Unha masa de aire polar e unha borrasca atlántica afunden os termómetros en Galicia

A primeira metade da semana estará marcada por un choque entre altas e baixas presións que deixará formacións nubosas e treboadas en todo o territorio

Galicia encara unha semana de marcado carácter inestable e, sobre todo, máis fría do que corresponde a esta época do ano. Maio arrinca con temperaturas ata 5 graos por debaixo da media histórica e unha atmosfera incerta que alterna os periodos de ceos despexados e fortes choivas acompañadas de vento. Unha borrasca no Atlántico sumarase a unha masa de aire polar e manterá esta situación atípica no fin de semana.

Unha breve tregua do frío

A metade inicial da semana virá marcada por unha lixeira melloría térmica que, non obstante, se manterá lonxe de valores plenamente primaverais. O mércores, Galicia quedará nunha zona de transición entre presións altas e baixas: este choque de altibaixos barométricos deixará nubes baixas no interior e chuvascos previstos nas provincias de Lugo e A Coruña. Mentres as mínimas seguen frías, as máximas iniciarán un lixeiro ascenso na metade sur, chegando a superar os 20 graos en Ourense.

Publicidade

A situación do xoves será máis indefinida. A néboa abrirá un día no que se alternarán momentos de ceos despexados e episodios nubosos, chegando a experimentar choivas illadas no norte da comunidade. As temperaturas continuarán subindo levemente, coas máximas galegas de novo estimadas en Ourense, onde se acadarían os 23 graos.

A semana pecha acompañada por unha borrasca

Unha borrasca entrará o venres polo oeste dende Portugal. Así, agárdase unha tarde pasada por precipitacións que poderían gañar intensidade ata volverse treboentas. Aínda que as mínimas subirán, as máximas volverán caer de forma moderada, mantendo esa anomalía térmica de valores inferiores ao previsible para o calendario actual.

Publicidade

A fin de semana non dá un respiro a esta paréntese de baixas temperaturas: unha borrasca atlántica provocará unha nova caída do termómetro, pausando, unha vez máis, o avance térmico cara ao verán. Meteored informa da chegada dunha masa de aire polar marítimo dende Islanda o sábado, e advirte: “Espérase un descenso xeralizado, con valores que podería situarse ata 8-10 graos por debaixo da media habitual para a época en amplas zonas da península”.

O contraste con abril

En contraposición á situación actual, o pasado mes bateu récords en canto ás súas elevadas temperaturas: coroouse como o abril máis cálido das últimas décadas. A temperatura media en Galicia foi máis de 3 graos superior á correspondente, e noutras zonas do interior peninsular chegaron a rexistrarse 4 graos sobre a cifra de referencia.

Así e todo, a suba das temperaturas veu da man dun mes pouco chuvioso. O primeiro trimestre do ano concluíu cun periodo de precipitacións intermitentes e localizadas: rexistrouse en todas as provincias galegas menos da metade de auga habitual para o periodo medido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Galicia rexistra máis de 2.100 raios durante as últimas 24 horas

As zonas con máis actividade foron o occidente da Coruña e Pontevedra, o interior de Lugo e o oeste de Ourense