Mostrar as razón do apoio á candidatura do doutor Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) aos Premios Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica é o obxectivo dun video que publica a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis), no que se explica o proceso que levou ao investigador galego a converterse nunha destacada figura da Medicina Forense no ámbito mundial. Ademais, apúntanse cales son as razón que levaron a Xunta a impulsar a súa candidatura a estes premios, conxuntamente co xenetista molecular sir Alec Jeffreys, que en 1984 descubriu a “pegada do ADN” que permitiu a Carracedo desenvolver os seus coñecementos neste terreo ao longo das seguintes décadas.
Carracedo é un dos científicos de maior impacto no mundo no campo da medicina forense e a xenética clínica e converteu o seu grupo de investigación na Universidade de Santiago nun lugar de excelencia onde se forman científicos de todo o mundo. Foi protagonista de moitos dos avances máis importantes no campo da xenética forense e contribuíu á estandarización e implantación da proba do ADN forense en todo o mundo, o que permitiu axudar a xustiza en casos relevantes en moitos países do mundo.
Nos últimos quince anos, Carracedo estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e a medicina xenómica, con contribucións relevantes ao coñecemento da causa xenética das enfermidades. Creou e dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o Centro Nacional de Genotipado, a infraestrutura IMPaCT Genómica para o desenvolvemento da medicina personalizada en España e a infraestrutura Innopharma e a Fundación Kaertor para o desenvolvemento de fármacos en fase preclínica. Ademais, Carracedo preside actualmente a Academia Internacional de Medicina Legal.
“Ángel Carracedo é un dos bos e xenerosos. Un profesional e unha persoa da que Galicia debe sentirse enormemente honrada de que traballase aquí e teña contribuído dende aquí, a que a atención das persoas sexa cada día un pouco mellor”, sinala o xerente de Acis, Antonio Fernández-Campa.
Na súa opinión, a candidatura de Carracedo e Jeffreys para os Premios Princesa de Asturias está máis que xustificada polos importantes descubrimentos que fixeron e que contribuíron “de forma decisiva á estandarización e a aplicación das probas do ADN na práctica forense. O descubrimento da pegada do ADN por parte do doutor Alec Jeffreys abriu un inmenso campo de posibilidades ás Ciencias Forenses e os desenvolvementos liderados polo doutor Angel Carracedo permitiron, finalmente, poder levalos á práctica”.
Alec Jeffreys
O doutor sir Alec Jeffreys (Oxford, 1950) centrou as súas investigación en explorar a diversidade do ADN humano e os procesos de mutación que crean esta diversidade. Sen dúbida, a súa gran achega científico-técnica foi o descubrimento da pegada do ADN que mostra como se pode utilizar para resolver problemas de identidade e parentesco, abrindo o campo do ADN forense.
O descubrimento dos polimorfismos ou pegada do ADN por parte de Jeffreys en 1984 abriu un inmenso campo de posibilidades para a súa aplicación ás Ciencias Forenses. Sobre a base do descubrimento do doutor Jeffreys, Carracedo describiu os primeiros STRs, foi pioneiro no uso do ADN mitocondrial na práctica forense (crime de Alcasser), no uso de multiplexes de cromosoma Y e no análise de SNP para recoñecemento de grandes catástrofes naturais (tsunami de Asia en 2004). Máis recentemente desenvolveu o fenotipado forense por ADN que facilita a determinación da ancestralidade, da idade ou da pigmentación e contribuíu á resolución de casos policiais complexos (Operación Mindstead-Reino Unido 2009, asasinato de Eva Blanco e probas do atentado do 11-M).
En resumo, Jeffreys debe considerarse o descubridor do ADN fingerprint que revolucionou a Medicina forense, a investigación policial e a xustiza e o profesor Carracedo é o máximo innovador neste terreo con descubrimentos importantes que permitiron a súa aplicación e a estandarización para aplicar as probas de ADN na práctica forense. Ámbolos dous investigadores recibiron xa a Medalla Adelaida, considerada o “Nobel” da Medicina Forense.