Os fármacos como Ozempic aumentan a fertilidade: un estudo da UVigo explica o porqué

O tratamento, indicado para a diabetes, comezou a consumirse nos EEUU fai anos para baixar de peso

Aínda que non era o súa indicación inicial, os fármacos antidiabéticos agonistas do receptor GLP-1, como o Ozempic, están sendo amplamente empregados para tratar a obesidade. Precisamente este uso tan estendido está permitindo identificar efectos secundarios non previstos, como o suposto incremento da fertilidade. A comunidade científica internacional está a avaliar as causas que poden estar detrás deste aumento de embarazos entre as pacientes que se tratan con estes fármacos a pesar de estar a tomar anticonceptivos ou de sufrir infertilidade. Neste inesperado escenario, os investigadores traballan con dúas hipóteses: que os fármacos como Ozempic, Wegoby ou Saxenda reduzan o efecto dos anticonceptivos, ou ben que estimulen a produción da hormona luteinizante, que ten a función de regular o sistema reprodutor.

A primeira da teoría non se ten demostrado, pero respecto da segunda existe un estudo publicado en 2015 na revista Endocrinology polo investigador da Universidade de Vigo Federico Mallo, xunto con outros científicos do Cinbio, que demostraría esta premisa. O catedrático do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde determinou que a administración de GLP-1 a ratas femia estimula a produción da hormona luteinizante (LH), de modo que estas tiveron un maior número de crías viables en comparación coas ratas non tratadas. Polo tanto amósase “bastante seguro” de que os agonistas do receptor GLP-1 “promoven a fertilidade porque poden aumentar o pico de LH preovulatorio”.

Publicidade

Como funciona o medicamento?

Ferderico Mallo explica que este medicamentos baséanse nunha molécula que se une ao receptor de GLP-1 e o activa. O GLP-1, Glucagon-like Peptide-1, é unha hormona que se produce no intestino tras a inxestión de alimentos e que estimula a secreción de insulina polo páncreas actuando sobre o seu receptor específico nas células que segregan a insulina. Este feito levou a un intenso estudo dos seus efectos durante a primeira década do século XXI e permitiu desenvolver moléculas que se puideran administrar para mellorar a secreción de insulina en persoas con diabetes. Ademais, observouse que estas moléculas análogas o GLP-1 reducían enormemente a inxestión de alimentos en animais de experimentación, motivo polo que na actualidade son amplamente empregados como terapia anti-obesidade.

Un estudo pioneiro

Lembra que naquel momento “estabamos interesados en coñecer se os agonistas do receptor de GLP-1 poderían cambiar a regulación do sistema endócrino e se podían tamén modificar as hormonas do estres e tamén o eixo reprodutor, xa que toda estas funcións se controlan na mesma rexión do cerebro, o hipotálamo. “Demostramos que as femias de rata tratadas con GLP-1 tiñan un pico de LH moito maior, tiñan máis óvulos fecundados e implantados e un incremento no número de crías. Ademais, cando se administraba a ratas pre-púberes, adiantábase moito o inicio da pubertade. Estes feitos demostraban que o GLP-1 ten un potente efecto estimulador do eixo reprodutor feminino”.

Publicidade

Os resultados foron publicaron en 2015 converténdose nun estudo pioneiro porque “adiantou en case unha década a posibilidade de que os agonistas do receptor de GLP-1, que hoxe se utilizan extensamente para o tratamento da obesidade, poderían mellorar a fertilidade feminina. Ademais, explicamos un dos mecanismos implicados, a activación directa do eixo endócrino reprodutivo. De aí a relevancia do estudo e a repercusión que esta a ter na actualidade”, ata o punto que Nature, na súa sección de novas, se fixo eco hai unhas semanas desta investigación de 2015.

Das ratas ás persoas

O estudo realizouse con animais de laboratorio, e aínda que as ratas son un modelo moi afastado dos humanos en moitos aspectos, segundo explica Federico Mallo “comparte unha subliñable característica no aspecto reprodutor, xa que a rata femia ten un ciclo reprodutivo semellante o da muller, pero moito máis curto, chamado estral, que dura catro días en lugar dos 28 da muller”. O ciclo estral componse de catro fases: proestro, estro, diestro 1 e diestro 2. “A fase de estro é semellante á fase ovulatoria do ciclo menstrual da muller e nela prodúcese a ovulación, que en ambos casos depende de que ocorra unha grande elevación de LH (ou hormona luteinizante). Sen este pico non hai ovulación e, polo tanto, non haberá fertilidade”, explica. 

Como o mecanismo ovulatorio é similar en ambas especies, ratas e seres humanos, “en case que tódolos casos, os mecanismos ou alteracións de procesos endócrino-reprodutivos na rata pódense extrapolar á fertilidade feminina humana. A partir dos nosos datos no modelo animal era esperable un aumento da fertilidade nas mulleres tratadas con estes fármacos, como agora se ten observado”, sinala.

Unha esperanza para as mulleres con obesidade

O incremento da fertilidade e dos embarazos non desexados é tan elevado que algunhas empresas farmacéuticas recomendan ás pacientes que reforcen a protección anticonceptiva e mesmo nalgúns medios se fala xa de ‘bebés Ozempic’. Pero o catedrático da UVigo apunta a outra lectura, xa que as persoas con obesidade poder ter unha fertilidade moi reducida, o que supón enormes dificultades para conseguir un embarazo, que de conseguilo adoita ser de alto risco. “A administración dos agonistas do receptor GLP-1, entre os que se inclúe Ozempic, pode ser de moita axuda, contribuíndo á redución de peso antes do embarazo, mellorando o metabolismo dos carbohidratos, mellorando a función do eixo reprodutivo e incrementando a fertilidade”, conclúe.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento