As ondas sísmicas dos terremotos de Turquía e Siria detectáronse na península

Unha animación resume o movemento dos dous potentes sismos, que xa deixan máis de 2.300 mortos nos países afectados

Estacións europeas onde se detectaron as ondas sísmicas dos terremotos de Turquía e Siria. O vermello sinala o movemento do solo cara a arriba e o azul, cara a abaixo.
Estacións europeas onde se detectaron as ondas sísmicas dos terremotos de Turquía e Siria. O vermello sinala o movemento do solo cara a arriba e o azul, cara a abaixo.

O último balance dá conta da traxedia: 2.300 falecidos nos dous terremotos que sacudiron Turquía e Siria. O primeiro deles produciuse durante esta madrugada, acadando unha magnitude de 7,8 na escala Richter. O segundo, tamén moi potente, alcanzou os 7,5, segundo o Servizo Xeolóxico de Estados Unidos. Tal foi a magnitude dos dous terremotos, con miles de feridos e máis de 3.200 edificios colapsados, que as ondas sísmicas detectáronse en toda Europa, incluída a península ibérica. Unha animación que se fixo viral en Twitter esta mañá mostraba a expansión das ondas e o seu rexistro nas estacións sismolóxicas: en azul móstrase como o solo se move cara a abaixo e en vermello, cara a arriba. Pódese ver aquí:

Segundo informan en El País, o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdoğan, xa cualificou os terremotos como “a maior traxedia” dende o sismo de Erzincan, en 1939. Malia que nas primeiras horas deste luns as autoridades falaban só de centos de mortos, os expertos xa pensaban que esa cifra ascendería a millares, tal e como revelan os últimos balances. Galderic Lastras, profesor de Xeociencias Mariñas da Universidade de Barcelona, explica que a zona na que se produciron os sismos xa ten unha “alta probabilidade” de que se produzan terremotos de gran magnitude. Amais disto, subliña que hai outros factores que agudizan a vulnerabilidade da poboación: “Por exemplo, a presenza de persoas desprazadas pola guerra en Siria, que vive en construcións pouco seguras”, aclara, en declaracións recollidas polo Science Media Centre España (SMC).

O sismo produciuse na falla de Anatolia Este, que abrangue uns 700 quilómetros

Máis polo miúdo, o terremoto ocorreu na falla de Anatolia Este que, xunto cos seus segmentos, abrangue unha lonxitude de 700 quilómetros que xa foron protagonistas de “sismos históricos destrutivos”. Así o lembra José Morales, catedrático de Física da Terra da Universidade de Granada, tamén para o SMC España. “Esta falla acomoda a deformación que se produce entre a placa de Arabia e Eurasia como consecuencia do movemento da placa de Arabia cara ao norte”, continúa expoñendo. Todo isto derivou en dous tráxicos sismos que deixan miles de vítimas. Segundo Morales, o segundo terremoto produciuse máis ao norte e, ao parecer, debeuse “disparar” polo primeiro.

O sismo de 7,8 durou arredor de 30 segundos e produciuse en torno ás 4.17 hora local (2.17 hora española). “Os terremotos son sucesos naturais que non se poden predicir nin evitar, por tanto, a clave é a prevención para poder mitigar e minimizar o posible os seus danos”, apunta ao SMC España Elisa Buforn, catedrática de Xeofísica e Meteoroloxía da Universidade Complutense de Madrid. Malia que hai ferramentas para afrontar mellor estes desastres natuais, Buforn insiste en que se produciu nunha zona situada no límite de placas, onde a acumulación de esforzos derivada do movemento das mesmas libérase en forma de terremotos. “Implican un gran potencial destrutor”, conclúe a experta, en alusión á magnitude e o foco superficial, a uns 17 quilómetros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.