Estas oito árbores senlleiras son algunhas das que se caeron do catálogo debido á perda dos valores que levaran á súa inclusión.
Estas oito árbores senlleiras son algunhas das que se caeron do catálogo debido á perda dos valores que levaran á súa inclusión.

Galicia perde 11 das súas árbores senlleiras: estas son as razóns

A Consellería de Medio Ambiente procede a descatalogar estes exemplares e formacións debido ao seu deterioro nos últimos anos

Persistiron durante séculos, vendo pasar diante deles a moitas xeracións de seres humanos que pasaron moitos momentos da vida ao seu carón.  Pero o tempo acabou sendo un inimigo inexorable, como acontece con case todos os seres vivos. Nos últimos anos, máis dunha decena de árbores do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia padeceron un deterioro tal que acabaron saíndo da listaxe oficial. Unha sorte de certificado de defunción que ratifica sobre o papel a loita perdida contra a inmortalidade.

O comité galego que regula esta listaxe, reunido en abril deste  ano, tiña sobre a mesa as propostas de exclusión destes exemplares e formacións. Para garantir os criterios para os que se creou o catálogo, unha clasificación que xa se actualizou e revisou en varias ocasións, desde 2007, realízanse revisións periódicas das formacións senlleiras presentes nel. E os seguimentos dos últimos tempos ofrecían un panorama preocupante, que o comité puido constatar. Unha vez analizada toda a documentación, aprobouse a descatalogación de 10 exemplares pola perda dos valores que levaron á súa inclusión, e a doutro exemplar máis pola súa morte biolóxica.

Ao tempo, naquela mesma xuntanza, e tal e como contempla o regulamento, analizouse a posibilidade da inclusión de 18 novas árbores e formacións, a solicitude de concellos, particulares e asociacións. Á espera de completar os procedementos precisos para engadir ou eliminar estes exemplares, a listaxe conta na actualidade con 189 árbores e formacións de 80 especies diferentes.

Como acontece en todas as vidas, o paso do tempo expón a estas magníficas árbores a todo tipo de acontecementos. Sobreviviron en boas condicións ata hai pouco, pero motivos diversos (incendios, refachos de vento, raios, grandes nevaradas ou fungos), levaron por diante o seu maxestoso perfil. Estas son as súas historias:

Castiñeiro do Mola (A Mezquita)

Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.
Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.

Cando foi incluído na listaxe de árbores senlleiras, considerouse que fora no pasado un dos castiñeiros de maiores dimensións de Galicia, xunto ao de Pumbariños, no Souto de Rozabales en Manzaneda. O seu tronco mantén un perímetro basal de máis de 13 metros.

Porén, hai xa máis de 10 anos, un incendio accidental, producido cando o seu propietario intentaba eliminar as silvas que medraban na súa base, deixouno malferido. Aquel dano provocou que o exemplar do Mola perdera a súa singularidade, ficando ao borde da morte. Hoxe ten só unha rama viva na copa, que posiblemente pertence a unha nova planta procedente de semente que naceu dentro del.

Castiñeiro da Regadiña (Pobra de Trives)

Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.

Ás veces, son os propios contratempos os que acaban conformando as peculiares formas que vemos nalgunhas árbores. A neve, o vento e os raios habituais en Trives abriron un curioso oco que separaba o tronco, unido en dúas metades por un estreito anaco a modo de ponte, convertendo á da Regadiña nunha das caracochas máis destacadas de Galicia.

En conxunto, o perímetro da base era de case 12 metros, pero debido á súa debilidade apenas acadaba os sete de altura. Despois das recentes valoracións de persoal técnico da USC, constatouse que ambas partes están practicamente separadas, sen ponte que as una, e case secas. E a única rama que sobrevive está moi danada polo chancro e a vespa do castiñeiro, o que fai moi probable a súa inminente morte.

Cameciparís de Lawson (Soutomaior)

Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Deputación de
Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Deputación de Pontevedra.

A partir do ano 1870, cando o castelo de Soutomaior se transformou en pazo, acometeuse o proxecto dun xardín botánico que hoxe conserva un importante valor. Ata hai poucos anos, a arquitectura deste exemplar de Chamaecyparis lawsoniana era “espectacular”, segundo o informe da propia Consellería. Do seu tronco, de 11 metros de perímetro, emerxían ata nove pés que se elevaban ata máis de 30 metros.

Pero durante os últimos anos, o exemplar perdeu vigor, caendo seis dos noves fustes da copa, e cun alto risco de caída dos brazos que quedan. Tamén é probable a súa morte biolóxica nun breve espazo de tempo.

Araucaria excelsa da Casa de Tenreiro (Pontedeume)

Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.
Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.

Era un exemplar de Araucaria heterophylla, árbore tamén coñecida como piñeiro de pisos, cunha “arquitectura impecable” cando foi incluído no catálogo, hai agora 12 anos. Superaba os 31 metros de altura, e o primeiro tramo do seu tronco, indiviso ata os 3,4 metros, permitía camiñar baixo a copa.

Pero nos últimos anos, esta araucaria de Pontedeume está secando en gran parte da súa copa e “seguramente caerá en poucos anos”, expoñen desde Medio Ambiente. Con todo, enténdese que, ao atoparse nunha propiedade privada, a decisión de cortala corresponde aos propietarios do terreo.

Teixo da Casa de Tenreiro (Pontedeume)

De esquerda a dereita, fotos do século XX, 2009 e 2018. Imaxes da SGHN, Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.
De esquerda a dereita, fotos do século XX, 2009 e 2018. Imaxes da SGHN, Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.

A poucos metros, na mesma finca da familia Tenreiro, está outra árbore cunha enorme historia ás súas costas, e que hoxe tamén esmorece. Un Taxus baccata que ten, polo menos, uns 300 anos, e que chegou a acoller durante a presidencia de Casares Quiroga, na Segunda República, unha reunión do Consello de Ministros. Baixo as súas follas tamén estiveron Azorín, Valle Inclán ou Emilia Pardo Bazán, visitando aos propietarios da finca, que podaban as súas ramas e follas con todo tipo de formas.

Pero as diversas agresións, como a construción do paseo marítimo que discorre a carón do teixo, e coa que se colocaron unhas lousas sobre as raíces da árbore, acabaron por afogalo, tal e como denunciou no seu tempo a Sociedade Galega de Historia Natural. Hoxe ten o 90% da súa copa seca, e “é moi probable a súa morte biolóxica nun breve espazo de tempo”, indica o informe da consellería. Moi pronto quedará un gran enreixado circular sen nada que protexer, e unhas escaleiras que xa non levan a ningún lugar.

Carballo albar de Quindous (Cervantes)

Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e DXPN.
Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e DXPN.

Xunto aos dous exemplares de Pontedeume, este exemplar de Quercus petraea, coñecido polos veciños como o Caroco, caeu do catálogo de árbores senlleiras xunto a outro ‘compañeiro’ co que conviviu durante séculos, situado na mesma Praza do Campo de Quindous, en Cervantes, lugar que aparece nalgunhas das escenas do filme O que arde, de Oliver Laxe.

A finais de outubro de 2018, unha forte nevarada que aínda colleu ás árbores cheas de follaxe levou por diante moitas árbores nos Ancares. E entre elas, este exemplar senlleiro, que sufriu o desprendemento de todas as pólas. Antes disto, chegou a acadar máis de 20 metros, cunhas ramas que se dispoñían en forma de parasol, dándolle unha aparencia moi destacada no lugar.

Rebolo de Quindous (Cervantes)

Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.
Fotos de 2009 (esquerda) e 2018. Imaxes de Miguel Ángel Montero Vaz e Gaspar Bernárdez Villegas.

Este Quercus pyrenaica foi outro dos exemplares engadidos ao catálogo cando se aprobou, en 2007. Naquel momento xa presentaba algunha podremia e varios ocos na base. E mesmo había un pé de sabugueiro medrando nun deles. A uns dous metros de altura ten un cadorno moi visible.

A pesar do pouco vigor da copa, que secou nos últimos anos, e das zonas defoliadas, o rebolo de Quindous acadaba case os 17 metros de altura ata hai pouco, cun perímetro basal de 4 metros. Porén, as valoracións técnicas da USC recomendaron a descatalogación do exemplar, xa que apenas conserva uns rebrotes pequenos pegados ao tronco e ás ramas principais.

Nogueira de Licín (O Saviñao)

Fotos de 2011 (esquerda) e 2018. Imaxes de Gaspar Bernárdez Villegas.
Fotos de 2011 (esquerda) e 2018. Imaxes de Gaspar Bernárdez Villegas.

Foi en 2011 cando esta árbore de 12,7 metros de altura e 7,6 de perímetro se converteu na primeira das nogueiras (Juglans regia) senlleiras de Galicia. Estímase que ten uns 500 anos de vida. Naquel momento, o tempo xa deixara pegada na súa saúde: estaba fendido, con pouca madeira e só un par de pólas daban sinais de vida na súa copa.

E en febreiro de 2014 chegou a sentenza. Os temporais daquel mes acabaron por derrubar as súas ramas principais, que acabaron sendo cortadas. A veciñanza do Saviñao solicitou naquel momento, como antes da caída pedira actuacións para salvar a árbore, que se tomaran as medidas precisas para recuperala. Pero a súa desaparición do catálogo é un chanzo máis, como noutros casos, cara a súa morte en pouco tempo.

Buxeda do Pazo de San Lourenzo (Santiago de Compostela)

Imaxes de 2011 e 2018. Fonte: pazodesanlourenzo.com e Gaspar Bernárdez Villegas.
Imaxes de 2011 e 2018. Fonte: pazodesanlourenzo.com e Gaspar Bernárdez Villegas.

O xardín de buxos é, ou era, un dos principais elementos do Pazo de San Lourenzo de Trasouto, un edificio con oito séculos de historia ao que lle cantou Rosalía e onde pasou unha noite o emperador Carlos V. A formación vexetal, coidada durante séculos, tomaba forma con símbolos do Apóstolo Santiago, a orde dos Franciscanos, Xesucristo ou a virxe María.

Cando se acordou a inclusión no catálogo, hai oito anos, o estado da buxeda era “moi bo”, pero a chegada o fungo Cylindrocladium buxicola, que apareceu en Galicia en 2008, destruíu en pouco tempo o que se conservou durante séculos. O alcance dos danos é tal que se acordou proceder á súa descatalogación.

Tileiras prateadas de Oseira (San Cristovo de Cea)

Imaxes de 2011 e 2013. Fonte: Google Street View.
Imaxes de 2011 e 2013. Fonte: Google Street View.Catá

Ata hai só uns anos, uns exemplares de Tilia tomentosa que superaban os 25 metros de altura recibían aos visitantes que se achegaban ao mosteiro de Oseira. Así se pode comprobar nas imaxes de Google Street View, datadas en marzo de 2011.

Porén, a pesar de xa estar incluídas naquel ano no Catálogo, alguén decidiu demoucalas entre ese momento e o ano 2013, cando xa aparecen cun tamaño moito menor, e hoxe ningún dos exemplares supera os 12 metros de altura. Ante isto, o persoal técnico da USC observou que o seu estado sanitario e biomecánico se van ver moi comprometidos no futuro, polo que perderon os valores que levaron a consideralas como árbores senlleiras.

Araucaria excelsa do Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa)

Araucaria en 2011 (esquerda) e 2018. Fotos: Gaspar Bernárdez Villegas.
Araucaria en 2011 (esquerda) e 2018. Fotos: Gaspar Bernárdez Villegas.

Os xardíns deste pazo, que tamén acolle unha coñecida bodega de albariño, comezaron a desenvolverse a finais do século XVII e ao longo do XVIII. Desde entón, o lugar foise poboando de árbores que hoxe son senlleiras, como os alcanforeiros, as magnolias ou os eucaliptos. E tamén a araucaria, que superaba os 30 metros de altura. Hai poucos anos, foi un dos lugares nos que estivo Stephen Hawking nas súas visitas a Galicia.

Pero hai varios anos partiuno un raio pola metade, acabando con máis de 200 anos de vida. A araucaria resistiu un ano máis, pero cando se realizou a revisión para a actualización do catálogo, constatouse a súa morte.

Protestas da SGHN

A descatalogación destes once exemplares provocou a reacción da Sociedade Galega de Historia Natural, que protestou polo que considera un “incumprimento” da Xunta ao non garantir o coidado destas árbores. Lamentaba a SGHN, do mesmo xeito, que se gastara na protección destes exemplares “nin tan sequera a terceira parte” do que se investiu no alumeado do coñecido como Bosque de Galicia, na aba do monte Gaiás de Santiago.

Ante isto, a entidade ecoloxista pedía a anulación dos expedientes de descatalogación ata “que se faga unha avaliación científica, integral e participada das árbores e formacións senlleiras que están a sufrir deterioro no seu estado de conservación”, tomando as medidas precisas.

Do mesmo xeito, a SGHN pedía a reformulación do actual Comité de Árbores senlleiras, “substituíndo aos seus integrantes ao ser incapaces de dar cumprimento ás funcións legais encomendadas, e vinculando as súas decisións ao Observatorio Galego da Biodiversidade, a fin de que exista un órgano científico-técnico e político que poida valorar e no seu caso validar as súas actuacións e ditames”, concluían.


As árbores senlleiras de Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.