Martes 19 Marzo 2024

O acordo entre estudantes e USC pon fin á folga en Medicina

A xuntanza entre representantes do alumnado, decanato, departamentos e reitoría rematou ás 23 horas do venres coa sinatura dun documento marco

Despois doutra longa reunión, que se prolongou durante oito horas e media, ata as 23 horas do venres, a Asemblea Aberta de Medicina da USC anunciou a desconvocatoria da folga que iniciara o pasado martes para esixir unha serie de melloras no referente á docencia, as prácticas e o funcionamento administrativo do centro. Xa preto da medianoite, tanto a USC como os e as representantes do alumnado fixeron pública a sinatura dun acordo marco, que desde a institución se comprometen a garantir e facer cumprir e apoian “de xeito incondicional“, mentres que a Asemblea aceptaba, pola súa parte, poñer fin á folga.

O documento asinado recolle, como puntos clave que se aplicarán de forma inmediata, o compromiso de cambiar os criterios de corrección nos exames tipo test, a revisión da presencialidade para evitar o exceso de horas que afronta actualmente o alumnado, a descentralización das prácticas dos centros de saúde, a modificación do plan de estudos, o compromiso de solucionar as convalidacións con maior celeridade, e a apertura dun buzón electrónico e confidencial para denunciar actitudes irrespetuosas por parte do profesorado e actuar segundo corresponda.

Publicidade

Alén destes puntos, o acordo tamén inclúe máis dunha vintena de compromisos que abranguen asuntos como a planificación dun calendario de cada materia, un control do absentismo por vía oficial, a mellora nas condicións das prácticas clínicas ou a posibilidade de avaliación en galego e castelán.

Na reunión, celebrada en San Xerome e presidida polo reitor, Antonio López, analizáronse e ratificáronse os acordos negociados durante estes días. Segundo o comunicado difundido pola USC, o reitor agradeceu tras o acordo “o compromiso evidenciado polo movemento estudantil para coa calidade da docencia que reciben así coma para coa proposta de vías que contribúen á mellora do funcionamento do centro”, a través dunha mobilización que se desenvolveu con “respecto e sensatez“, axudando “á construción do espazo democrático do que a universidade debe ser exemplo e garante”.

A reunión celebrada en San Xerome estivo presidida polo reitor da USC. Foto: Santi Alvite.
A reunión celebrada en San Xerome estivo presidida polo reitor da USC. Foto: Santi Alvite.

Diálogo noutros centros

A raíz da mobilización en Medicina, xurdiron outras asembleas de traballo en facultades como Comunicación, Bioloxía, Ciencias Políticas, Maxisterio, Psicoloxía ou Humanidades, nas que o alumnado esixe, do mesmo xeito, a mellora das condicións da docencia e outros aspectos nos seus respectivos centros. Ante isto, a USC anunciou o inicio dunha rolda de contactos con representantes do movemento estudantil co obxectivo “de crear novos espazos de diálogo coa comunidade universitaria” que sirvan “para tratar, entre outros temas, os efectos da implantación do Plan Bolonia nos distintos sectores da comunidade universitaria e tratar de corrixir os problemas a que poidan estar dando lugar”.

Neste punto, a propia institución recoñece as “dificultades orzamentarias que atravesa a USC e que provocan, en boa medida, parte dos problemas detectados e trasladados polo movemento estudantil en relación, por exemplo, ás infraestruturas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Estudar unha carreira ou non: o factor clave que leva á xente nova a abandonar do rural

Unha tese da USC constata que o perfil do emigrante rural é o dunha persoa de entre 25 e 34 anos e que, na súa maioría, non retorna

Antonio López encara o seu segundo mandato na USC tras ser reelexido reitor

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, único candidato nos comicios, obtivo un total de 1.636 votos