A pandemia 15 meses despois: así comeza xuño, outro mes clave na vacinación

Comeza xuño de 2021 e cúmprense 15 meses desde que, a comezos de marzo de 2020, boa parte do mundo se paralizase pola propagación do coronavirus SARS-CoV-2. 15 meses para a historia que, dun tempo para aquí, avanzan un futuro máis optimista polo avance das campañas de vacinación nalgúns países. Á espera dun reparto máis equitativo que permita a inmunización na meirande parte do planeta, áreas como Europa achéganse a un verán que, probablemente non será igual có de 2019, pero achegarase máis á ‘normalidade’ có de 2020.

No caso de Galicia, en termos xerais, todos os indicadores principais amosan un descenso lento, pero constante, desde a lixeira repunta de finais de abril e comezos de maio que, finalmente, non causou a pregoada cuarta onda. Tanto os datos referentes á transmisión do virus como, por outra banda, o efecto da vacinación dunha parte da poboación, comezan a evidenciar que a contención da pandemia se achega cada vez máis. Así está, por exemplo, a incidencia acumulada desde xullo de 2020:

Publicidade

Os novos que se detectan diariamente oscilan entre os 150 e os 200. Con todo, o perfil das persoas afectadas está mudando por mor da vacinación. Segundo o informe semanal do Ministerio de Sanidad, no que se abordan os indicadores de seguimento da Covid-19, cos datos do mércores 26 de maio a incidencia nas persoas maiores de 65 anos era de 26 casos/100.000 habitantes a 14 días (74 no conxunto da poboación) e e 13,2 a 7 días (35,3 en xeral).

Casos máis graves: hospitais e mortes

No referente aos casos máis graves, albíscase tamén un descenso progresivo do número de hospitalizacións e falecementos. Desde finais de agosto de 2020 non había tan poucas persoas ingresadas nas UCIs e no resto de unidades de hospitalización como nos últimos días. A cifra actual está na contorna das 100:

Publicidade

En canto aos falecementos, maio finalizou con 29 mortes, sendo o mes con menos óbitos por Covid-19 desde agosto de 2020. Cómpre lembrar, con todo, que a incidencia durante aquel mes era notablemente menor (agosto comezou con menos de 10 casos/100.000 habitantes nos 14 días anteriores), e os falecementos só se comezaron a producir a partir da segunda semana do mes. Así foi a tendencia desde marzo de 2020:

186 concellos sen casos na última semana

A menor transmisión do SARS-CoV-2 sitúa así a 145 concellos, dos 313 que hai en Galicia, sen casos desde hai canto menos dúas semanas. E no período da última semana, xa son 186 os que non rexistraron ningunha infección. Pola contra, só 19 (sete deles, as cidades) rexistran 10 ou máis casos nos últimos sete días. A cifra sobe a 34 concellos ao mirar os últimos 14 días.

En canto á incidencia, o de Mos (actualmente en nivel máximo de restricións xunto a Mos e A Pobra do Caramiñal) é o único concello que supera os 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días. No rango que vai de 250 a 500 están, ademais da Pobra, Oroso, Xove, Mos e Viveiro, ademais doutros municipios de menor poboación como Corcubión, Lousame, Cenlle ou o propio Lobios, onde o baixo número de habitantes fai incrementar a incidencia cando xorde un pequeno agrupamento de casos.

Aquí podes consultar máis detalles sobre a situación municipal da Covid-19:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar