Vespa velutina. Foto: A. Costa / UIB.
Vespa velutina. Foto: A. Costa / UIB.

Fito nas Baleares: conseguen a erradicación da velutina nas illas

O goberno autonómico constata a desaparición da especie grazas á contención precoz, algo xa imposible noutras zonas da península ibérica, como Galicia

As Illes Balears son, desde hai uns días, o primeiro territorio europeo onde se conseguiu erradicar unha das especies exóticas invasoras máis daniñas nos últimos anos no continente, e que afectan de forma especial a Galicia: a Vespa velutina xa non está presente no arquipélago, segundo anunciou o Govern balear a finais de novembro. A erradicación conseguiuse despois de dous anos sen detectar novos niños, xa que o último foi destruído en xullo de 2018. Unha das claves, segundo o goberno autonómico, foi un proxecto de ciencia cidadá, impulsada pola Universitat de les Illes Balears (UIB), no que a través dunha aplicación a cidadanía participou na detección precoz e localización de niños. Alén disto, a erradicación da especie foi posible grazas á rápida contención, xa que pasaron tres anos desde que en 2015 apareceu o primeiro niño.

Erradicación en tres anos

No outono daquel ano, investigadores da UIB e do Consorci per la Recuperació de la Fauna de les Illes Balears (COFIB) constataron a presenza da especie exótica na illa. A vespa entrou na península desde Francia en 2010 e, en poucos anos, colonizou boa parte da cornixa cantábrica. Despois das primeiras deteccións no 2015, apareceron novos niños nos anos seguintes en localidades da illa de Mallorca, boa parte delas na serra da Tramuntana, como Sóller, Deià, Fornalutx, Valldemosa, Esporles, Lloseta, Escorca ou Bunyola. Porén, o traballo de contención fixo que no 2018 só se atopase un niño en Sóller e, desde entón, non xurdiron máis sinais da presenza da velutina nas illas.

En total, segundo cifras facilitadas pola UIB, localizáronse e destruíronse 32 niños e capturáronse 89 exemplares. En boa parte, destacan as autoridades, os avisos a través da aplicación Vespapp, con máis de 1.200 notificacións, supuxeron un importante pulo nas campañas de control da especie. Desde 2018 mantívose unha intensa campaña de trampeo que, con todo, non revelou a presenza de novos exemplares.

Distribución das trampas de velutina na illa de Mallorca. Fonte: COFIB.
Distribución das trampas de velutina na illa de Mallorca. Fonte: COFIB.

En declaracións a El Confidencial, un dos expertos que participou nas campañas, explicaba o seguimento da especie para localizar os niños.”Primeiro fixemos unha rede de trampeo cun atraente alimentario que gusta ás avespas obreiras e revisabamos as trampas cada semana. Se caía algún exemplar, entrabamos na segunda fase, tentar detectar o niño. Como? Poñendo preto desa trampa, nun sitio visible, anacos de peixe, xa que lles atrae a proteína”, explica Iván Ramos, xefe do servizo balear de Protección de Especies. “Vixiabamos o lugar con prismáticos ou a primeira ollada ata que chegaba un exemplar. Viamos que a obreira preparaba unha boliña de carne de peixe e ía voando cara ao niño para levar o alimento ás larvas, e o que faciamos era seguir esa dirección cos prismáticos”.

Continúa Ramos explicando que “nesa dirección volviamos poñer outro anaco de peixe, de tal modo que aos poucos iamos atopando a ruta cara ao niño ata que atopabamos un gran número de avespas, sinal de que estabamos moi preto, e detectabámolo. Así foi como descubrimos que unha vez teñen o alimento, as avespas regresan nunha liña recta exacta cara ao niño. Foi un descubrimento importante porque nos permitiu ser moi precisos á hora de detectar os niños, que adoitan construírse en lugares inaccesibles ou moi ocultos”.

A erradicación en Galicia, case imposible

Na actualidade, segundo recoñecen boa parte dos investigadores, é moi difícil, senón imposible, acadar o fito das Baleares en Galicia e outras zonas, como Cantabria ou Navarra, no que a velutina está amplamente estendida. O clima é un factor clave, xa que a especie non resiste ben as xeadas e as zonas con amplitude térmica elevada, de aí que apenas cause problemas na Meseta, pero desenvólvese mellor en climas oceánicos con temperaturas máis mornas e maiores precipitacións, como é o caso de Galicia.

Ata o momento, e a pesar das investigacións desenvolvidas en Galicia e as intensas campañas de trampeo, non se conseguiu frear o avance da especie, da que se detectan e retiran miles de niños todos os anos. Ademais das picaduras, que xa causaron varias mortes pola reacción alérxica nalgunhas persoas, a presenza da velutina xera un notable impacto en fauna autóctona, como as abellas e outros insectos polinizadores, aos que depreda, e os consecuentes danos en sectores como a apicultura. Estase a abordar o problema desde diversos enfoques, como a xenética, a procura de axentes biolóxicos, como fungos ou parasitos, que poidan conter o seu avance. Pero ata o momento apenas hai resultados.

2 COMENTÁRIOS

  1. Semella unha actitude derrotista dar por sentado que en Galiza é case imposible a erradicación .
    Habera que poñer os medios que señan necesarios en combinación con outras autonomias e con o goberno central ….

  2. Semella unha actitude derrotista dar por sentado que en Galiza é case imposible a erradicación .
    Habera que poñer os medios que señan necesarios en combinación con outras autonomias e con o goberno central ….

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.