A vida dos polbos das Illas Cíes: este vídeo gravado na ría retrata a súa vida cotiá

Un equipo de Investigacións Mariñas analiza algúns dos aspectos máis descoñecidos da ecoloxía do polbo común na natureza

Algunha vez preguntácheste que fan os polbos e cara onde se dirixen mentres se desprazan sen esforzo polo océano? Esta é a pregunta que lanza o documentalista submarino Jose Irisarri aos usuarios na nova publicación da súa canle de YouTube. O vídeo, de carácter divulgativo, trata de mostrar o comportamento espacial dos exemplares adultos de polbo común (Octopus vulgaris) no seu hábitat natural, baseado na técnica da telemetría acústica. Coas Illas Cíes como escenario, os científicos empregan esta técnica para coñecer os movementos destes cefalópodos, que emprega transmisores acústicos denominados emisores.

Para levar a cabo a investigación marcáronse 24 Octopus vulgaris salvaxes 13 machos e 11 femias. Os científicos identificaron as guaridas de 15 dos polbos marcados, e descubriron que algúns empregaron ata catro refuxios. Na súa rutina, saen durante o día para cazar, regresando á cova. Ademais, percibiron unha maior actividade ao amencer e anoitecer, con seis dos exemplares abandoando a zona controlada cara mar aberto.

Publicidade

O vídeo forma parte do proxecto “Ecoloxía do polbo común na natureza: resolver as súas incógnitas ecolóxicas para obter unha ordenación pesqueira e unha acuicultura sostibles (ECOSUMA)”, liderado por EcoBioMar, en colaboración conxunta co Departamento de Ecoloxía e Recursos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, Vigo). Este permitiu coñecer algúns dos aspectos non revelados da ecoloxía do polbo común na natureza, sobre todo das súas paralarvas e xuvenís. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do IIM, conclúe as investigacións levadas a cabo no marco deste proxecto iniciado en 2020.

Unha investigación en augas galegas

O traballo de campo levouse a cabo en augas galegas e do norte de Portugal, a partir de datos recompilados durante a campaña de investigación biolóxica e oceanográfica a bordo do Sarmiento de Gamboa (CSIC), e de mostraxes subacuáticas. Ademais, o equipo de investigación empregou datos históricos de proxectos anteriores para investigar os cambios experimentados pola abundancia de paralarvas, e parámetros climáticos asociados na área de estudo, que comprende as campañas realizadas durante os últimos 25 anos en augas próximas ao Parque Nacional dás Illas Atlánticas de Galicia (PNIAG).

Publicidade

“Os estudos ecolóxicos das paralarvas antes do seu asentamento ao fondo suxerían que eran transportadas cara augas oceánicas durante a súa fase planctónica. As fases pre e post asentamento ao fondo, así como a ecoloxía dos xuvenís unha vez que chegan ao caladoiro de pesca preto da costa, eran practicamente descoñecidos. Por iso investigamos, entre outros aspectos, as relacións tróficas, desprazamentos, crecemento e idade, durante estas dúas fases, nunha área sometida ao afloramento estacional, para avanzar cara un enfoque ecosistémico que apontoe a ordenación deste recurso socioeconómicamente importante”, explica Ángel González.

O equipo de investigación identificou 33 especies de presas exclusivamente nas paralarvas de polbo, que corresponden con organismos presentes no zooplancton (copépodos, anfípodos hipéridos, larvas de cangrexos, ostrácodos, pterópodos, larvas de luras, cnidarios, sifonóforos e algas). Á súa vez, detectáronse 13 especies exclusivamente en xuvenís, que se correspondían con organismos bentónicos (anfípodos gammáridos, cangrexos ermitáns, cangrexo rabuña, peces, isópodos, poliquetos e un nematodo). Só 2 presas detectáronse conxuntamente en paralarvas e recentemente asentados.

Maior coñecemento sobre os polbos

Un dos logros do proxecto foi a creación dun biobanco de mostras de mesozooplancto onde se trazaron, procesaron e almacenaron 1.700 mostras procedentes das diversas campañas oceanográficas que levou a cabo o
grupo de investigación EcoBioMar, cos seus metadatos asociados (50 parámetros por mostra), incluíndo ademais mostras doutros centros de investigación, como o Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, que participa en programas de monitorización de zooplancto en augas galegas dende hai décadas.

“Tamén estimamos, a través da conta de aneis de crecemento nas mandíbulas, que a súa idade estivo comprendida entre 5 e 24 días para as paralarvas, entre 29 e 89 días para os recentemente asentados con pesos comprendidos entre 1 e 38 gramos e entre 92 e 260 días para exemplares entre 104-460 gramos de peso total”, indica Ángel González.

Co labor de achegar a un amplo espectro de público os principais resultados do proxecto, realizáronse diferentes actividades, como charlas, artigos científicos ou vídeos como o que describe as actividades realizadas para coñecer os movementos dos adultos usando técnicas de telemetría acústica. O equipo de investigación deu conta destes e outros achados a través da publicación de diversos artigos en revistas académicas de impacto, como Frontiers in Ecology and Environment, Ecology and Evolution ou Animal Biotelemetry.


Referencia: First insights into the spatial behaviour of Octopus vulgaris in the wild using acoustic telemetry (Publicado en Animal Biotelemetry)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia