A revista Nature Medicine publica no seu último número unha investigación de científicos españois e estadounidenses na que se amosa a decodificación, por primeira vez, do comportamento celular do endometrio humano, a mucosa do útero onde o embrión se implanta para poder iniciar a xestación. O achado abre a porta para mellorar a comprensión do funcionamento do útero e as súas repercusións na saúde da muller, xa que está implicado en doenzas de alta prevalencia como a endometriose, para a que aínda non hai tratamento, a pesar de resultar incapacitante en moitos casos para as persoas afectadas.
En palabras dos líderes da investigación, Carlos Simón e Felipe Vilella, esta decodificación celular do endometrio “é a ‘pedra roseta’ para entender o funcionamento deste importante órgano reprodutivo”, segundo recolle a Axencia SINC. Os autores afirman que este traballo dará á comunidade médica e científica a oportunidade de “comprender mellor as patoloxías que causan infertilidade no útero”.
O novo estudo revela por primeira vez o comportamento de cada un dos tipos celulares do endometrio durante o ciclo menstrual e como se relacionan entre eles. “Agora que sabemos o comportamento celular do endometrio, ábrese unha gran oportunidade para entender aspectos descoñecidos en enfermidades como a endometriose, a preeclampsia, o fallo de implantación ou o cancro de endometrio”, explica Simón.
A comprensión do endometrio segue sendo limitada a pesar da súa relevancia
A pesar da relevancia do endometrio humano, sobre todo na etapa reprodutiva da muller, a comprensión do funcionamento deste órgano seguía sendo limitada. Por iso, os investigadores abordaron o funcionamento de cada un dos diferentes tipos celulares que o compoñen durante todo o ciclo menstrual.
Para iso realizaron a análise da expresión dos seus xenes mediante o illamento de células individuais, sobre un total de 73.180 células obtidas do endometrio de 27 mulleres sas e en idade reprodutiva. O estudo revelou a dinámica da progresión das células no ciclo menstrual; o endometrio está formado principalmente por seis tipos celulares, un deles descuberto na investigación: as células epiteliais ciliadas.
Os expertos determinaron ademais cando e como se abre a xanela de implantación, único momento en que o endometrio está listo para iniciar o embarazo. “Un dos grandes achados deste traballo, ademais do patrón celular, é o descubrimento do mecanismo da xanela de implantación do embrión”, apunta Vilella.
“Observamos que se activa de forma inmediata por uns xenes das células epiteliais, as que estarán en contacto co embrión no momento de iniciar o embarazo, e non de forma progresiva como se pensaba ata o de agora”, engade.
“As células endometriais –que a partir de agora ofrécennos toda a información sobre o momento ideal para transferir o embrión nun tratamento de reprodución asistida– poderán obterse mediante unha biopsia líquida endometrial, polo que atopar a xanela de implantación para saber cando é o momento de maior receptividade será moito máis sinxelo, rápido e indoloro”, explica Simón.
Os resultados revelan novos coñecementos sobre o funcionamento do endometrio, en canto ao crecemento e organización das distintas células que o forman, para que se produza o correcto funcionamento do órgano en cada ciclo menstrual.
“Este achado posibilita a outros científicos que estudan enfermidades endometriais comparar as células enfermas coas células sas, o que axuda ao desenvolvemento de novas terapias ou novos medicamentos”, conclúen os autores.
Referencia: Single-cell transcriptomic atlas of the human endometrium during the menstrual cycle (Publicado en Nature Medicine).














