A presenza de aire frío de orixe polar preto de Galicia, combinada coa entrada dunha nova borrasca permitirán o posible regreso da neve ás montañas de Lugo. A cota para as nevaradas, situada nos 1.300 metros o pasado domingo, estará este martes xa por baixo dos 1.100 metros, o que podería cubrir de branco os principais cumes de serras como a dos Ancares ou a do Courel. Non se tratará dun fenómeno totalmente inusual, xa que dende a serie histórica dos anos 70 están contabilizadas 14 xornadas con neve en Galicia no mes de maio.
Galicia está situada no radio da acción da fonda borrasca localizada ao oeste de Irlanda, polo que este martes viviremos ceos parcialmente cubertos e chuvascos xeralizados, que ocasionalmente poderían vir acompañados de saraiba e treboadas. Os ventos do suroeste soprarán con forza, ata o punto de que Meteogalicia ten activados avisos amarelos tanto para este martes como a para o mércores. Haberá refachos de 80 km por hora en varias zonas, especialmente no litoral.
Bo día! Na animación das imaxes do satélite vemos como seguen chegando chuvascos polo oeste seguidos dunha fronte. Con isto, hoxe teremos un día de ceos parcialmente nubrados e chuvias ocasionais. A partir de media tarde intensificaranse as precipitacións coa chegada da fronte. pic.twitter.com/UbivbyvC4I
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) May 11, 2021
O mércores mantense unha circulación do aire de compoñente oeste e, en consecuencia, o tempo húmido está garantido. As Rías Baixas serán as máis castigadas por esta choiva, que continuará coa entrada de novas frontes ata o venres, cunha máis débil que afectará á zona norte. Finalmente, espérase que o anticiclón chegue a partir do sábado, pero combinado con moita humidade.
Meteogalicia polo tanto non albisca cambios na tendencia á inestabilidade durante as próximas xornadas, pois o avance da predición meteorolóxica para os próximos días incide nun predominio da influencia das baixas presións, que deixarán sucesivas xornadas de alternancia dalgúns claros con ceos cubertos e alta probabilidade de precipitacións todos os días desta semana.
Aquí podes consultar o boletín de avisos amarelos de Meteogalicia