Martes 23 Abril 2024

O profesor da USC Sebastián Villasante acada unha ‘Consolidator Grant’

O proxecto EQUALSEA, financiado con dous millóns de euros, abordará a desigualdade nas sociedades a partir do estrés dos recursos mariños

O Consello Europeo de Investigación (ERC) anunciou este mércores a relación de beneficiarios da liña de axudas Consolidator Grant, destinada a financiar investigacións de excelencia para científicos e científicas cunha traxectoria xa consolidada. Un dos beneficiarios será o grupo que dirixe na USC o profesor Sebastián Villasante, do Departamento de Economía Aplicada, e que abordará mediante o proxecto EQUALSEA as transformacións socio-ecolóxicas influídas polo estado dos océanos e como certos estresores afectan as áreas mariñas protexidas, así como o seu impacto na sociedade. O traballo recibirá un financiamento de dous millóns de euros.

“A desigualdade aumentou en case todas as rexións do mundo nas últimas décadas e converteuse nun dos desafíos sociais máis relevantes do século  XXI”, explica Villasante, segundo recolle a USC. “Máis de 4.000 millóns de persoas no planeta dependen, de forma directa ou indirecta, do peixe como fonte de proteína para o consumo humano, pero descoñécese como certos estresores, como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou a demanda de recursos mariños dunha poboación crecente, impactan no xeito en como os beneficios dos océanos distribúense na sociedade”, apunta o investigador da USC.

Publicidade

Os océanos, continúa Villasante, tamén achegan outros beneficios e valores tales como actividades de recreación, saúde humana e identidade, “que son chave para o benestar das sociedades”. O proxecto EQUALSEA abordará as relacións entre os estresores dos océanos en áreas mariñas protexidas, consideradas a ferramenta de conservación mariña máis empregada a nivel global. Asemade, incluirá a participación activa dos stakeholders —industrias, gobernos, científicos ou ONG— en diferentes estudos de caso en África, América Latina e Europa.

O proxecto encabezado por Sebastián Villasante é o único baseado en Galicia que obtivo recoñecemento nesta convocatoria das Consolidator Grants. Dun total de 2.506 propostas, só se concederon 327, o que implica que só o 13% das solicitudes foron recoñecidas. No caso de España, 22 foron os proxectos que recibiron financiamento nesta convocatoria altamente competitiva xa que, alén da USC, só as universidades de Sevilla, Barcelona, Autónoma de Madrid, e as Politécnicas de Cataluña e Valencia, foron seleccionadas.

As liñas de investigación de Sebastian Villasante céntranse na socio-economía dos sistemas mariños socio-ecolóxicos. O profesor da USC publicou na súa carreira máis de 130 artigos en revistas científicas e é codirector do Grupo de Traballo Resiliencia e Servizos  Ecosistémicos Mariños do Consello Internacional para a Exploración do Mar, do Grupo de traballo sobre Valoración Monetaria da Ecosystem Services Partnership, e é tamén  corresposable do Grupo de Traballo de Resiliencia Costeira do European Marine Board. Foi nomeado experto no Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca que asesora á Comisión Europea e é experto internacional convidado ao Transformative Change  Assessment do  IPBES.  Foi relator convidado polo Parlamento Europeo, o Tribunal de Contas Europeo, Nacións Unidas, a Convención sobre a Biodiversidade Biolóxica. É membro do Comité Editorial de revistas científicas como  Frontiers of Marine  Science, Marine Policy Ecosystems and People e PLOSONE.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O galego Alberto García-Basteiro recibe 2,5 millóns do prestixioso programa Starting Grant

O investigador do Hospital Clínic de Barcelona estudará o papel da tuberculose asintomática na transmisión da enfermidade

A temperatura do mar en Vigo alcanza os 20 graos, o valor máximo rexistrado

Os datos proceden do observatorio de Torallamar, que apunta como unha das principais causas o predominio de ventos do sur

Antibióticos e cremas solares acumúlanse no mar: “Descoñecemos o seu impacto”

Científicos recompilan nun libro as substancias emerxentes no medio mariño, unha materia da que existe pouca información

Un estudo revela que o aumento de CO2 nos oceános deteriora o metabolismo das microalgas

A acidificación provoca que as súas células queden máis susceptibles á radiación ultravioleta ou a intensidades luminosas elevadas