Científicos galegos desenvolven un test ultrasensible para detectar o SARS-CoV-2

O grupo de Química Coloidal da UVigo e o Sergas colaboran co CSIC nun método para detectar cantidades de virus máis baixas

O grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, xunto ao Sergas e o CSIC, están desenvolvendo un test para a detección directa de compoñentes virais por inmunoensaios de fluxo lateral (LFIAs) que permita a identificación ultrasensible do SARS-CoV-2. A iniciativa, co nome de SERSforSARS, está financiada pola convocatoria Fondos Supera Covid, impulsado pola CRUE, o CSIC e o Banco Santander.

O estudo está liderado por Lorena Vázquez-Iglesias e Jorge Pérez-Juste, investigadores do grupo de Química Coloidal da universidade viguesa. Participan tamén outros dous investigadores deste grupo (Isabel Pastoriza e Gustavo Bodelón), así como persoal do Sergas, como Alberto Fernández Villar, xefe de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor asociado, e Mark van Raaij do Centro Nacional de Biotecnoloxía. Pérez Juste explica que a principal vantaxe que tería este test sería o límite de detección, é dicir, faría posible “detectar cantidades de virus máis baixas o que, á súa vez, permitirá detectalo antes”.

Publicidade

A principal vantaxe do test sería o límite de detección, atopando cantidades máis baixas do virus para poder detectalo antes

O proxecto responde á necesidade de implementar ferramentas diagnósticas novas e fiables, xa que o diagnóstico precoz é especialmente importante, non só para mellorar as posibilidades de supervivencia dos pacientes, senón tamén para garantir a seguridade da poboación. Os investigadores explican que “a maioría dos tests inmunolóxicos para o coronavirus están centrados na detección de anticorpos específicos provocados durante a infección. Non obstante, este enfoque só pode detectar os anticorpos entre 4 a 10 días despois de que se iniciaran os síntomas”. Este proxecto, pola conta, aposta por empregar
anticorpos que son selectivos fronte a determinadas proteínas de membrana do virus, é dicir, o virus ten no exterior proteínas que son características e os anticorpos o que fan é recoñecelas.

Liña clave contra a pandemia

Un grupo de expertos da OMS convocado en Xenebra identificou as probas rápidas de PoC (Point of Care-preto do paciente) como a primeira das oito prioridades de investigación para loitar contra o brote da Covid-19. Pero a detección directa de compoñentes virais por inmunoensaios de fluxo lateral está comprometida pola súa baixa sensibilidade. Como explica Pérez Juste, “nos inmunoensaios de fluxo lateral estándar os anticorpos que recoñecen as proteínas van unidos a unha nanopartícula (xeralmente de ouro coma no test no embarazo) que é a que dá lugar á cor na liña de test ao acumularse. Isto fai que o seu límite de detección sexa en certo modo baixo, na nosa aproximación tamén empregamos nanopartículas, pero estas están codificadas con certas moléculas que podemos detectar mediante espectroscopía SERS. As posibilidades de esta espectroscopía na detección son enormes dado que podería permitir detectar unha única molécula”.

Publicidade

Así, SERSforSARS combinará bioloxía molecular, nanotecnoloxía e SERS para desenvolver un test LFIA para a identificación ultrasensible e PoC de SARS-CoV-2 en biofluídos nasofaríngeos, é dicir, traballarase fundamentalmente con esputo e mostras nasais.

O test permitirá detectar a presenza do virus nun tempo similar ao dos coñecidos como tests rápidos, “pero a súa fiabilidade así coma o límite de detección (ou cantidade mínima que se pode detectar) será menor”, resume o investigador. O proxecto conta cun orzamento de 110.000 euros para un ano de traballo, un prazo que o equipo investigador considera, a priori, “totalmente factible”.


Consulta a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies

Un novo método predí a resistencia aos antibióticos da bacteria ‘Helicobacter pylori’

O estudo do CSIC permite saber con antelación que tratamento será máis eficaz para cada paciente

Vacas no carazo e un intestino, protagonistas das mellores imaxes científicas do ano

A iniciativa divulgadora do CSIC selecciona oito propostas para formar parte dun catálogo e dunha exposición itinerante por todo o país

A astrofísica Begoña Vila é investida doutora honoris causa pola UVigo

A enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA foi recoñecida pola súa contribución á exploración do Universo