O anuncio do Goberno español, que despois dunha negociación coa Comunidade de Madrid decidiu establecer criterios comúns para aplicar restricións nas grandes cidades en caso de aumento dos casos de Covid-19, parece por agora lonxe de afectar a Galicia. Ademais da baixa ocupación das UCI e as taxas de positividade das PCR (os outros dous criterios marcados para estas medidas), a incidencia acumulada nas maiores cidades de Galicia non parece estar por riba do limiar dos 500 casos por cada 100.000 habitantes. É difícil sabelo, con todo, debido á ausencia de datos por concellos por parte da Consellería de Sanidade. Porén, a incidencia a 14 días en Galicia é, no seu conxunto, é de 104,06 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, moito menos da metade da media española (284,11), e este mércores converteuse na máis baixa das comunidades autónomas, menor ca Asturias, Canarias ou Comunitat Valenciana, que nos últimos días estaban situándose por baixo de Galicia. Os datos e as decisións tomadas polas autoridades sanitarias amosan varias claves neste sentido, que se resumen aquí:
A baixada na incidencia acumulada
O 1 de setembro, antes de que a situación se complicara en exceso en comunidades como Madrid ou Navarra, Galicia tiña unha incidencia (123,02) meirande cá que ten este mércores, último día do mes. Pola contra, a media do territorio estatal, impulsada polas comunidades con peor evolución epidemiolóxica, pasou de 212,41 a 284,11 casos por 100.000 habitantes. Nestes gráficos pode observarse como foi mudando a situación desde o 14 de setembro. Podes seleccionar e comparar calquera rexión na barra de procura:
A positividade das PCR
Outro dos principais indicadores á hora de valorar o control da transmisión do virus é a taxa de positividade das PCR. Aínda que hai máis factores a ter en conta, detectar unha cifra baixa de positivos pode ser un bo sinal de que o rastrexo está sendo efectivo. Con todo, hai que ter en conta o número total de probas. Neste eido, Galicia é a cuarta comunidade autónoma cunha menor porcentaxe de positividade, por riba doutras dúas rexións cunha incidencia tamén baixa en relación ao territorio estatal (Canarias e Asturias) e o País Vasco, un dos sistemas sanitarios que maior cantidade de probas está facendo, e detectando tamén moitos casos. Así se ve a táboa.
E así se pode ver tamén nos datos facilitados por Sanidade nos últimos días, que amosan un freo no número de novos positivos sumados á serie a pesar de que as PCR chegan a superar as 6.000 diarias.
A hospitalización
Ademais do esforzo diagnóstico, o número de persoas que precisan hospitalización polo agravamento da Covid-19 é outro dos puntos aos que se presta atención para analizar a evolución da crise. Neste indicador Galicia tamén se sitúa como a zona con menor ocupación a nivel da UCI e a segunda menor no resto de camas hospitalarias.
O freo dos últimos días constátase tamén na ‘curva’ de hospitalizacións, que parece achandarse a pesar do aumento experimentado desde finais do mes de xullo.
Falecementos
Desde que o 8 de agosto se rexistrou o primeiro falecemento en Galicia por Covid-19 despois de case dous meses, cando se sumaron 619 óbitos na considerada como primeira onda, outras 121 persoas faleceron, segundo os datos difundidos por Sanidade ata o 30 de setembro. Os brotes aparecidos en residencias de maiores e a elevada idade media da poboación fan máis vulnerables a un maior número de persoas en Galicia. Ademais, o deterioro adoita acabar no falecemento tempo despois da detección dos casos, polo que se poden seguir rexistrando mortes aínda que a cifra de novos positivos estea remitindo, como nos últimos días. Segundo Sanidad, 18 persoas faleceron nos sete días anteriores ao 30 de setembro en Galicia, unha cifra menor cá da maior parte das comunidades autónomas.
Os casos activos
Diariamente, a Xunta segue achegando a situación da pandemia mediante a cifra de casos activos, que está influída pola detección de novos positivos, pero tamén polas altas que se van concedendo. Nos últimos días, unha vez que superaron a infección parte das persoas afectadas nos brotes das áreas da Coruña ou Lugo, estas zonas experimentan descensos. Non é así en Ourense e Pontevedra, onde se manteñen restricións estritas (cidade de Ourense) ou que afectan a varios concellos, o que indica que segue habendo unha alta positividade nas probas diagnósticas e unha maior incidencia respecto ao total de Galicia. Así estaba a situación ata este mércores.
Limitacións por áreas
O barullo mediático dos últimos días polas negociacións entre o Goberno español e a Comunidade de Madrid puxo en evidencia a disparidade de criterios á hora de tomar decisións para o control da transmisión do virus en función das comunidades autónomas. E tamén a notable diferenza respecto a outros países, nos que con incidencias menores cá de calquera rexión do territorio estatal, xa se están tomando medidas máis severas.
