Venres 29 Marzo 2024

“A velutina pode explicar a menor presenza doutros insectos no noso ecosistema”

Xulio Maside, investigador do CIMUS e biólogo xenetista, é unha das persoas que colaboraron na elaboración dun estudo sobre as consecuencias que está a ter a aparición da praga da vespa velutina no ecosistema galego. Unha das principais dificultades para enfrontarse a esta especie invasora é o descoñecemento que aínda existe sobre un fenómeno que creou moita alarma social e que está a ter consecuencias moi importantes sobre o sector apícola. Maside alerta sobre outras repercusións menos visibles pero que poden ser incluso máis importantes, como os cambios que se perciben noutras especies de insectos ata o de agora habituais. En todo caso cre que seguir investigando é o mellor xeito de reunir información para facer fronte á velutina.

-Cales foron as principais conclusións do estudo que elaboraron na USC coa colaboración da Deputación da Coruña?

Publicidade

Unha das principais conclusións é que en termos socioeconómicos a velutina está a ocasionar un gasto importante para as explotacións apícolas. Hai que ter en conta que se trata dun sector pequeno e pouco profesionalizado. O custe que supón enfrontarse á praga case equivale á ganancia que tiñan as explotacións e moitas veces o supera. De todos os xeitos, é difícil precisar as consecuencias económicas porque o sector apícola ten un seguimento pouco preciso e é complicado analízalo. Aínda que non se incluíu neste estudo, habería que engadir tamén o gasto que supón a velutina para a Administración, que é moi elevado xa que, por exemplo, hai que afrontar o custo que supón retirar os niños de velutina cos bombeiros ou con persoal de Protección Civil.

“O custo que supón enfrontarse á velutina é moi elevado para os apicultores”

-Outro dos aspectos estudados no informe é as posibilidades de loita biolóxica contra a praga. A que conclusións chegaron?

Fixemos a primeira análise a nivel europeo neste sentido. A idea inicial era identificar algún parasito autóctono que poida debilitar á velutina. Partíamos de cero porque non hai estudos sobre os parasitos dos véspidos autóctonos aínda que sí os hai sobre as abellas. Descubrimos que hai algunhas posibilidades interesantes para avanzar neste liña de investigación porque hai parasitos que poderían afectar á velutina. Temos algúns parasitos tipo protozoo que poden tratarse no laboratorio pero temos que afondar nesta liña.

O interesante é que tamén descubrimos que a vespa asiática é un axente mobilizador de organismos parasitarios. Hai estudos que apuntan a que a poboación de insectos voadores en Europa reduciuse nun 70% e a de paxaros nun 30% nos últimos anos. Isto débese, fundamentalmente, á utilización de pesticidas na agricultura extensiva. Pero en Galicia temos algunhas pistas de que a velutina pode estar relacionada coa menor presenza dalgúns insectos nos últimos anos. É outra liña de investigación na que habería que afondar.

“Hai parasitos autóctonos que poderían afectar á velutina”

-Mais alá de chamar para retirar os niños e das trampas artesanais contra as velutinas non semella que haxa unha estratexia para combater a praga. De que xeito habería que actuar para minimizar as súas consecuencias?

Eu creo que unha das medidas que funciona no que se refire as explotacións apícolas e protexer os apiarios. Por exemplo, a arpa eléctrica é unha boa opción e eu mesmo a estou utilizando porque tamén teño colmeas. No que se refire a o tema de colocar trampas en primavera para tratar de atrapar ás raíñas, hai que dicir que os franceses non atoparon polo de agora evidencias de que sexa unha alternativa eficaz para loitar contra a praga, pero como aquí todo é novo non se pode asegurar que non teña a súa eficacia. O que si hai que evitar e que as trampas teñan consecuencias para o resto do ecosistema porque afectan a outras especies de insectos e de feito hai datos que indican que mais dun 90% dos insectos que caen nestas trampas non son velutinas. As trampas deberían de facerse de tal xeito que permitan fuxir aos insectos máis pequenos que quedan atrapados nelas.

Outra boa cousa sería realizar algún tipo de campaña de divulgación para saber que é o que se pode facer tendo en conta o que sabemos desta especie. Preocúpame que nos colexios se difunda a idea de que esta é unha especie que hai que erradicar sen máis explicacións, e unha mensaxe que non é positiva. Creo que hai que tratar de involucrar á poboación na loita contra a velutina pero dende un punto de vista conservacionista e de posta en valor do ecosistema. Nesta liña teño que agradecer a axuda económica da Deputación da Coruña para realizar o informe que fixemos o ano pasado e estamos agardando que podan chegar novas axudas para afondar no mesmo. Neste sentido solicitamos axudas europeas, en colaboración con outros países, para seguir avanzando na investigación neste tema.

“Agardamos que podan chegar novas axudas para coñecer mellor esta especie”

-Haberá que acostumarse a convivir con esta especie e os seus efectos entón?

O mais probable é que haxa que convivir con ela porque o único xeito de erradicala sería a aparición dun parasito que acabase coa velutina e que nestes momentos non se coñece. Hai que ter moito coidado neste sentido porque algúns falaron da posibilidade de traer un parasito de fóra para atacar ás velutinas pero hai que ter en conta que pode ser que este parasito tamén afecte as especies autóctonas e entón teríamos un problema moito mais grave. De todos os xeitos, tamén hai que analizar o problema na súa xusta dimensión. As consecuencias son moi graves para o sector apícola e hai que buscar solucións pero por exemplo quizais non hai tanto perigo para a xente porque é unha especie que so adoita atacar cando ve ameazado o niño. Eu traballei moito xunto a velutinas e nunca me picaron.

O que hai que investigar tamén é a súa incidencia na poboación de insectos porque estou a ver cousas que nunca pasaran, como o feito de que durante a vendima do ano pasado non se viran as pequenas vespas que sempre aparecen na vide. Isto poder ser unha consecuencia da aparición da velutina pero hai que estudalo en profundidade. Semella que neste ano a súa presenza se vai incrementar nas áreas nas que xa está pero non vai estenderse moito mais e isto pode ser unha boa nova para poder concentrar os esforzos en zonas determinadas.

“Este ano a velutina vaise estender menos pero aumentará nalgunhas zonas”

-O tema esperta moito interese na poboación, semella que incluso están preparando unha mostra sobre ela.

Si, agardamos que a finais de maio ou principios de xuño poda verse no Museo de Historia Natural da USC unha exposición pedagóxica na que se analice o que sabemos sobre este especie e se podan presentar algúns dos resultados da investigación que fixemos.

1 comentario

  1. A diminución dos paxaros débese fundamentalmente á intensificación agrícolas (menos restrollos disponibles, menos flora e insectos acompañantes..), non só polos pesticidas, e basicamemente non é a causa principal posiblemente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

A nova ameaza das velutinas: o abandono dos pequenos viñedos

Investigadoras da UDC analizan por vez primeira o impacto desta especie invasora sobre a produción de uva

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos