Domingo 6 Outubro 2024

Unha proposta con máis de 60 especies para o banco de xermoplasma do Xurés

Un informe de científicos da USC encargado pola Xunta tras a vaga de lumes no Parque Natural recolle especies autóctonas e ameazadas

O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés leva anos golpeado por incendios forestais de grandes dimensións. Despois do último deles, que arrasou 2.000 hectáreas hai poucas semanas, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia propuxo a “posta en marcha dun banco de xermoplasma para reforestar valgadas ou cortalumes naturais pola vía da conservación de especies e variedades ameazadas”, co que se contribuiría a “conformar un stock de plantas autóctonas e plenamente adaptadas ás condicións do Xurés”. Este mércores, a Universidade de Santiago de Compostela expuxo que un informe asinado polos investigadores Antonio Rigueiro e Juan Luis Fernández apunta a que dito banco “debería contemplar, cando menos, a conservación de máis de 60 especies”.

O estudo de viabilidade técnica dun banco de xermoplasma para a parque natural Baixa-Limia-Serra do Xurés encomendado á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia recomenda incluír no futuro banco de xermoplasma 41 taxóns (grupos dunha clasificación científica), entre especies e subespecies, con interese para a conservación; 14 árbores que non son abundantes, a fin de que se conserve o acervo xenético das especies da zona para poder facer plantacións con material propio da mesma área  e evitar a posible contaminación xenética, e 6 árbores ou formacións incluídas no catálogo galego de árbores senlleiras (3 castiñeiros ou formacións de castiñeiros e 3 carballos ou formacións de carballos).

Publicidade

Os expertos inclúen no informe hai seis especies en perigo de extinción no parque natural

A relación de taxóns de interese que os investigadores da EPS de Enxeñaría da USC recomendan conservar inclúen 17 especies ou subespecies xa contempladas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Destas, seis atópanse en perigo de extinción e 11 teñen a consideración de vulnerables, segundo sinala Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC. O investigador explica que as especies ou subespecies en perigo son: Iris boissieri, considerada en perigo crítico pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), Armeria humilis (subespecie humilis), Armeria humilis (subespecie odorata), Klasea legionensis, Eryngium duriaei (subespecie juresianum), e Eryngium viviparum. O informe está tamén asinado por Juan Luis Fernández, xefe do Laboratorio de Multiplicación Vexetativa e Conservación de Recursos Xenéticos e tamén integrante do mesmo equipo do Campus de Lugo.

O documento científico-técnico elaborado pola USC, cuxo ámbito de actuación abranguería, ademais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, a Zona Especial de Protección das Aves (ZEPA) Baixa Limia-Serra do Xurés, a Zona Especal de Conservación (ZEC) Baixa Limia, A ZEC Veiga de Ponteliñares e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, recomenda incluír no futuro banco de xermoplasma especies arbóreas autóctonas tales como a sobreira (Quercus suber), a aciñeira (Quercus ilex), o mostallo (Sorbus aria), o chopo temblón (Populus tremula) o loureiro (Laurus nobilis) e o teixo (Taxus baccata).

Publicidade

Respecto dos exemplares ou formacións arbóreas xa cualificadas de senlleiras, a citada análise de viabilidade técnica apunta a necesaria conservación do Castiñeiro de Peninvello (Xinzo de Limia), a Carballa da Rocha (Rairiz de Veiga), o Carballo grande de Reboreda (A Porqueira), o Castiñeiro de Pexeiros (Os Blancos), os Castiñeiros dos Blancos (Os Blancos) e os Carballos da Praza do Campo de Bande (Bande).

O proxecto de creación dun banco de xermoplasma para o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés é, na opinión de Antonio Rigueiro, unha iniciativa axeitada que, se cabe, adquire especial relevancia trala vaga de lumes que afectou algunhas das zonas de maior importancia medioambiental desta zona. Alén destas particularidades, Rigueiro a extrapolación destes proxectos a todas as localizacións de interese, xa que a xeneralización de bancos de xermoplasma permitiría, ademais de mitigar os riscos de contaminación xenética, priorizar a conservación das especies ameazadas e a restauración das áreas incendiadas con material xenético de cada zona.

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC entende asemade que os bancos de xermoplasma, concibidos como repositorios xenéticos que requiren dun importante labor de supervisión, vixilancia e mantemento, a fin de garantir que todas as sementes se manteñan activas para a súa posterior xerminación, deberían complementarse con áreas de cultivos vivos. Esta sorte de ‘hortos’ ou plantacións permitiría, ademais de dispoñer de material vexetal vivo e apto para labores de reforestación ou plantación, ao tempo que facilitaría e axilizaría os traballos de reposición, xa que “non sempre é doado nin posible rescatar este material”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A protección dos bosques primarios é clave para a neutralidade climática

Unha investigación da USC demostra que o crecemento continuo das árbores axudará a cumprir os obxectivos do Pacto Verde Europeo

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura