Galicia sae do estado de alarma con case un millón de vacinados e a incidencia estable

Máis do 93% da poboación maior de 60 anos ten polo menos unha dose da vacina, pero a ocupación nos hospitais mantense arredor das 200 persoas

“Seguimos tendo coronavirus. Segue habendo moito coronavirus en España”, apuntou este luns Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidad, na súa comparecencia para informar da evolución da pandemia, despois da fin da vixencia do estado de alarma. A advertencia de Simón coincide cunha tendencia lixeiramente descendente da incidencia e co avance da campaña da vacinación, que a semana pasada batiu o récord de doses administradas en Galicia. Con todo, o portavoz de Sanidad lanzou unha chamada de atención para manter as medidas de prevención para evitar unha posible repunta da incidencia, aínda que a cobertura da vacina sexa xa ampla nos grupos de maior idade.

A situación da pandemia

Galicia mantense desde hai semanas no abano de entre 90 e 100 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, e entre os 40 e 50 na última semana. Así está evolucionando este indicador:

Publicidade

A cifra de casos activos en Galicia mantense tamén nunha tendencia estable, na contorna dos 3.000. Delas, arredor de 200 están ingresadas nos hospitais, e arredor de medio cento, na UCI. Esta cifra mantense estable, despois dun lixeiro incremento tras acadar o mínimo a comezos de abril:

No referente aos falecementos, Galicia sumaba ata o luns 2.394 persoas falecidas por Covid-19. Un dos posibles sinais da efectividade das vacinas é que, a pesar de que a incidencia e a carga asistencial se manteñen estables, a cifra de falecementos diarios continúa descendendo e desde o pasado 29 de abril non se notifica máis dunha morte diaria. De feito, desde comezos do mes sumáronse 4 falecementos, fronte aos 24 do mesmo período en abril.

Publicidade

A vacinación

Despois de acadar as mellores cifras da campaña de vacinación na pasada semana, con tres días consecutivos superando o máximo diario de doses administradas, Galicia afronta agora días clave para conseguir outro fito: segundo avanzou a Xunta a pasada semana, o obxectivo é conseguir que nos vindeiros días reciban polo menos unha dose todas as persoas maiores de 60 anos. Segundo o Ministerio de Sanidad, o domingo xa se chegara ao 93,3% cunha dose, e o 44,7% tiñas as dúas. Case un millón de persoas ten polo menos unha dose (o 36,38% da poboación) e o 16,87% (máis de 455.000 persoas) recibiu as dúas.

A cobertura é xa moi ampla no grupo de maiores de 70 anos. A práctica totalidade dos maiores de 80 ten a pauta completa, cifra que xa é do 50% no grupo 70-79. Neste rango de idade, máis do 46% ten, a maiores, unha das doses:

O ritmo de vacinación seguirá sendo alto nos vindeiros días, toda vez que este luns se comezaron a distribuír entre as comunidades autónomas 1,7 millóns de doses de Pfizer. Sobre as previsións cara aos vindeiros meses, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, avanzou este luns que manexan a posiblidade de que o 70% da poboación estea inmunizada a mediados de agosto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves

A covid pode provocar placas semellantes ás do alzhéimer nos ollos

Os estudos relacionan a néboa mental tras o coronavirus e a acumulación de beta amiloides no sistema nervioso central

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega

Podcast | Da reciclaxe de plásticos ás vacinas: a innovadora tecnoloxía creada en Santiago

O investigador Jose Martínez Costas do CiQUS explica no novo episodio do podcast de GCiencia en que consiste o seu método de etiquetaxe molecular de proteínas