Os retos do desenvolvemento sostible, a debate en GCiencia

María Teresa de Castro, de Ephyslab (UVigo), explicou o desenvolvemento dos modelos sobre o cambio climático nun proxecto en colaboración con Afundación

En 2015, a ONU aprobou a Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sostible, unha oportunidade para que os países e as súas sociedades emprendan un novo camiño co que mellorar a vida de todos, sen deixar ninguén atrás. A Axenda conta con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que inclúen desde a eliminación da pobreza ata o combate ao cambio climático, a educación, a igualdade da muller, a defensa do medio ambiente ou o deseño das nosas cidades.

GCiencia e Afundación emprenden unha serie de actividades para abrir un debate sobre os ODS, que comezan este xoves 17 ás 20,00 horas coa participación de María Teresa de Castro, investigadora do grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, nunha entrevista en GCiencia na que abordará os efectos do cambio climático.

Publicidade

O aumento da temperatura a nivel global está a provocar que os últimos anos sexan os máis cálidos desde que existen rexistros. E as consecuencias son, en parte, imprevisibles. Porén, numerosos equipos de investigación en todo o mundo desenvolven modelos e predicións para prever os efectos do cambio climático cara ao futuro. Como se recollen, procesan e interpretan todos estes datos? Como nos axudan a adiantarnos aos impactos que producirá o clima? Esas son as preguntas ás que tratará de dar resposta De Castro.

María Teresa de Castro é profesora titular do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo. Actualmente é coordinadora do grupo de investigación Environmental Physics Laboratory (Ephyslab), un equipo multidisciplinar constituído no ano 2002 co obxectivo de estudar o clima e desenvolver modelos e predicións sobre a súa evolución. As liñas de investigación de María Teresa de Castro abranguen a oceanografía física, a interacción atmosfera-océano, o cambio climático, a enerxía eólica ou a dinámica fluvial e oceánica

Publicidade

O xoves 24, con Sebastián Villasante

Neste xuño no que se celebran o Día do Medio Ambiente (ODS_13: Acción polo clima) e o Día dos Océanos o 8 de xuño (ODS_14: Vida submarina), GCiencia súmase á obra social de Abanca no seu proxecto ‘Mes do Medio Ambiente e dos Océanos’, que se completa o xoves próximo coa participación de Sebastián Villasante, profesor asistente no Departamento de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, que falará con GCiencia de “O fráxil equilibrio dos océanos”.

Os océanos ocupan máis de tres cuartas partes da superficie do planeta. Estímase que máis de 4.000 millóns de persoas dependen, de forma directa ou indirecta, do peixe como fonte de proteína para o consumo humano. Pero o impacto da actividade humana nos mares podería comprometer o aproveitamento sustentable destes recursos. Villasante analizará cales son os principais desafíos aos que nos enfrontamos.

As liñas principais de investigación de Villasante son a análise da adaptación social ás transformacións e vulnerabilidades provocadas polo cambio climático nas sociedades que dependen do ecosistema mariño, así como o estudo da xestión e conservación dos recursos deste ecosistema. A finais de 2020 acadou financiamento do Consello Europeo de Investigación (ERC), na prestixiosa convocatoria Consolidator Grant, para estudar a desigualdade nas sociedades xerada polo estrés dos recursos mariños.

As charlas emitiranse en directo a través das contas de Facebook, YouTube e Periscope de GCiencia, así como na propia web e nas plataformas de Afundación. A colaboración entre o portal da ciência galega e a obra social de Abanca continuará ao largo do ano con novos encontros relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

CellCOM, Centum e TraffikGene gañan os X Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 4 de decembro no Pazo de San Roque de Santiago

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas