De esquerda a dereita, as primeira asinantes do artigo Eva Rial, Patricia Seoane e Laura Liñares. Foto: USC.
De esquerda a dereita, as primeira asinantes do artigo Eva Rial, Patricia Seoane e Laura Liñares. Foto: USC.

“A nicotina poderá axudarnos a investigar contra a obesidade”

Un estudo liderado por científicas galegas atopa que con este alcaloide poderían buscarse dianas terapéuticas fronte á enfermidade

“Temos que deixar claro que nin a nicotina por si mesma axuda contra a obesidade, nin o feito de fumar contribúe á perda de peso”, adianta a científica carballesa Patricia Seoane Collazo, primeira asinante dun artigo liderado por científicas do CiMUS e a Universidade de Santiago de Compostela, e que acaba de ser publicado na revista Nature Communications. “Pero o que atopamos é que pode axudarnos a investigar novas dianas terapéuticas contra esta enfermidade nunha liña de traballo que ata agora era descoñecida”,  expón Seoane.

A chave está en que este artigo, resultado de sete anos de traballo, describe como, en modelos animais, a nicotina induce ao cerebro a ordenar a conversión da graxa branca (que almacena lípidos) en graxa parda, que non os almacena e, en determinadas situacións, ‘quéimase’ mediante un proceso de termoxénese, no que se xera calor.

Este achado ofrece, por tanto, un novo ‘interruptor‘ para frear a obesidade, aínda que coas precaucións debidas. “A nicotina ten tamén efectos nocivos, sobre todo a nivel cardiovascular, que debemos intentar evitar antes de usala como terapia contra a obesidade”, explica a investigadora galega.

A modulación que provoca a nicotina

“A nicotina pode modular as vías de recompensa, como o sistema opioide endóxeno. O sistema opioide estableceuse como un regulador importante nos procesos neurais hedónicos e de recompensa, como os que conducen a conductas aditivas”, engade a investigadora.  Ademais, no artigo explícase como a conversión da graxa branca en parda depende dun subtipo de receptores opioides (o receptor opioide kappa, -κ-), especificamente na área hipotalámica lateral, proceso que agora se constatou en estudos realizados en modelos animais.

Con todo, un dos equipos que asina o traballo, do grupo de José Manuel Fernández-Real en Girona, presenta datos en humanos que demostran que o tecido adiposo branco dos fumadores mostra sinais de pardecemento. Aquí está un dos desafíos que adiantan os investigadores: manter o pardecemento e, ao tempo, eliminar todos os efectos nocivos asociados á nicotina e o tabaquismo.

En conxunto, o estudo “abre portas para a busca de novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade”, xa que o equipo de investigación comprobou por primeira vez a implicación do sistema opioide no control do pardecemento do tecido adiposo branco.

Traballos previos

O novo traballo dá continuidade a estudos previos de Miguel López, cuxo grupo xa en 2012 demostrou que a nicotina inhibe a actividade da proteína AMPK no hipotálamo provocando a diminución da inxesta e un incremento do gasto enerxético ao activar o tecido adiposo pardo. O resultado asociado a todo este proceso era unha perda de masa corporal. A importancia da proteína AMPK (AMP-activated protein kinase), involucrada, entre outros procesos celulares, nos primeiros pasos da produción de lípidos, radica na súa sensibilidade a calquera variación nos niveis enerxéticos da célula e o organismo.

Un dos principais obxectivos que teñen por diante os responsables desta investigación é “buscar unha maneira de que estas substancias cheguen ao cerebro“, expón Patricia Seoane, que actualmente se atopa en Xapón cun contrato posdoutoral financiado pola Xunta de Galicia. “Temos un crebacabezas enorme, e moi complexo, pero cada vez imos atopando e compoñendo novas pezas”, conclúe.

Alén de científicos de Girona, Oxford e Iowa, o novo traballo ten como primeiras asinantes a Patricia Seoane Collazo, Laura Liñares Pose, Eva Rial Pensado e Amparo Romero Picó, ademais dos profesores Carlos Diéguez e Miguel López, que dirixiron o estudio. Do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), tamén contribuíron Noelia Martínez Sánchez, Pablo Garrido Gil, Ana Senra, Cintia Folgueira, José L. Labandeira García, e Rubén Nogueiras.


Referencias: Central nicotine induces browning through hypothalamic κ opioid receptor (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.