A auga da túa praia ten boa calidade? O visor interactivo que permite comprobalo

A meirande parte das zonas de baño galegas son "excelentes", segundo un informe recentemente publicado pola Axencia Europea do Medio Ambiente

A calor aínda non é abafante pero xa estamos no preludio do verán. Esta época do ano adoita ir asociada ao bo tempo, ás vacacións e, por suposto, ás ganas de praia. Mergullarse na auga sempre é un pracer, mais… Ten a suficiente calidade? Unha pregunta moi sinxela de responder grazas ao último informe da Axencia Europea do Medio Ambiente (AEMA), onde se avalía a calidade da auga dos areais europeos. A meirande parte delas son de excelente calidade, incluídas as de Galicia. Pero para comprobalo tan só hai que facer unha viaxe por un mapa interactivo asociado ao informe, no que se recollen datos de 2021.

Os areais galegos

Cando se revisa toda a costa galega, os puntos predominantes son os de cor azul escuro. É dicir: as augas das nosas praias son excelentes. É o caso de Samil e do Vao, en Vigo; de Lapamán, en Bueu; do Orzán, na Coruña; ou de Silgar, en Sanxenxo. E, por suposto, tamén da Lanzada, por mencionar só algúns dos areais máis coñecidos. De feito, ningunha das praias da nosa costa ten auga de mala calidade, tal e como se recolle no informe.

Publicidade

Este non é o caso do interior. Aínda que hai algúns espazos excelentes, como o río Tronceda en Mondoñedo e o Tambre ao seu paso por Ames, unha gran parte deles teñen “boa calidade” —é o caso do río Deza en Vila de Cruces ou do Liñares na Estrada—. Pola contra, hai dous puntos vermellos que salientan entre todos os demais: o do río Furelos en Melide e o río Tea en Ponteareas. Son os únicos areais galegos onde a calidade das súas augas é cualificada como “mala”. No caso do primeiro, semella ser unha situación recorrente. O 2014 era a última data na que se rexistraba como “boa” e agás en 2020, incluída como “suficiente”, nos últimos anos considerábase mala. Non é o caso do Tea, sendo o 2021 o primeiro ano que recibe esta cualificación negativa.

Porcentaxe de praias cualificadas como "excelentes". España sitúase no posto 13.
Porcentaxe de praias cualificadas como “excelentes”. España sitúase no posto 13.

Esta situación non é exclusiva de Galicia, senón que é extrapolable ao resto de zonas e países analizados. No informe da AEMA indícase que a calidade das augas de baño da Unión Europea adoita ser mellor nas áreas costeiras que nas do interior. Con todo, as porcentaxes son moi positivas, posto que das máis de 21.000 praias analizadas, o 84,4% foron cualificadas como “excelentes” e o 95,2% superaron os estándares mínimos de calidade. A AEMA atribúe os bos datos aos investimentos nas plantas de tratamento de augas residuais urbanas, así como á mellora das redes de augas residuais e a “redución drástica” dos contaminantes orgánicos.

Publicidade

Limitacións do estudo

Porén, non se inclúe cal é o impacto da contaminación química, nin nas augas continentais nin nas costeiras, con respecto á saúde e á biodiversidade. Dende a AEMA aseguran que se está a avaliar actualmente. De feito, esta é unha das criticas que lanza Surfrider Foundation Europe, unha oenegué centrada na protección dos oceános e das praias. “Para avaliar a calidade das augas de baño e clasificar as zonas, este informe baséase unicamente na contaminación bacteriolóxica de orixe fecal mediante dous indicadores: os Escherichia coli e os enterococos intestinais”, afirma unha das responsables da asociación, Lucille Labayle, nun comunicado.

Non se inclúe o impacto da contaminación química na saúde e na biodiversidade

“As floracións de algas ou os residuos de plástico só se inclúen nos perfís das praias ou só se inspeccionan visualmente, pero a contaminación química non se ten en conta en absoluto. Ademais, o informe só menciona as mostras tomadas durante a temporada de verán, e só nos lugares de baño identificados como tales”, engade Labayle, que insta á AEMA a incluír novos parámetros. É máis, dende Surfrider alertan de que, durante o ano, as praias adoitan acoller a celebración de diferentes actividades deportivas. E iso, dende o seu punto de vista, tamén debería de ser sometido a un “control rigoroso”.

Igual de estritos deberiamos ser á hora de escoller zonas de baño. Polo menos, esa é a recomendación da AEMA, que alerta dos danos que pode ocasionar nadar ou inxerir augas de mala calidade. Recomenda, por tanto, que as zonas cualificadas como “malas” permanezan pechadas durante a seguinte temporada de baño ou, polo menos, que se informe aos bañistas do estado da auga. De igual maneira, débense implementar medidas para reducir a contaminación co obxectivo de eliminar todos os riscos que poida haber para a saúde dos seus usuarios.


Podes consular o mapa interactivo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Soutar, apañar ou rebuscar: as máis de 40 formas lingüísticas de recoller castañas en galego

O Atlas Lingüístico Galego recolle 47 palabras e expresións para nomear a tarefa, con variantes que reflicten a diversidade léxica do idioma

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves