Dar o primeiro paso non é unha tarefa doada. Abrir portas, ser a primeira en entrar e ter a valentía de romper prexuízos é, se cabe, máis complicado aínda. Pero non hai outra maneira de marcar o camiño a seguir para achandárllelo ás xeracións futuras. Hai nomes que, nos últimos anos, resoan con forza. Isabel Zendal, por exemplo, xa é unha referencia. É considerada a primeira enfermeira da historia nunha misión internacional, ao participar na Expedición Balmis que levou a vacina da varíola a América a principios do século XIX. Aínda que ela saíu recentemente do anonimato, e xa é considerada unha pioneira da ciencia, hai moitos outros nomes de mulleres que aínda permanecen soterrados pola historia.
Esta semana conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra este venres 11 de febreiro. Nunha data tan sinalada é máis importante ca nunca darlle voz a quen sempre foi silenciada. Unha tarefa que tampouco é doada, pero que leva un nome e ten forma de libro: Pioneiras da ciencia en Galicia, da Editorial Galaxia. Detrás do título escóndense dous rostros; os dos xornalistas Manuel Rey Pan e Eduardo Rolland. A pandemia pillounos por sorpresa, xusto cando estaban arrancando o proxecto, que acaba de ver a luz. Ao longo das máis de 200 páxinas do libro analízanse as figuras de 25 mulleres galegas —ou que desenvolveron a meirande parte da súa traxectoria profesional na comunidade—. “Seleccionamos os perfís dende diferentes perspectivas, tratando de tocar distintas disciplinas”, explica Rey Pan.
Figuras salientables
Todas elas brillan con luz propia. Por iso é especialmente complicado escoller un só perfil. Así o traslada o autor, que se aventura a salientar algún nome sobre outro, talvez daquelas mulleres máis descoñecidas na esfera pública. Un dos que menciona é o de Fernanda Monasterio, a impulsora dos estudos de Psicoloxía en Arxentina. “Naceu en Galicia pero desenvolveu boa parte da súa carreira en Latinoamérica, por iso é probable que sexa menos coñecida”, sinala o xornalista. Rey Pan subliña, tamén, a figura de Olga Gallego, unha arquiveira de Ourense que marcou o camiño a seguir na disciplina. Ou Ramona Vaamonde, a muller capaz de frear un dos últimos brotes de cólera rexistrados en Santiago de Compostela nos anos 70. E como non, un recoñecemento a Ana María Prieto Díaz. “Unha pioneira da informática en Galicia que pasou moitos anos no anonimato e faleceu hai pouco”, engade o autor.
“A orixe galega de Isabel Zendal descubriuse hai pouco menos de dez anos”
Con todo, Pioneiras da ciencia en Galicia, máis alá de darlle voz ao esquecemento, tamén repasa as figuras doutras mulleres notables que foron acadando popularidade nos últimos anos. Os exemplos que ofrece Rey Pan son os das irmás Fernández de la Vega e o da propia Isabel Zendal. “A súa orixe galega e coruñesa descubriuse hai pouco menos de dez anos. Sabíase que chegara a México pero había tantas variacións do seu apelido que non había unanimidade á hora de recordala e facíase moi complicado atopar documentación”, sinala o xornalista.
Ao tempo, enfatiza o carácter pioneiro de todas as mulleres que teñen espazo no libro. “Todas elas merecen recoñecemento, aínda que haxa disciplinas, como as de saúde pública, que son máis populares”, apunta. Con todo, o xornalista pide non baixar a garda. Queda moito por facer. “Si, hai avances. Pénsase que co gran esforzo dos últimos anos está todo feito, pero non é así. Todo isto hai que asentalo. Gañouse moito pero tamén se partía dun punto de gran desvantaxe”, conclúe.
Mulleres e ilustración
Outro dos libros que saíron recentemente ao mercado co obxectivo de conmemorar as mulleres silenciadas é Galegas na ciencia, unha obra editada por Belagua e asinada pola escritora Isabel Blanco e pola ilustradora María Lapido. En menos de 50 páxinas, as dúas autoras fan un repaso pola vida e obra de vinte mulleres salientables de Galicia, como a química Luísa Marcos Raña, a farmacéutica María Teresa Miras Portugal ou a propia Isabel Zendal. Segundo reseña Blanco, a elección destes perfís seguiu tres criterios principais: o primeiro, a galeguidade. É dicir, que todas elas tiveran vinculación, ben persoal, ben profesional, con Galicia. A segunda, que foran pioneiras nos seus campos de estudo. E, por último, o criterio cronolóxico: comezando no século XVIII e rematando en 1948.

“Hai moitas máis mulleres galegas que desde o século XVIII e ata os anos 50 do XX se dedicaron ao mundo da ciencia, a tecnoloxía e a investigación. Centos. E hoxe, máis de medio século despois, miles. E queremos ser centos de miles”, di Isabel Blanco nunha das notas de autora. Polo tanto, un libro que fala do pasado, das que abriron as portas ás mulleres que as seguiron. Pero tamén dun libro cunha clara aposta polo futuro. Por seguir cultivando as vocacións científicas entre as rapazas e, sobre todo, por ter referentes. Ensinarlles ás xeracións máis novas que hai modelos a seguir. Que elas tamén o poden lograr. E talvez, nun futuro, converterse elas mesmas en pioneiras.
Se queres obter máis información dos libros podes premer nas seguintes ligazóns:
- Pioneiras da ciencia en Galicia, Editorial Galaxia.
- Galegas na ciencia, Belagua Ediciones.