Venres 29 Marzo 2024

Novo mapa de limitacións por mor da Covid-19 en Galicia

Redúcense a cinco persoas as reunións en Ourense, hai restricións no Barco de Valdeorras, Sanxenxo e Meis e levantanse na Coruña, Lalín, Silleda e Vilaboa

A evolución epidemiolóxica da Covid-19 en Galicia levou ao comité clínico a revisar as limitacións establecidas en diversos concellos do país: desde este mércores, en toda a cidade de Ourense limítanse as reunións públicas e privadas a un máximo de cinco persoas, ao constatar que as xuntanzas familiares e sociais están sendo a orixe da meirande parte dos contaxios na cidade. Así mesmo, continúan as restricións  especiais impostas nalgunhas zonas da cidade. Tamén se apuntou que patrullas da Policía Autonómica vixiarán o cumprimento das medidas.

Ademais das limitacións na capital ourensá, o Comité clínico decidiu tamén a inclusión do Barco de Valdeorras, Sanxenxo e Meis no conxunto de concellos con restricións. As medidas publicaranse esta tarde no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor as 00:00 horas desta medianoite, volvendo a revisarse en sete días.

Publicidade

Alén destes concellos, as medidas tamén se manteñen en Santiago, Lugo, Poio, Pontevedra, Marín, Ourense, Verín, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, así como no Milladoiro (Ames).

Resumo das limitacións

Entres estas restricións destacan a limitación da capacidade ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución da capacidade máxima en celebracións, velorios e lugares de culto. 

Concellos nos que se levantan medidas

Finalmente, e ante a evolución epidemiolóxica noutras zonas, o comité de expertos sanitarios acordou levantar as limitacións nos concellos da Coruña, Lalín, Silleda e Vilaboa, que desde esta mesma medianoite volven adoptar as mesmas medidas que no resto de Galicia.

Porén, a situación de cada un dos municipios galegos segue sen coñecerse, ao difundir Sanidade unicamente os casos activos en cada área sanitaria.

Casos activos

Por outra banda, Sanidade informou tamén do balance diario da pandemia en Galicia. Por terceiro día seguido, engádense á serie menos de 200 casos (este mércores foron 163), aínda que se sumaron 5.889 probas PCR ao número rexistrado desde o comezo da crise, o que apunta a unha baixa taxa de positividade nas probas realizadas. Engádense 205 persoas curadas, o que dá un total de 18.949.

Porén, no aspecto dos falecementos súmanse 740 óbitos, nove nos tres últimos días e catro desde o parte anterior. A ocupación nos hospitais mantense estable, mesmo con tendencia á baixa, con 27 persoas na UCI e 210 noutras unidades de hospitalización. A meirande parte dos casos activos (4.014) están sendo atendidos no domicilio.

Nas sete áreas sanitarias, a situación é diversa. Cinco das sete (A Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo e Lugo) manteñen unha incidencia estable e mesmo descendente, aínda que con valores distintos despois dos brotes detectados nas cidades da Coruña e Lugo en semanas anteriores. Porén, as áreas de Ourense-Verín-O Barco e Pontevedra-Salnés, onde se atopan as maiores restricións nos últimos días, amosan unha tendencia ascendente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos