio da doenza remontaríase ata o 15 de xaneiro e pertence á provincia de Pontevedra, segundo destacaba este xoves o xornal Praza. A información, tal e como explica o portal sobre a Covid-19 que xestiona o Centro Nacional de Epidemiología (CNE), do Instituto Carlos III, “procede da enquisa epidemiolóxica dos casos que cada comunidade autónoma cumprimenta ante a identificación dun caso de Covid-19”.
Con todo, esta información provisional, aínda tratándose da serie máis completa difundida ata o momento polas autoridades, “pode ser incompleta, conter erros e sufrir retrasos en distinta medida”, unhas discrepancias que se irán corrixindo nas vindeiras semanas. “Precísase un tempo para a súa depuración e consolidación”, polo que “debe interpretarse con precaución“, explica o ISCIII.
Esta é a imaxe que se obtén dos datos difundidos polo ISCIII en cada provincia galega desde o 1 de xaneiro ata o 7 de xuño:
O ‘pico’ de síntomas, a mediados de marzo
Deste xeito, as cifras apuntan a que na última semana de febreiro e a primeira de marzo, cando aínda non se establecera ningún tipo de limitación de actividade nin mobilidade en España, o SARS-CoV-2 estaba xa xerando focos de contaxio en moitas partes do país. Un erro colectivo no que ninguén soubo ler os sinais do que xa estaba a pasar. Foi uns días despois, cando as autoridades sanitarias se volcaron no seguimento da pandemia e se comezaba a confinar á poboación, cando as probas diagnósticas constataron a orixe dos síntomas que empezaran a medrar uns días antes. Así, do venres 13 ao 20 de marzo, na primeira semana de confinamento, moita xente comezaba a experimentar síntomas. Foi arredor de 10-15 días despois, entre finais de marzo e comezos de abril, cando as probas diagnósticas ofreceron a confirmación da meirande parte de infeccións.
Segundo explica o CNE, para ofrecer o dato de casa caso “utilízase a data de inicio de síntomas ou, no seu defecto, a data de diagnóstico menos seis días”. Segundo as estratexias de Sanidad, que foron mudando segundo avanzaba a pandemia, a notificación de cada caso tamén foi cambiando. Ata o 10 de maio, confirmábanse os positivos mediante probas PCR ou anticorpos sen especificar, mentres que desde o 11 de maio inclúense os casos confirmados mediante PCR ou test de anticorpos con positivo en IgM (os que aparecen nunha fase máis temperá da infección) se neste caso existen síntomas compatibles coa Covid-19.
Case a metade dos casos, na provincia da Coruña
Ademais da evolución da pandemia desde o seu comezo, a publicación das cifras por cada provincia permite obter, por primeira vez, o total de casos confirmados en cada unha das catro rexións administrativas galegas, algo do que tampouco informou a Xunta desde o comezo da crise. Dos 9.653 casos que suman as catro, 4.289 (o 44%) do total de Galicia producíronse na Coruña. En Pontevedra diagnosticáronse 2.697, 1.897 en Ourense e 838 en Lugo. A estas persoas habería que engadir arredor de 1.800 persoas que, segundo a suma de cifras que achega a Xunta diariamente, estiveron infectadas. Este xoves eran 11.440 (10.356 xa curadas, 465 como casos activos e 619, falecidos).















Hai información do número de casos por concellos en Galicia ? En Asturias e Castela e Leon si informan. Por qué aquí non ?