Crestón dos Pichos, con Pena Trevinca ao fondo, preto da lagoa onde se ubica o punto máis afastado da liña de costa en Galicia (ver recadro inferior á esquerda). Imaxe cedida por Antonio Fernández.
Crestón dos Pichos, con Pena Trevinca ao fondo, preto da lagoa onde se ubica o punto máis afastado da liña de costa en Galicia (ver recadro inferior á esquerda). Imaxe cedida por Antonio Fernández.

Lagoa dos Pichos: o punto de Galicia máis afastado do mar

O Instituto Geográfico Nacional sitúa o lugar no concello da Veiga, nas montañas de Trevinca, a máis de 140 quilómetros da boca da ría de Vigo, en Redondela

Para tocar por primeira vez o mar (exactamente, a ría de Vigo en Redondela) desde a Lagoa dos Pichos fan falta, como pouco, tres horas e media de camiño, a maior parte por estrada. Primeiro, antes de subir ao coche que nos leve ata o Atlántico, hai que camiñar un bo anaco polas montañas de Trevinca. En verán é máis sinxelo, pero en inverno, a case 1.700 metros de altura, a neve pode complicar as cousas. Aquí, ao pé duns petoutos coñecidos como Pichos (de aí o nome da lagoa), está, segundo confirma o Instituto Geográfico Nacional, o punto do territorio galego máis afastado da liña de costa. Son 142,447 quilómetros en liña recta ata Redondela, e algo máis ata a ría de Ribadeo, no norte.

“De pequeno lembro escoitar historias de veciños que nunca viran o mar, e que ás veces viaxaban adrede para velo”, conta Juan Anta, alcalde deste municipio que algunha vez etiquetaron como a Siberia galega pola súa baixa densidade de poboación, de algo máis de 3 habitantes por quilómetro cadrado: nos seus 290 km2, que o converten nun dos concellos máis extensos de Galicia, están censados arredor de 900 habitantes. Morrer sen ver o mar era, de feito, algo habitual ata non hai tantas décadas en moitas aldeas do interior de Galicia, e foron moitas persoas as que o viron por primeira vez para subirse nun barco e cruzar o Atlántico cara a América.

Ubicación da Lagoa dos Pichos. Ao nordeste, Pena Trevinca; ao noroeste, A Veiga; e ao suroeste, Viana do Bolo. A poboación máis próxima é Porto, en Zamora, a algo menos de catro quilómetros ao sur. Fonte: Google Maps.
Ubicación da Lagoa dos Pichos. Ao nordeste, Pena Trevinca; ao noroeste, A Veiga; e ao suroeste, Viana do Bolo. A poboación máis próxima é Porto, en Zamora, a algo menos de catro quilómetros ao sur. Fonte: Google Maps.

Nestas montañas, ata onde chegou a febre do volframio, está tamén o cumio máis alto de Galicia: Pena Trevinca, con 2.127 metros. Do mesmo xeito que a Lagoa dos Pichos, o pico de Trevinca fai de fronteira con Zamora, cara onde se espalla ata Seabra o val glacial do río Tera. Unha das persoas que mellor coñece estas paraxes é Antonio Fernández, “Cholo”, un montañeiro que chegou á Veiga para quedar. “É unha zona con varias lagoas de orixe glaciar. A propia dos Pichos, onde está este punto, só ten auga cando termina o inverno, co desxeo, xa que está bastante colmatada”, explica Cholo. Aquí, neste mesmo punto, está “a orixe do río e val glaciar do Canda, que discorre ata a aldea de Seoane, tamén do municipio da Veiga”.

Esta paraxe é só un chisco das 25.000 hectáreas de espazo natural protexido coas que conta Trevinca, un “tesouro”, coinciden en subliñar Juan Anta e Antonio Fernández. “O primeiro interese aquí é o natural, que Trevinca se coñeza, pero para que se valore, se defenda e se protexa”, anota Cholo.

Val glaciar do río Tea, desde o cumio de Pena Trevinca. Foto: R. Pan.
Val glaciar do río Tea, desde o cumio de Pena Trevinca. Foto: R. Pan.

Así, nos últimos anos, as Montañas de Trevinca están tomando un novo pulo grazas a aspectos como a certificación Starlight, que destaca a limpeza dos ceos, libres de contaminación luminosa e, por tanto, moi acaídos para observar os astros. “Era algo que tiñamos aí, e que non aproveitamos ata que caemos na conta do que significaba”, expón o alcalde. O municipio, hoxe convertido en destino de turismo científico, acollerá nas vindeiras semanas a sexta edición de AstroTrevinca, un encontro de profesionais e afeccionados a ver e retratar o ceo nocturno. E en 2020 está prevista a apertura dun observatorio.

E este punto tamén ten, ademais da curiosidade xeográfica e a súa riqueza natural, unha importante pegada histórica. Lembra Cholo que por cerca dos Pichos “ía unha das rutas polas que se movían os xornaleiros galegos que ían á sega a Castela”.

Pola súa parte, o alcalde gaba tamén o patrimonio do municipio. Di, entre chanzas, que “todo non se pode ter”. E engade: “Na Veiga hai unha riqueza inmensa en forma de paisaxe e de natureza, pero tampouco queremos quedar con todo; o mar deixámosllo aos demais, pero non as praias, que temos varias fluviais, e moi boas”, apunta.

A aldea máis próxima, xa en Zamora

Aínda que en liña recta apenas son 140 quilómetros para chegar ao mar, por estrada hai que dar algo máis de volta, ata sumar máis de 230 km. A estrada máis próxima á Lagoa dos Pichos é a que chega ata Porto, unha aldea a case catro quilómetros en liña recta. É a capital dun concello de Seabra que pertence á provincia de Zamora, pero os veciños non queren. En agosto de 2018, en Porto celebrouse unha protesta en forma de referendo non vinculante para separarse de Castilla y León polo abandono que, segundo denunciaban, padecían por parte da Junta. O maior problema, entre outros moitos, era o mal estado da estrada ZA-102, que ao pasar a Ourense convértese na OU-124 e discorre á beira do río Bibei. Se nos diriximos cara ao mar, a uns 10 quilómetros está Pradorramisquedo, a aldea de Viana do Bolo que hai algo máis dun decenio quixo facer o camiño contrario, por motivos idénticos: amagaron con pedir a anexión a Zamora polo abandono municipal. Ademais do mar, aquí tamén quedan lonxe case todas as Administracións.

E por que é este e non outro punto de Galicia o máis afastado do mar? O mapa indica que aínda podemos ir máis ao leste, xa chegando á comarca de Valdeorras, pero estariamos achegándonos a menos de 142 quilómetros ao sur doutro litoral: o da desembocadura do Eo.

Os polos de inaccesibilidade no mundo

Alén da curiosidade de Galicia, os afeccionados á xeografía adoitan prestar atención aos chamados polos de inaccesibilidade, é dicir, os lugares máis afastados da costa nun determinado territorio. Na península Ibérica, este punto ubícase entre as localidades de Otero e Nombela, en Toledo.

E no conxunto do planeta, o lugar máis afastado de calquera liña de costa está, a 2.648 km, no deserto de Dzoosoton Elisen, ao noroeste de China, preto da cidade de Urumqi. Esta urbe recibe tamén o título da cidade que máis lonxe está do mar en todo o planeta.

Por outra banda, existe tamén o chamado Punto Nemo: o lugar do océano máis distante de calquera terra firme. Está no Pacífico Sur, a case 2.700 km da Antártida e de varios pequenos arquipélagos pacíficos. Este lugar tamén é coñecido por ser usado como obxectivo na caída de naves espaciais. E, ao estar tan lonxe da actividade humana e contar con poucas rutas próximas de tráfico marítimo, é posible que os humanos que pasan habitualmente máis preto do Punto Nemo sexan os astronautas da Estación Espacial Internacional, que orbitan a uns 400 quilómetros de altura.

Punto Nemo: o cemiterio de naves espaciais no océano Pacífico

1 comentario

  1. Teño as miñas dúbidas… Se se teñen en conta os dous litorais (atlántico e cantábrico), como así parece, coido que algún punto do concello de A Mezquita estaría máis afastado collendo a media das dúas distancias. Pola contra, se se tivo en conta só o litoral atlántico, aínda se pode ir máis ao leste (ata Pena Trevinca por exemplo), como se recoñece no artigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.