“As mulleres temos que dar un ‘pelotazo’ para ser visibles”

As científicas galegas María Tubío, María José Ginzo e Cintia Folgueira participaron na primeira mesa redonda de 'Ciencia en feminino' para falar sobre a situación das mulleres científicas

“A situación da muller na ciencia mellorou considerablemente nas últimas décadas, aínda que o avance vai moi lento”. As científicas coinciden: fixéronse progresos, pero faltan aspectos por mellorar. A segunda entrega de Ciencia en feminino, un ciclo de charlas e mesas redondas que realiza GCiencia dentro do programa do 8M da Deputación de Pontevedra, continúa cun debate sobre a situación da muller na ciencia. As doutoras María Tubío, María José Ginzo e Cintia Folgueira expoñen as súas vivencias como investigadoras galegas. Entre outros temas, debateron sobre a conciliación, as referentes femininas ou a discriminación laboral. “Semella que as mulleres temos que dar un ‘pelotazo’ para ser visibles”, asegura Tubío, que é investigadora no Grupo de Medicina Xenómica do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago (USC).

A primeira sesión da mesa redonda comezou analizando os retos que atopan as científicas na actualidade. A inestabilidade laboral, a escaseza de presenza feminina en altos cargos e a conciliación familiar foron os desafíos máis destacados na conversa. “É difícil compatibilizar a vida persoal e a profesional dedicándote a ciencia“, apuntaba Folgueira, quen traballa como investigadora Miguel Servet na Fundación pública galega instituto de investigación sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

Publicidade

Prexuízos e conciliación

A conciliación foi un asunto que se tratou en diversos momentos da conversa entre as científicas galegas. “Polo que vexo ao meu redor, compaxinar a carreira e a maternidade segue a ser un dos maiores retos na ciencia. As políticas deste tema están mellorando, pero non é suficiente.”, aseguraba Ginzo ao comezar a súa valoración. O resto das participantes coincidiron neste argumento, incidindo na importancia da familia e a parella á hora de buscar apoio para conciliar.

Outro dos asuntos a tratar na conversa foi a falta de referentes durante as súas formacións. “Agora vaise concienciando máis á hora de darlle visibilidade as mulleres, non só as grandes científicas, senón tamén a outras que fixeron grandes avances na actualidade”, comentaba Folgueira. Ginzo apuntou a que “ao longo da historia si que houbo referentes femininas, pero se poñían máis en alza aos homes“. Pola súa banda, Tubío destacou á traxectoria da astronauta Sandra García.

Publicidade

Outro dos aspectos que trataron as doutoras foron os prexuízos sobre as científicas, ben por ser mulleres, ben pola súa idade. As doutoras Folgueira e Tubío aseguraron en ter vivido situacións semellantes: “Agora mesmo son posdoutora, dende 2022, e aínda hai quen considera son moi nova. Que estou etapa predoutoral porque lles parezo demasiado moza”, relataba Tubío. Pola súa banda, Ginzo, que tamén é profesora da Universidade de Santiago, asegura non ter pasado ou ser testemuña desa situación dentro do eido das Matemáticas.

A educación como base para a igualdade en todas as especialidades ou a maior presenza masculina na divulgación, foron outros dos temas que se trataron na mesa. O ciclo de Ciencia en feminino continuará o próximo mércores 19 de marzo cunha entrevista á economista e catedrática da Universidade de Santiago María Loureiro, Premio María Josefa Wonenburger en 2024.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes

O Castelo de Soutomaior convértese no escenario dun videoxogo para descubrir o seu patrimonio medieval

A Deputación de Pontevedra lanza ‘O Códice da Liberdade’, que combina investigación e realidade aumentada para achegar a historia ás novas xeracións

Pontevedra prepárase para a eclipse de agosto cunha rede de observación integrada por 42 concellos

O proxecto ‘Baixo o Ceo das Rías Baixas’ impulsa o astroturismo e promove espazos organizados para seguir o fenómeno astronómico do ano