Neste sentido, a Consellería de Sanidade xa avanzara a intención de establecer limitacións que se cinguisen a áreas sanitarias, concellos ou mesmo barrios, en caso de que a transmisión aumentase. Ata o de agora, as restricións de capacidade en locais de hostalaría, a limitación no máximo de persoas en reunións (10 ou, nalgúns casos, cinco tanto en público como en privado), parecen ter efecto no control da incidencia en Galicia.
Esta mesma tarde, a Consellería de Sanidade difundiu unha nota de prensa na que criticaba ao Goberno español e consideraba a proposta de restricións como “incompleta“, “ademais de non contar con avais técnicos suficientes”, apuntando que “obvia moitos dos parámetros recollidos no documento elaborado polo Comité clínico de expertos da comunidade galega”, como a vulnerabilidade dos grupos afectados, ou a necesidade de adaptar os criterios á realidade da comunidade, con concellos de poucos habitantes.
As ordes difundidas na noite do mércores no Diario Oficial de Galicia analizan cada unha das situacións nos concellos onde se estiveron ou están aplicando medidas. Préstase especial atención ao caso de Ourense, cunha taxa de incidencia a sete días que duplica a taxa do conxunto de Galicia e unha importante afectación en persoas de idade avanzada.
Falta de información
A pesar da situación epidemiolóxica “menos mala” do país, as restricións decretadas para conter a transmisión do SARS-CoV-2 seguen xerando confusión na poboación, xa que case sete meses despois do comezo da pandemia, aínda non se coñece a situación municipal de incidencia do virus, algo do que si informan a práctica totalidade das comunidades autónomas. Do mesmo xeito, as diferentes versións ofrecidas sobra o número de rastrexadores tamén abren cuestións sen resolve por parte de Sanidade. Por estes motivos, as limitacións que se establecen nalgún concello collen con certa sorpresa á veciñanza e mesmo ás autoridades locais, que non reciben información detallada da situación ata que se establece algún tipo de medida de control. Neste sentido, a Xunta de Galicia avanzou a intención de comezar a difundir nos vindeiros días unha radiografía máis detallada da pandemia.















Gracias por el esfuerzo, la información de la Xunta es de verguenza ajena comparada con la que dan en la mayoría del resto de comunidades, nos tratan como súbditos, cediendo y manipulando la información a su antojo. Las leyes de transparencia deben ser incumplibles.
Una información que nunca aparece, ¿cuántos son los contactos realizados por caso positivo ? Hace unos días en la TVG, en el telexornal mediodía, pusieron un corte breve de una ¿responsable? (no conseguir retener el cargo) diciendo que el número era “similar a la media nacional con lo que la labor realizada parecía correcta”, y ya está, sin una mención a cifra ninguna, ni de Galicia ni media nacional. Un escándalo.
Nas redes sociais ten á súa disposición todos os datos diariamente. Se cree que a transparencia non é suficiente, explíqueme por qué hay medios que fan artigos e novas nas que mencionan, precisamente, os datos que aporta a Xunta de Galicia
aquí ten unha comparativa da información que dan as CC.AA. nos seus portáis públicos, non de redes sociais nin medios informativos nas súas páxinas de pago.
Ulo a información pública, aberta, completa e detallada da Xunta ?
https://twitter.com/manuelreyp/status/1309216383696338944
“Este mércores, o Colexio de @xornalistas reclamou á Consellería de Sanidade da @Xunta
máis transparencia sobre os datos da pandemia da Covid-19 en Galicia. Hai motivos? Se queres, acompáñame por esta viaxe pola península ”
E aquí a opinión do Colexio de xornalistas, non a miña.
http://xornalistas.gal/novas-eventos/novas/o-colexio-de-xornalistas-reclama-a-conselleria-de-sanidade-transparencia-sobre-os-datos-da-covid-19/
Ulo a información pública, accesible, completa e detallada da Xunta ?
As demandas do Colexio de Xornalitas de Galicia:
http://xornalistas.gal/novas-eventos/novas/o-colexio-de-xornalistas-reclama-a-conselleria-de-sanidade-transparencia-sobre-os-datos-da-covid-19/
Unha comparativa da información pública que dan as diferentes CC.AA.
https://twitter.com/manuelreyp/status/1309216383696338944
É unha vergonza que a Xunta de Galicia non publique os datos da Covid-19 na súa web.
Transparencia NULA!
Coñecer os datos por comarcas ou concellos axudaría moito a conter a pandemia. Non somos nenos pequenos e eses datos non son da súa propiedade. Son de todos nós!
A poboación é moito máis lista do que pensan os políticos. Se coñecemos a situación no noso entorno actuaremos en consecuencia.
A ver se lles entra un pouco de SENTIDIÑO!!!! Ocultar a información só pode empeorar o problema.
Sempre haberá cousas que mellorar, pero esta noticia demostra que seguimos á cabeza á hora de facer fronte ao virus. Os datos están ahí, aínda que é evidente que se poden mellorar as cousas, como a comunicación, iso non xustifica críticas con argumentos de “mala xestión”, porque non é verdade. O feito de ter un goberno mentireiro dirixindo o Parlamento Español, non mete aos Gobernos autonómicos no mesmo saco