Identifican novos marcadores de cardiotoxicidade en pacientes con cancro de mama

A tese de María Cebro aborda algunhas complicacións cardíacas que xorden trala quimioterapia, unha das principais causas de morte en sobreviventes do cancro

A investigadora María Cebro Márquez presentou no CiMUS os resultados da súa tese de doutoramento, na que se describen novos biomarcadores de cardiotoxicidade en pacientes oncolóxicas sometidas a quimioterapia. Os datos do estudo contribúen, deste xeito, a un mellor coñecemento das persoas afectadas por cancro de mama con fin de optimizar o seu manexo e garantir unha mellor calidade de vida.

A cardiotoxicidade considérase na actualidade unha das complicacións máis comúns asociadas á quimioterapia, polo que as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte entre os sobreviventes ao cancro. No caso concreto do cancro de mama, o de maior prevalencia en mulleres en todo o mundo, os avances no diagnóstico temperá e na abordaxe terapéutica acadados nas últimas décadas resultaron nun aumento gradual das taxas de supervivencia e da esperanza de vida. Isto puxo de manifesto, ao mesmo tempo, os efectos prexudiciais que teñen lugar a longo prazo asociados ó tratamento oncolóxico.

Publicidade

“Os nosos resultados mostran diferenzas específicas, tanto na expresión de miRNAs coma nos niveis de adipokinas circulantes, que en conxunto cos parámetros ecocardiográficos poderían explicar a diferente susceptibilidade a desenvolver cardiotoxicidade e sinalan as vías que poderían estar implicadas na mesma, abrindo a porta a identificación de novas dianas terapéuticas”, segundo explica María Cebro.

A predisposición á cardiotoxicidade é multifactorial e pode condicionar o acceso a un tratamento adecuado, a costa dun peor prognóstico no proceso oncolóxico. Ata fai pouco a cardiotoxicidade asociábase o uso de antraciclinas, debido á súa ampla prescrición e ao maior número de estudos; porén cada vez mais datos apuntan a que o uso de citostáticos de nova xeración afecta tamén a función cardíaca. Na actualidade o diagnóstico depende de alteracións no ventrículo esquerdo ou na detección de marcadores como troponinas e péptidos natriuréticos. Isto limita o diagnóstico a un dano sintomático, nalgúns casos irreversible.

Publicidade

Neste contexto, expoñen desde o CIMUS, resulta esencial dispor de ferramentas que permitan unha adecuada estratificación do risco e o diagnóstico temperá, a fin de previr e minimizar os potenciais efectos adversos sobre o sistema cardiovascular e a interrupción do tratamento contra o cancro. Precisamente, o obxectivo do presente traballo, supervisado por Ricargo Lage, Isabel Moscoso e José Ramón González Juanatey, foi avaliar se as diferenzas individuais no perfil de expresión de miRNAs e nos niveis de adipokinas circulantes, xunto cos parámetros ecocardiográficos, que permiten unha mellor caracterización do paciente oncolóxico sometido a terapias potencialmente cardiotóxicas. A autora da tese insiste en facer un agradecemento “de corazón” a todas as pacientes que colaboraron con nós, a pesar dos difíciles momentos que estaban a pasar”.

O traballo contou con financiamento da Fundación Mutua Madrileña, da FIDIS, do CIBERCV e da Axencia Galega de Innovación, a través do programa Principia e o programa Consolidación e Estruturación de unidades de investigación competitivas. Segundo destaca a autora, “non tería sido posible sen a colaboración altruísta dos profesionais dos Servizos de Oncoloxía, Cardioloxía e Análise Clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e sen a infraestrutura investigadora que proporcionan o CiMUS e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela”, sostén María Cebro Márquez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento