Obradoiros, podcasts e exposicións para celebrar o Día Mundial dos Océanos

GCiencia e a UVigo, así como o Aquarium Finisterrae e o Instituto de Investigacións Mariñas celebran actividades para conmemorar a efeméride

O océano produce, polo menos, o 50% do osíxeno da Terra. Alberga a meirande parte da biodiversidade do planeta e é fundamental para a economía. Son só tres razóns que dan conta da importancia dos mares, do seu mantemento, coidado e protección. Co obxectivo de concienciar e sensibilizar a poboación, as Nacións Unidas celebra mañá, 8 de xuño, o Día Mundial dos Océanos. E con motivo desta data tan sinalada, Galicia énchese de actividades para que desfruten os máis grandes e os máis pequenos.

Visitas guiadas ao Aquarium Finisterrae

O Aquarium Finisterrae organiza visitas guiadas para percorrer os módulos do centro dedicados aos mares. A actividade comezará na Oceanosfera, o proxector esférico dixital que recrea procesos a escala global, coa proxección de “Planeta azul”, dedicado á auga. A continuación farase unha parada no módulo dedicado á salinidade, lembrando que a maior parte da auga no noso planeta está nos océanos. Tamén se visitará o módulo das correntes mariñas, e o dedicado ás mareas.

Publicidade

Ademais, partindo de que o océano é unha parte indisoluble da historia e cultura da humanidade, abordarase o espazo “Historias dos mares”, onde se contará a orixe dos nomes dos océanos e algunhas anécdotas curiosas. A visita guiada finaliza nos tanques de gran volume de Maremagnum, onde o público asistente poderá identificar as principais especies que poboan as principais paisaxes submariñas da costa atlántica.

  • Quen pode asistir? Todo o público que o desexe.
  • Horario: 8, 9 e 10 de xuño ás 17.30 horas.

“Feira do Océano”, do CSIC

Outra das actividades para celebrar o Día Mundial dos Océanos vén da man do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC, que mañá celebra unha “Feira do Océano” en Vigo. O evento celebrarase na rúa Eduardo Cabello, en Bouzas, fronte á sede do centro. Pola mañá participará o público escolar, entre as 10.00 horas e as 13.30 horas. Acudirán máis de 200 alumnos do CEP Javier Sensat, do Colexio Atlántida, do CEIP Virxe do Rocío, do CEIP Mestre Manuel García e do IES de Beade. Pola tarde as actividades irán dirixidas ao público xeral en horario de 16.00 horas a 19.30 horas.

O obxectivo da feira é dar a coñecer o traballo que leva a cabo o persoal científico e técnico do IIM, así como contribuír a concienciar sobre a riqueza dos ecosistemas mariños e dos retos e ameazas ás que se enfrontan. Todas as actividades que se celebren estarán dirixidas por persoal do IIM e tamén participará o mariñeiro, pescador e divulgador Rogelio Santos Queiruga, que estará na carpa do proxecto SeaFood Age.

Os obradoiros e exposicións nos que se poderá participar son os seguintes:

  • Leituga de mar: unha alga cosmopolita ao rescate da acuicultura. Aberto todo o día.
  • Cantos superpoderes do mexillón coñeces? Só durante o serán.
  • Manifesto océano! Só durante a mañá.
  • Elixe unha alimentación intelixente con Seafood Age e Rogelio Santos Queiruga. Aberto todo o día.
  • E que rico sabe o mar! Unha exposición que estará aberta durante todo o día.

O podcast “Ciencia de ida e volta”

GCiencia, en colaboración coa Universidade de Vigo, vén de impulsar o podcast “Ciencia de ida e volta” para celebrar o Día Mundial dos Oceános. Dende o luns e ao longo de toda a semana publicaranse cinco programas para analizar a situación dos mares dende diferentes perspectivas. O primeiro capítulo centrouse en Cales son as substancias que se agochan nos plásticos? coa voz do catedrático de Ecoloxía e investigador do proxecto LabPlas, Ricardo Beiras. O segundo contou coa participación de Beatriz Legerén, integrante da Misión Azul, que falou dos videoxogos como ferramenta para sensibilizar.

Os tres episodios restantes, que sairán nos vindeiros días, serán: O cambio climático leva os océanos a unha situación crítica, con Elena Ojea; A humidade oceánica condiciona os eventos extremos, con Raquel Nieto; e O difícil equilibrio das zonas bentónicas de África, con Francisco Ramil e Marta Gil. O proxecto, liderado pola Unidade de Cultura Científica da UVigo, realízase coa  coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Novos envases reciclados de Pescanova

Outra das iniciativas para conmemorar o Día Mundial dos Oceános parte do Grupo Nueva Pescanova. Para a celebración da efeméride, a compañía lanza uns novos envases elaborados a partir de residuos plásticos recollidos en praias e zonas costeiras. Os refugallos foron reciclados e transformados mantendo as mesmas propiedades e calidade que os plásticos virxes. Segundo indican dende Pescanova, esta iniciativa evita que aproximadamente 10 toneladas de plástico cheguen ao mar. Tamén engaden que o 2025 é a data na que se prevé conseguir que o 100% dos seus envoltorios sexan reciclables.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:01:34

O delicado proceso da captura da sardiña: así se trasladan ao Aquarium Finisterrae

O acuario coruñés comparte un vídeo divulgativo para que os usuarios comprendan como é a recolección no mar desta especie e o seu coidadoso traslado ás instalacións

Dende 26 ata 15 anos: as nove focas do Aquarium que están de aniversario

A meirande parte de exemplares do museo coruñés sopra as velas entre o 2 e o 10 de xullo, datas que coinciden co seu ciclo reprodutivo

Visita guiada no Aquarium polo Día Internacional da Diversidade Biolóxica

O persoal educador do centro coruñés guiará aos visitantes nunha experiencia que terá a biodiversidade mariña como tema principal

Entrada gratuíta no Día dos Museos para a Domus, Casa das Ciencias e Aquarium

Os tres recintos estarán abertos ao público xeral dende as 10 horas ata as 19 horas do sábado, cunha ampla oferta de actividades