Venres 19 Abril 2024

O apoio de Carracedo á folga de Medicina: “Alégrome de que espertedes”

A mobilización do estudantado para pedir a mellora das condicións da carreira na USC recibe o respaldo de numerosos profesionais e entidades

Foi un dos moitos apoios que están recibindo nos últimos días as e os estudantes da Facultade de Medicina, pero destaca pola relevancia de quen o fai; o catedrático Ángel Carracedo amosou o respaldo á folga indefinida convocada polo alumnado da USC. “Alégrome de que espertedes, porque estades no tempo e eu recordei con cariño outro peche que alí fixen á vosa idade por motivos practicamente equivalentes”, expuxo o científico nunha carta publicada a través das redes sociais pola asemblea que representa ao estudantado.

No mesmo texto, o catedrático lamenta a persistencia de métodos de ensino “que parecen de transmisión oral do coñecemento cando non había nin imprenta“, así como a ausencia no plan de estudos de materias como Xenómica mentres, pola contra, “ter que aprender memorísticamente cousas que ides esquecer porque nunca máis van ser usadas”.

Publicidade

Este xoves cúmprese a terceira xornada de folga na facultade da rúa de San Francisco, logo dunha longa reunión de oito horas o mércores entre a asemblea estudantil e representantes do decanato e algúns departamentos da Facultade. “É un problema que vén de lonxe”, explican desde a Asemblea, e, ante a falta de solucións, “queremos buscar un compromiso real de que o pedimos realmente se vaia levar a cabo”.

Entre os motivos, destacan a carga de horas presenciais, “ata 12 diarias ou 46 semanais nalgúns casos, algo insostible”, así como a lentitude burocrática nas convalidacións ou na solicitude de cambios de quenda, as ausencias inxustificadas de docentes e a dificultade para recuperar esas horas, e mesmo faltas de respecto ao alumnado e outros colectivos, mesmo con comentarios sexistas e discriminatorios cara a outros colectivos como o LGTBI ou a enfermería.

Outra das reivindicacións do estudantado é o dos problemas que afectan aos métodos de avaliación. Expoñen que algúns criterios dificultan en gran medida a súa situación de cara aos exames de acceso ao MIR. “Pídese unha porcentaxe do 70% para superar a asignatura, pero iso tradúcese nun 5 no expediente, e quedamos en desvantaxe”.

Carracedo: ‘A educación necesita unha revolución absoluta’

Este é outro dos puntos sobre os que incide Carracedo na súa carta: “Que apenas conte o esforzo continuado durante tantos anos e que se avalíen coñecementos teóricos dunhas materias nun exame único con preguntas postas por non se sabe quen está pervertendo gravemente o ensino no grao”. Pregúntase o científico: “Realmente pensa alguén que o exame MIR permite definir quen vai ser bo ou mellor médico ou especialista? Temos que facer o ensino de Medicina pensando no exame MIR e nos resultados desa proba? Para min sería un erro gravísimo”, conclúe.

As negociacións dos últimos días levaron a que a USC accedese a buscar a mellora dalgúns dos problemas, como un maior control da ausencia de docentes nas clases presenciais e unha menor cantidade de horas deste tipo de sesións. Este xoves non haberá asemblea, que se celebrará na mañá do venres, e a folga e o peche manteranse. Durante esta xornada, segundo anunciaron, a Asemblea dedicarase a revisar todos os puntos do borrador de propostas redactado tras a xuntanza de onte.

Enquisas sobre a carga de traballo

Co gallo da convocatoria de folga, a asemblea deu tamén a coñecer os resultados dunha enquisa na que participaron centos de alumnos da Facultade, sobre a relación da carga de traballo que afrontan coa saúde mental e física, a vida social ou o rendemento académico. Entre outros datos, exponse que o 51,3% dos estudantes pensaron nalgún momento en deixar a carreira por esgotamento físico ou mental.

Opción de examinarse en galego

Alén das protestas pola excesiva presencialidade das clases, as incompatibilidades de horarios e os problemas administrativos e de organización, as peticións do alumnado tamén inciden na imposibilidade de realizar o exame en galego en moitas asignaturas a pesar de ser o idioma cooficial xunto ao castelán.

A mobilización da Facultade de Medicina marcou o camiño para que nestes días comezaran a xurdir tamén movementos de protestas noutros centros da universidade compostelá, como Comunicación, Bioloxía, Ciencias Políticas ou Maxisterio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

Ángel Carracedo: “O Proxecto Xenoma Galicia é o máis ambicioso do mundo”

A iniciativa recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco e para anticiparse ás enfermidades

Ángel Carracedo: “Divulgar na miña terra? Teño claro que en galego”

O xenetista fai un repaso da súa traxectoria como líder dun laboratorio que é referencia internacional en Ciencias Legais en Forenses