Xoves 25 Abril 2024

Charlas, homenaxes, turismo e marisco: así foron as visitas de Hawking a Galicia

Algo especial tivo que verlle Stephen Hawking a Galicia. Un bo recordo debeu levar de Santiago de Compostela cando lle recomendou a cidade a un dos seus asistentes para pasar a súa viaxe de vodas. “Señor Hawking, vostede que viaxou tanto: que sitio me recomendaría para ir de lúa de mel?”, preguntoulle o seu asistente, segundo lembra o profesor da USC José Edelstein, que soubo da historia por parte do equipo que axudaba ao científico falecido este 14 de marzo. E Hawking recomendoulle Compostela. Levou, sen dúbida, boas lembranzas das súas visitas.

O entón reitor da USC, Senén Barro, Hawking, Mira e Edelstein, na primeira das visitas do científico a Galicia. Imaxe cedida por Jorge Mira.
O entón reitor da USC, Senén Barro, Hawking, Mira e Edelstein, na primeira das visitas do científico a Galicia. Imaxe cedida por Jorge Mira.

O científico percorreu por primeira vez a capital de Galicia en 2008, na primeira das súas visitas, que durou varios días. O xurado do premio Fonseca, que aquel ano celebraba a súa primeira edición (e que non se volveu convocar desde 2012) premiou ao investigador británico “pola súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica, e por terse convertido nunha referencia pública da ciencia no mundo”.

Publicidade

A expectación en Compostela foi enorme, e a actividade de Hawking, ben intensa. Estivo acompañado durante case toda a súa estancia por Edelstein e por Jorge Mira. Comezou percorrendo, de xeito simbólico, os últimos metros do Camiño Francés pola rúa de San Francisco ata a Praza do Obradoiro. Entrou na catedral e visitou a imaxe do Apóstolo. Ao dia seguinte estivo en Noia, onde deu un paseo polo malecón.

Nas xornadas seguintes, a axenda estivo cargada de actos públicos. Deu unha rolda de prensa multitudinaria, aínda que os xornalistas xa enviaran as súas cuestións con bastante tempo de antelación, para que Hawking puidera contestalas con tempo, debido aos problemas de comunicación que lle causaba a ELA. Ofreceu unha charla na Facultade de Física con profesores e alumnos da USC, e tamén presentou o libro que acabara de publicar coa súa filla Lucy, A clave secreta do universo, no instituto Rosalía de Castro. Daquela visita xurdiu unha relación que, anos despois, Hawking estreitaría coa cesión do seu nome para un premio de mozos i nvestigadores convocado polo centro educativo.

O día principal, en canto a actos oficiais, foi o 27 de setembro, cando o físico recibiu o premio Fonseca e impartiu a conferencia Saíndo dun burato negro nun abarrotado Pazo de Congresos, en San Lázaro.

A gastronomía, importante nas visitas

Edelstein, Hawking e Mira, no cabo Fisterra. Imaxe cedida por Jorge Mira.
Edelstein, Hawking e Mira, no cabo Fisterra. Imaxe cedida por Jorge Mira.

Aínda con todos os seus problemas físicos, Hawking mantivo ata os últimos anos a capacidade de mastigar. Deste xeito, puido disfrutar da gastronomía galega naquela primeira visita. Comeu ostras no Hostal dos Reis Católicos, degustou tamén produtos galegos no hotel Porta do Camiño (onde se aloxou durante a súa estancia en Galicia) e no restaurante O Centolo de Fisterra, vila que visitou naqueles días.

Na vila da Costa da Morte comeu camaróns, percebes, navallas, robaliza e castañeta, segundo contou en La Voz de Galicia o xornalista Santiago Garrido, que compartiu mesa con el. Naquel día en Fisterra, Hawking quedou varios minutos contemplando o Atlántico, co monte Pindo no horizonte, unha paisaxe coa que quedou prendado.

Visitas en 2014 e 2015

Da primeira estancia, que deixou moi satisfeitos tanto ao científico como aos seus acompañantes, acabaron saíndo dúas visitas máis, en 2014 e 2015. Foron máis breves, como escala de senllas viaxes en cruceiro.

Na primeira delas, desembarcou do Oasis of the seas a primeira hora da mañá e paseou por Vigo durante un bo rato. Percorreu as Avenidas, o Casco Vello e A Pedra, onde probou de novo as ostras. O cociñeiro Víctor Acuña, do restaurante La Espuela, preparoulle unha crema de ostras e mexillóns, entre outras viandas como sopa de marisco, luras, xamón e queixo de tetilla. O chef puxo especial celo en non empregar fariñas que conteñan gluten, xa que lle advertiron de que Hawking era celíaco.

Xusto un ano despois, volveu desembarcar en Vigo, esta vez no Azura, e dirixiuse ao Salnés. Comeu no parador de Cambados, onde degustou rodaballo da ría de Arousa, e pola tarde visitou o pazo de Rubiáns, en Vilagarcía, tal e como contaba Faro de Vigo. Ao final daquela ruta, subiuse de novo ao Azura para deixar, por última vez, a terra galega da que quedou prendado.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses