Mércores 24 Abril 2024

Eva González Kölmel, da astrofísica á radioterapia hospitalaria

En tan só cinco meses consegue aprobar o RFIR coa segunda mellor nota a nivel nacional e xa está comezando a valorar distintos destinos

O que comezou cun pequeno desgusto para Eva González Kölmel converteuse nun motivo de orgullo ao ver a súa nota no RFIR, a segunda mellor de toda España. A súa sensación cando saíu do exame para realizar a súa residencia hospitalaria na especialidade de radiofísica, ao igual que a dos seus compañeiros da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi de sorpresa, xa que atoparan un aumento da dificultade en comparación con anos anteriores. Por isto, cando estaba facendo exercicio e recibiu os parabéns dunha amiga de Sevilla, non o acabou de crer.

“Agora que xa me chamaron da universidade e pasou o prazo de reclamacións e tamén co grupo de Whatsapp que se creou entre os aprobados, comezo a crelo un pouco”, comenta a física case dúas semanas despois de ver os resultados.

Publicidade

A diferenza doutros IR, a especialidade de radiofísica inclúe todos os servizos hospitalarios, dende medicina nuclear ata a radioterapia, polo que é unha decisión menos que hai que tomar. Aínda así, Eva debe enfrontarse á elección de destino, algo que, polo momento, non ten nada claro: “Fixen as prácticas en Santiago e sei que me gustaría, hai moi bo ambiente. Pero tamén hai outras boas opcións como Valencia, Granada ou Gran Canaria e teño que valorar moitas cousas como o prezo dos alugueres. Púxenme en contacto con residentes dos hospitais que me interesaban e en xeral hai moi boa sensación. De feito, os radiofísicos españois están moi ben valorados a nivel internacional pola calidade da formación que vou recibir eu agora”.

Gran demanda

Agora que xa é graduada en Física, Eva pode dicir que son numerosas as saídas que esta carreira ofrece: “Na física computacional, relacionada co Big Data e o machine learning, sei que hai moitísima demanda. Teño un amigo que aínda ten que facer o seu traballo de fin de grao e xa está contratado por unha empresa. A carreira investigadora, polo que eu coñezo, non é a máis doada, especialmente se queres doutorarte en España porque non hai tanto financiamento directo”.

“As habilidades que adquirimos no grao é algo que se valora moito no sector privado”

No caso da radiofísica, a especialidade que ela mesma escolleu, tampouco é das saídas máis populares. Aínda así, “agora é moi bo momento para formarse nisto. Estanse construíndo moitos hospitais novos e instalando novas máquinas que precisan de físicos. Creo que o que xoga na contra desta rama é o descoñecemento, pero a día de hoxe un físico pode atopar traballo con bastante facilidade”, explica Eva.

Ela mesma atribúe esta facilidade á formación que reciben durante o grao: “Vas adquirindo habilidades moi diferentes, aprender a pensar doutra forma e a analizar os problemas dende un punto de vista menos común, e esta capacidade é algo que se valora moito no sector privado”.

A vocación

Este descoñecemento non se dá só na especialidade sanitaria, senón que tamén afecta a esta rama das ciencias en xeral: “A día de hoxe cústame explicarlle á xente o que estudo“, di Eva. Por isto, a súa vocación física non espertou ata un par de meses antes da selectividade.

“Tiven a sorte de atoparme cun profesor de tecnoloxía industrial que era físico”

“De pequena pasáronme todas as cousas pola cabeza menos ser física. Sempre me gustaron moito as matemáticas e tiña moita facilidade para estudalas, e logo en terceiro da ESO, ao comezar con física, non me chamou moito a atención porque me parecía que só estudabamos coches movéndose. No bacharelato tiven a sorte de atoparme cun profesor de tecnoloxía industrial que era físico e tiña unha maneira de explicar moi boa. Gustáballe facer entender máis que a memorización e iso, xunto coa física que estudabamos (electromagnetismo, física nuclear, relatividade) comezou a espertar a miña vocación”, conta a futura radiofísica.

Cunha carreira escollida e estando convencida de que tomara a decisión correcta, a Eva aínda lle quedaba adentrarse nalgunha especialidade: “En segundo de carreira concedéronme un Erasmus no norte de Suecia e acabei rexeitándoo porque non estaba disposta a pasar varios meses con tres horas de luz ao día, así que valorei a mobilidade a nivel nacional para o terceiro ano. Busquei as facultades potentes en astrofísica e marchei para Granada“.

“Canto máis vía da radiofísica, máis me gustaba e máis vocacional me parecía”

Aínda así, as circunstancias persoais fixeron que mudara de parecer cando apareceu o cancro nun familiar: “Comecei a informarme da radioterapia e descubrín o labor dos físicos nos hospitais. Xa me chamara a atención, pero en Granada tiña unha optativa de radioactividade e aplicacións e xustamente dabamos moito de física nuclear aplicada á medicina. Cando volvín a Santiago en cuarto escollín a optativa de física médica e ademais fixen prácticas no verán. Canto máis vía, máis me gustaba e máis vocacional me parecía”.

A familia tamén supuxo un gran apoio á hora de estudar para o RFIR, xa que coincidiu coas oposicións do seu irmán e xuntos animábanse para ir á biblioteca. Aínda que o plan inicial era comezar na academia e ver que ocorría, os resultados dos simulacros animárona a presentarse ao exame: “Estudaba bastantes horas ao día, pero comecei en setembro e non contaba con sacalo tan só en cinco meses porque moita xente tarda anos. O que máis me axudou foi que eu tomara a carreira en serio dende o primeiro día. Levaba catro anos estudando con constancia e en serio, non só para aprobar un exame, polo que tiña unha moi boa base sobre a que comezar a repasar“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns