Terremoto de magnitude 4,5 preto do Banco de Galicia

É un dos maiores sismos detectados nas proximidades do territorio galego pola rede do Instituto Geográfico Nacional nos últimos 30 anos

Ninguén o notou, agás a rede sísmica do Instituto Geográfico Nacional, pero esta mañá produciuse un dos maiores sismos dos últimos tres decenios no litoral próximo a Galicia. Ás 10.25, un terremoto de magnitude 4,5, segundo os datos provisionais, e a unha profundidade de 40 quilómetros, tivo lugar na zona próxima ao Banco de Galicia, un monte submarino situado a algo menos de 200 quilómetros do cabo Fisterra, non lonxe da zona onde repousan desde 2002 os restos do petroleiro Prestige.

Segundo o catálogo de terremotos do IGN, existen poucos sismos na zona con magnitude comparable ao deste venres, aínda que estes movementos poden formar parte da dinámica habitual en zonas con actividade tectónica, como é o caso do Banco de Galicia. Así, desde 1900 hai rexistrados máis de 100 sismos nesta rexión do Atlántico, pero apenas unha decena deles (entre o que está o desta mañá de venres) superaron a magnitude 4. Este xoves 7 de novembro houbo outro sismo, ao noroeste do principal do venres, que acadou unha magnitude 3,9.

Publicidade

Na madrugada do xoves houbo outro sismo na zona que acadou magnitude de 3,9

De feito, a orografía desta zona é produto da apertura do Atlántico que comezou hai uns 180-200 millóns de anos, e da aproximación máis recente das placas de África e Eurasia, que orixinou os Pireneos, a Cordilleira Cantábrica e, como prolongación, o Banco de Galicia. Aínda que estea baixo a auga, é unha elevación moi notable, xa que se achega a só 600 metros da superficie na súa máxima elevación, mentres que noutras zonas cae ata os 4.000 metros de profundidade.

En 2002, a raíz do afundimento do Prestige e os estudos realizados para valorar a posibilidade de que seguira vertendo fuel, realizáronse diversos estudos que achegaron un maior coñecemento da zona. Para garantir a súa preservación, foi declarada como Zona de Especial Conservación (ZEC), que abrangue unha superficie de 8.722 quilómetros cadrados.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro