A transmisión da Covid-19 leva a Sanidade a manter restricións en case 40 concellos

Vigo pasa a nivel medio xunto a 19 concellos, outros 14 fican en nivel alto e O Grove, A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras e Cualedro, en máximo

A consellería de Sanidade anunciou no serán deste martes, despois da reunión do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia da Covid-19, que 38 concellos dos 313 que hai en Galicia manterán a partir do venres un maior nivel de restricións por mor da transmisión do coronavirus SARS-CoV-2. O aumento da incidencia na contorna da ría de Arousa e na área de Vigo, ademais dos casos detectados no suroeste da provincia de Ourense e Valdeorras, entre outras comarcas, concentra os municipios afectados por estas limitacións, que entrarán en vigor na medianoite do xoves 22 ao venres 23 de abril.

Non hai novidades nos concellos en nivel máximo, no que seguirá vixente o peche perimetral, a clausura da hostalaría e a prohibición das reunións con persoas non conviventes. Nesta situación atópanse O Grove, A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras e Cualedro.

Publicidade

O comité clínico estableceu que ficarán no nivel alto de restricións os concellos de Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira e Cambre. Isto supón o peche do interior dos locais da hostalaría e a capacidade máxima do 50% no exterior, ademais doutra serie de medidas contempladas na normativa que entrou en vigor despois dos novos pasos na ‘desescalada’ (máis información aquí).

No nivel medio destaca a cidade de Vigo, na  que se está a constatar un aumento da transmisión nos últimos días, incluíndo surtos vinculados ás variantes P.1 e P.2 do virus. Xunto a Vigo estarán neste rango de limitacións os concellos de Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes de García Rodríguez e Ortigueira. Neles, os establecementos de hostalaría só poderán abrir ao 30% no interior e 50% no exterior.

Publicidade

O resto de concellos galegos (275), quedan no nivel medio-baixo. Neles, a hostalaría poderá ter un 50% de capacidade no interior e 75% no exterior. Ademais, por norma xeral mantense a limitación de reunións a catro persoas en interiores e seis en exteriores, o confinamento nocturno entre as 23 e as 6 horas e o peche perimetral da comunidade autónoma.

Este mércores, como todas as semanas, responsables da consellería de Sanidade analizarán a evolución da pandemia nunha comparecencia de prensa. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidad, a incidencia mantense en Galicia nos 90,35 casos/100000 habitantes a 14 días e de 44,9 a sete días, estabilizándose despois de varias xornadas de lixeiras repuntas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía