Venres 29 Marzo 2024

Un artigo da UVigo, o máis descargado de 2016 no “Journal of Endocrinology”

O editor da revista científica Journal of Endocrinology, cun factor de impacto 4.498, certificou a varios membros do Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo como “Top Downloaded Authors”, unha mención honorífica coa que certificar que o artigo publicado por estes autores, no que se achega un novo enfoque ao papel positivo que poden ter sobre o control do metabolismo en pacientes diabéticos as interaccións entre dous sistemas de hormonas que aparentemente teñen efectos contrapostos, foi o máis descargado desta publicación no ano 2016, con preto de 600 descargas en apenas catro meses, xa que o estudo saíu á luz no mes de agosto.

O impacto dun artigo científico mídese de moitas maneiras, ata o de agora o máis habitual era referirse ao número de veces que se cita noutros traballos especializados, pero, xunto a isto, cada vez dáse máis relevancia a outros indicadores, principalmente ao número de lectores ou de veces que se descarga. “Isto significa que o traballo resulta interesante e que ten achegas significativas para o resto de colegas nun campo de traballo. Este é o noso caso e, por tanto, esta mención prodúcenos moita satisfacción e certo orgullo”, explica o catedrático Federico Mallo, director do laboratorio, que asina o artigo xunto a outros seis investigadoras e investigadores deste grupo: Yolanda Diz-Chaves, Laura Toba, Juan Fandiño, Hugo Ogando, Lucas C. González e Manuel Gil-Lozano, investigador formado neste grupo e que na actualidade se incorporou como investigador de posdoutoramento ao Instituto para o estudo da diabetes e o cancro, pertencente ao Helmholtz Zentrum de Berlín.

Publicidade

O laboratorio está especializado no estudo da diabetes e a obesidade

O Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo leva anos traballando no campo da función endocrina, con especial interese na caracterización das accións das incretinas coma GLP-1 e Ex-4, as súas funcións de regulación e mecanismos de acción involucrados no control neuroendocrino do metabolismo en patoloxías tales coma a diabetes e a obesidade. “Aínda que temos outros artigos bastante citados en outras publicacións científicas esta é a primeira vez que temos unha mención coma esta”, apunta Mallo, que explica que o número de veces que se descarga un traballo pode ser moi variable, podendo chegar a alcanzar as miles de veces ao longo dos anos.

O artigo publicado por este equipo vigués no Journal of Endocrinology achega, a xuízo dos autores, unha visión máis fisiolóxica e que explica mellor os mecanismos hormonais que se coñecen na actualidade e o metabolismo enerxético, tanto en persoas diabéticas como en suxeitos normais. “Nós pomos o foco sobre diversas probas que demostran que tanto GLP-1 coma os glicocorticoides teñen efectos cooperativos sobre o tecido adiposo e o control da inxestión de alimentos, e que, ademais, GLP-1 estimula tanto a secreción de insulina como de glicocorticoides, o que evita que se produzan hipoglicemias”, explica Mallo.

Un dos gráficos publicados no artigo.
Un dos gráficos publicados no artigo.

O grupo de investigación LabEndo, Laboratorio de Endocrinoloxía, pertencente ao Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, Cinbio, fundouse en 1995 polo profesor Federico Mallo Ferrer. Dende entón, foi incorporando outros profesores e ten formado no mesmo a dez investigadores nacionais e internacionais, entre eles o doutor Carlos Spuch Calvar, considerado un dos fichaxes estrela do Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia Sur, que se incorporou ao Hospital Álvaro Cunqueiro, tras traballar no CSIC, nun instituto de investigación sueco e no Hospital 12 de Outubro.

Na actualidade este equipo, recoñecido coma grupo de referencia (grupo con potencial de crecemento) en 2012, está constituído por catro profesores das áreas de Fisioloxía e Cirurxía (Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde), así coma tres investigadores de posdoutoramento e cinco doutorandos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

O CINBIO explora novas estratexias terapéuticas para trastornos do sistema inmune

O proxecto coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño estuda as citoquinas, as cales facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus