O mapa musical de Galicia: as citas máis importantes do verán

Os Concertos do Xacobeo 2025 traen este ano 40 eventos e máis de 500 artistas para reforzar a posición da comunidade a nivel internacional

Galicia conseguiu nos últimos anos potenciar en gran medida o seu panorama musical. Máis concertos, máis artistas e máis festivais que collen forza a nivel nacional e internacional. Tanto para os galegos como para a xente do resto do país, a comunidade é un punto de atracción para os amantes da música. Para poder desfrutar ao máximo e non perderte nada, este é o mapa dos concertos en toda Galicia durante xullo e agosto. Se fas clic en cada triángulo, poderás saber máis información sobre cada un deles.

No cartel deste ano, Galicia ofrece de todo. Desde grandes festivais ata pequenos concertos. Nalgúns casos, hai artistas que farán xiras por toda a comunidade. O obxectivo é claro: estar colocados como un eixo da escena musical nacional e internacional. Un punto onde xente de todo o mundo poida reunirse e, ao mesmo tempo, promover o talento local.

Publicidade

Melendi, Arde Bogotá ou Lionel Richie

De momento, xa pasou o Son do Camiño ou o Surfing the Lerez, algúns dos máis esperados do ano, pero aínda queda moito por diante. Melendi, Mikel Izal ou Love of Lesbian estiveron estes días no Portamérica en Portas, Pontevedra. Un festival que tamén conta coa parte gastronómica co seu ShowRocking, onde participaron destacados cociñeiros. O tecno tamén estivo presente a pasada fin de semana co Wake Up Festival, con DVS1, Daria Kolosova ou Ben Sims.

Alén dos festivais, numerosos artistas tocarán en solitario durante xullo. É o caso de Maná, que estará no Monte do Gozo o próximo día 5, Arde Bogotá que estará o 19 na Coruña, Sebastián Yatra na Costa Feira ou Natalia Lafourcade no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, ambos o día 29. O mes remata co clásico Lionel Richie, no Coliseum da Coruña.

Publicidade

Para agosto, o ritmo non baixa. Leiva estará na Costa Feira en Sanxenxo, ao igual que Don Patricio, Camilo ou Manuel Carrasco. Sés pasará por Celanova e Roi Casal estará, entre outros lugares, en Quiroga e en Leiro, para os seus fans de Ourense e Lugo. Tamén haberá festivais. Por exemplo, o da Luz en Boimorto, con Tanxugueiras, Rozalén, Herdeiros da Crus, Coti ou Ariel Rot. Tamén haberá o Río Verbena Fest ou o Wake Up Gaiás.

Máis de 500 bandas e artistas

Durante o resto do ano e, sobre todo en setembro, continuará a música con máis festivais e eventos. Algúns dos máis destacados serán Viva Belgrado no FeneRock Festival, Lori Meyers no Recorda Fest e Quevedo o 27 de setembro na Coruña. Mesmo lugar para Coque Malla, o 4 de outubro, que actuará no Palacio da Ópera e, nese espazo tamén, estará Vanesa Martín o 8 de novembro.

En total, 40 eventos e 500 bandas e artistas que percorrerán distintos puntos de Galicia durante o ano. A intención da administración é situar Galicia como punta de lanza da música en vivo do noroeste peninsular durante todo o ano.

Para manter a máxima seguridade e sensibilizar, a directora Xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou que colaboran con Turismo para a instalación de áreas de igualdade, puntos lila e arco iris naqueles lugares con maior afluencia de público. O ano pasado, máis de 15.000 persoas utilizaron estes sitios de protección e sensibilización.

Concertos do Xacobeo

Para o observatorio de marcas Oh, Holy Festivals!, Galicia é o lugar onde máis se colabora entre as institucións públicas e os festivais. A comunidade destina máis de 10 millóns de euros en patrocinios musicais, e inviste 1,3 millóns máis para festas de interese turístico que poidan incluír actuacións e espectáculos deste tipo. “Isto contribúe a reforzar a imaxe de Galicia a nivel nacional e internacional, facendo da nosa comunidade un destino atractivo, único e de calidade de xeito desestacionalizado”, destacou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Esta é a terceira edición do programa de Concertos do Xacobeo. A orixe foi no ano 2021-2022, cando o goberno autonómico deu o seu apoio a máis de 170 eventos patrocinados, que rexistraron ata un millón de asistentes. No conxunto dos últimos tres anos, a Xunta estima que máis de 2,5 millóns de turistas foron atraídos por estes concertos e espectáculos. O gasto medio dun turista vacacional deste tipo rolda os 94 euros diarios, maior ca media de 80 euros dun visitante medio. Para o 2025, esperan que se logren novos fitos.

Unha oportunidade para os talentos emerxentes

A posición de Galicia no sector musical está a mellorar e a favorecer os artistas galegos. Algúns, xa levan algúns anos establecidos, como Xoel López ou Andrés Suárez. Outros, como The Rapants, Mondra ou Caamaño & Ameixeiras, seguen medrando e acadando novos obxectivos.

O fortalecemento de festivais locais, a chegada de novos públicos é unha oportunidade para favorecer o sector musical galego. Isto complementa o traballo realizado polos artistas que teñen máis posibilidades ante unha audiencia que favorece os creadores locais. Máis que nunca, Galicia ten a oportunidade de brillar nos escenarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie