Unha tese propón a inclusión de 58 novos rexistros no Catálogo de Árbores Senlleiras

O enxeñeiro Gaspar Bernárdez analiza na súa investigación o estado de conservación de máis de 1.100 formacións distribuídas por Galicia

O enxeñeiro da USC José Gaspar Bernárdez Villegas presentou recentemente, no marco da súa tese de doutoramento, unha revisión do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A investigación, realizada baixo a dirección dos catedráticos Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, propón ampliar a listaxe con 42 novos exemplares e 16 formacións arbóreas na selecta clasificación de árbores monumentais de Galicia. A investigación, exposta na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, recibiu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

O documento, creado no ano 2007 e modificado posteriormente, foi evolucionando co obxectivo de recoller as árbores e formacións máis destacadas de Galicia, sexa polas súas características dendrométricas, históricas, culturais, científicas ou paisaxísticas, unido ao crecente interese e admiración polos denominados monumentos naturais e polo arborado singular. Estas claves foron o punto de partida para a exhaustiva investigación realizada por Gaspar Bernárdez na súa tese, na que realizou a revisión e estudo de 1.108 exemplares e formacións distribuídos por toda a xeografía galega, dos que 189 rexistros forman parte do catálogo actual, 58 figuran como novas propostas para a súa catalogación e outras 861 referencias formarán parte da maior base de datos creada para o arboredo singular de Galicia.

Publicidade

A provincia que, segundo a investigación de Bernárdez Villegas, achega un maior número de rexistros propostos para incluír no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia é Pontevedra, con 32 (55,2%), seguida de Ourense con 14 (24,1%), Lugo con 9 (15,5%) e A Coruña, con 3 rexistros (5,2%). As especies máis habituais son o castiñeiro (Castanea sativa) con 4 exemplares propostos, seguida do cedros do Atlas (Cedrus atlantica), con 3 propostas e a camelia (Camellia japonica). O ciprés de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), o pradairo (Acer pseudoplatanus), a magnolia (Magnolia grandiflora), o plátano de sombra (Platanus hispanica), o abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii) e o carballo (Quercus robur) proporcionan dous rexistros por especie. Na actualidade, a provincia de Pontevedra, con 50 árbores e 12 formacións, xa é a máis representada, seguida de A Coruña (44 máis 13), Lugo (35 máis 6) e por último lugar Ourense (22 máis 7).

Alén das novas recomendacións para a súa catalogación, Bernárdez Villegas suxire  descatalogar o 5,3% das árbores e formacións actualmente tipificadas de senlleiras por mor da morte biolóxica dos exemplares ou por ter perdido os valores singulares. O estado de conservación dos demais rexistros xa catalogados é satisfactorio, agás os casos do Castiñeiro da Ramigoa, os Castiñeiros de Peninvello, os eucaliptos de Chavín, incluíndo “O Avó”, que ten graves problemas sanitarios; o Bidueiral do Coto de Xares; o Carballo do Pazo de Vilardefrancos; os Cedros de Vicenti; os Cipreses de California do Xardín do Malecón, e o Ciprés de California do Pazo de Quintás. O investigador propón para estes casos distintas actuacións destinadas á estabilización da súa parte aérea, que é a que concentra a maior parte dos defectos ou problemas advertidos.

Publicidade

Galicia perde 11 das súas árbores senlleiras: estas son as razóns

Alén desta diagnose precisa da do estado de saúde das árbores e masas arboradas singulares, a investigación de doutoramento realizada por este pontevedrés, graduado en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural con mestrado en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, achega como ferramenta fundamental para o recoñecemento das árbores senlleiras de Galicia unha descrición de cada exemplar ou formación que se inclúe na ficha descritiva individualizada, xunto cunha breve descrición da contorna, que inclúe datos históricos ou curiosidades, ademais dunha breve descrición botánica de cada taxón catalogado ou proposto para a súa catalogación.

A profesora de Botánica, Xestión Forestal e Biodiversidade da Universidade de León Carmen Acedo Casado presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por este enxeñeiro pontevedrés, un xurado do que tamén formaron parte as profesoras da USC e da UVigo, Rosa Romero e Luisa Castro, respectivamente, e que outorgou a máxima cualificación académica á investigación realizada por Bernárdez Villegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares