Os petróglifos que frearon o maior incendio de outubro de 2017, un modelo para o futuro

Un proxecto da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra abordará como a protección do patrimonio pode axudar a previr a propagación do lume

Os profesores Julia Armesto e Juan Picos participan no proxecto desde a Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. Foto: Duvi.
Os profesores Julia Armesto e Juan Picos participan no proxecto desde a Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. Foto: Duvi.

Na análise que, no marco dun convenio coa Deputación de Pontevedra, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal realizaron da vaga de lumes que en 2017 asolou o sur de Galicia, atopáronse cun episodio que non prevían, o acontecido na área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas. As características deste conxunto de pinturas rupestres e os labores de conservación e roza da vexetación da súa contorna fixeron que esta actuase como freo ante o lume máis extenso dos rexistrados en outubro daquel ano, evitando que as lapas alcanzasen unha masa boscosa situada ao seu carón. Este feito levou aos investigadores e investigadoras do campus pontevedrés a preguntarse se a protección de elementos patrimoniais como os petróglifos pode á súa vez contribuír a evitar ou diminuír os efectos dos incendios forestais. Pregunta á que trata de dar resposta o proxecto Paleointerfaz, seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación e que ten como obxectivo o “desenvolvemento de ferramentas e estratexias de xestión integrada de xacementos arqueolóxicos e incendios forestais”, como destaca a súa investigadora principal, a profesora Julia Armesto. 

Como lembra a responsable deste proxecto, que se estenderá ata 2024, Galicia conta “cun rico patrimonio cultural”, do que forman parte preto de 3000 petróglifos, e é tamén unha das rexións europeas “con valores máis altos no referido á frecuencia de incendios forestais”. De aí que o punto de partida de Paleointerfaz. Elemento estratégico en la prevención de incendios forestales. Desarrollo de metodologías de análisis 3D y multiespectral para la gestión integrada sexa a busca de “sinerxías entre os labores dirixidos a preservar e pór en valor o patrimonio e a súa contorna e os dirixidos a actuar de maneira significativa contra a propagación dos lumes”. Non en van, tanto pola súa disposición xeográfica como polas actuacións na vexetación para facelos accesibles ao público, elementos patrimoniais como os petróglifos, nos que se centra esta investigación, poden contribuír, como destaca Armesto, a “modificar de maneira substancial un eventual incendio”.

Os labores de conservación na área arqueolóxica de Tourón axudaron a conter o maior incendio da vaga de outubro de 2017. A experiencia serve como base para este proxecto. Foto: Duvi.
Os labores de conservación na área arqueolóxica de Tourón axudaron a conter o maior incendio da vaga de outubro de 2017. A experiencia serve como base para este proxecto. Foto: Duvi.

Con este punto de partida, Paleointerfaz abrangue o desenvolvemento de metodoloxías baseadas en “tecnoloxías cartográficas multiespectrais”, que permitan a detección e caracterización daqueles enclaves nos que existen estes “puntos de confluencia”, para logo realizar un “mapeado 3D” destes espazos que, xunto con “técnicas de procesamento big data”, permita definir modelos de combustible e simulacións de como se comportaría o lume e que actuacións permitirían diminuír os seus efectos. Trátase nese senso dunha “aproximación multidisciplinar”, que abrangue a xestión dos lumes e a silvicultura, pero tamén “a protección do patrimonio e a análise de datos”, como sinala Armesto. Con ese obxectivo, forman parte do proxecto aos investigadores da EE Forestal Juan Picos e Laura Alonso; o profesor da Universitat de Lleida Domingo Molina, o catedrático emérito do Departamento de Estatística da UVigo Antonio Baamonde, a profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Pilar Muñoz, o investigador da Escola de Enxeñería Industrial Faustino Patiño e o docente da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia Fernando Carrera.

A primeira fase deste proxecto, que centrará o seu traballo no Baixo Miño e no concello de As Neves, “zonas cunha densidade de petróglifos moi acusada”, terá como obxectivo detectar e caracterizar aqueles enclaves “susceptibles de cumprir esa dobre función”. Para iso, explica Armesto, farase uso de tecnoloxía LiDAR, tanto terrestre como a bordo de drones, así como de imaxes por satélite, que permitan reunir información das “variables do seu contexto que poden repercutir no comportamento do lume”, desde a súa orientación e topografía á propia vexetación. Do mesmo xeito, esta primeira fase permitirá tamén definir “posibles agrupacións”, zonas nas que a presenza de varios elementos patrimoniais contiguos faga aconsellable “formular unha xestión agrupada”.

Por outra banda, o uso de “tecnoloxías de medición 3D” fará posible, como explica Armesto, “radiografar a estrutura da vexetación e a xeometría das masas forestais”, xerando mapas tridimensionais daqueles espazos susceptibles de contribuír á prevención dos lumes. Estes serán empregados para o desenvolvemento de “modelos de combustible” que, como engade Picos, non só teñen en conta o tipo de vexetación presente en cada área, “senón como esta se comportaría ante un hipotético lume tendo en conta diferentes variables”, como a intensidade, a velocidade e a lonxitude das lapas. “Pode haber especies distintas que se comporten igual ou unha mesma especie que en función doutros parámetros poida comportarse de diferentes formas nun incendio”, apunta o tamén director da EE Forestal.

Estes modelos permitirían á súa vez desenvolver simulacións de como afectaría o lume tanto aos propios petróglifos, que poden verse deteriorados polo calor, como ás masas forestais da súa contorna. A través do uso de “softwares que simulan o comportamento dun lume”, sinala Armesto, os investigadores buscarán coñecer os seus efectos tanto ante incendios “nunhas condicións climatolóxicas esperables” como ante hipotéticos “eventos extremos”, así como as variacións que nestas simulacións provocarían actuacións sobre “o estado actual” da contorna. “O obxectivo é ver que hai que facer para que unha correcta xestión de elementos culturalmente valiosos permita xerar un territorio máis resiliente ante os lumes forestais”, engade Picos. Nese senso, a investigación que recentemente presentaban nun seminario do proxecto europeo Prevail podería contribuír, como engade este investigador, a “facer máis eficientes” os investimentos que desde as administracións se realizan “tanto para prevención de lumes como para o mantemento do patrimonio cultural”.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.