A falta de estacións sísmicas impide detectar máis terremotos na costa de Galicia

Un equipo da Universidad de Oviedo publicou un traballo que aborda o papel da falla Cantábrica nos sismos fronte a cabo Ortegal

Miles de persoas reaccionaron sobresaltadas e mesmo espertaron coa vibración que se produciu o pasado venres a uns 50 quilómetros ao norte de cabo Ortegal. Un terremoto de magnitude 4,2, segundo os últimos cálculos realizados polo Instituto Geográfico Nacional (IGN), deixouse notar ás 6.32 da mañá en boa parte do norte de Galicia e noroeste de Asturias. O sismo produciuse na mesma zona que xa acumula no último mes máis dunha decena de movementos de magnitude superior a 2, segundo os propios datos do IGN. Pero é probable que a zona experimente máis movementos non detectados debido á ausencia de estacións na zona que poidan rexistralos. Así o advirte un equipo do departamento de Xeoloxía da Universidad de Oviedo, que en marzo deste 2021 publicou unha investigación na revista Frontiers in Earth Science no que confirman “o papel decisivo da falla Cantábrica nos terremotos submarinos” que se producen en dúas áreas concretas da costa do noroeste ibérico atravesadas por esta falla.

Ademais, segundo destacan os propios autores, o coñecemento da zona onde se producen os sismos e, por tanto, da actividade que ten lugar nela, é limitado. “A fiabilidade da localización exacta é baixa. De feito, non está moi clara a profundidade na que se produciron os movementos destes últimos días. Estamos a perdernos parte do que está a pasar e por que”, explica Carlos López Fernández, un dos autores da investigación sobre a falla Cantábrica.

Publicidade

Actualmente, no norte de Galicia e Asturias só existen dúas estacións sísmicas, na Pontenova (Lugo), e Arriondas, no oriente asturiano, ademais de tres acelerógrafos situados en Lugo, Sarria e Becerreá debido á importante actividade sísmica nesta zona da provincia.

A falla Cantábrica e a súa actividade sísmica

O traballo publicado este ano, e financiado polo Principado de Asturias, consistiu na instalación provisional dunha rede de 11 estacións sísmicas no centro e occidente asturiano, que complementaron os sismógrafos e acelerógrafos da Rede Sísmica Nacional que, neste caso, non son suficientes para estudar con maior detalle esa zona. “Non dispoñemos de estacións no mar, e a nivel loxístico é complicado levalo a cabo, xa que necesitamos de barcos que adoitan ter moi pouca dispoñibilidade e, ademais, dependemos doutros factores como o tempo atmosférico, que pode impedir a realización destas campañas”, engade outro dos autores, Sergio Llana Fúnez.

Publicidade

Desta maneira, coa rede local en terra mellorouse o coñecemento da falla Cantábrica, unha estrutura que corta de forma oblicua a marxe da plataforma continental entre Galicia e Asturias por 160 quilómetros, chegando ata a costa fronte a Ortegal e, por outra banda, penetrando en terra ata a Cordilleira Cantábrica, nunha estrutura asociada coñecida como falla Ventaniella.

Mapa de calor que amosa os dous 'clusters' de sismicidade a través da falla Cantábrica, fronte a Ortegal e a costa asturiana obtidos a través dunha análise estatística que estima a densidade destes eventos. Fonte: Fernández-Viejo et al. (2021).
Mapa de calor que amosa os dous ‘clusters’ de sismicidade a través da falla Cantábrica, fronte a Ortegal e a costa asturiana obtidos a través dunha análise estatística que estima a densidade destes eventos. Fonte: Fernández-Viejo et al. (2021).

Durante os oito meses nos que os investigadores da Universidade de Oviedo analizaron a zona coas estacións sísmicas próximas á costa cunha rede de estacións sísmicas temporal detectáronse 73 novos terremotos, con orixe entre 6 e 21 quilómetros de profundidade, en dúas zonas concretas: unha, a de maior magnitude, fronte a cabo Ortegal, na área onde se produciu o sismo do pasado 29 de outubro, e outra preto da costa asturiana, ao norte de Avilés.

A orixe destes terremotos podería estar, segundo Sergio Llana, en estruturas antigas na codia e vinculadas ao levantamento que deu orixe á actual Cordilleira Cantábrica. Detalla, ademais, que estes movementos “poderían gardar relación co inicio dun episodio de subducción de placas entre Galicia e Asturias que se paralizou fai uns 20 millóns de anos; agora estariamos a ver unha especie de sismicidade residual daquel proceso. Coa instrumentación e datos actuais temos unha imaxe pouco precisa das estruturas causantes da sismicidade”.

Segundo outro dos autores do traballo, Jorge Acevedo Sánchez, en declaracións recollidas pola Universidad de Oviedo, os terremotos na zona “detéctanse desde que instalaron as primeiras estacións sísmicas, nos anos 70”, aínda que “son fundamentalmente de magnitudes medias ao redor de 2, polo que son imperceptibles para a poboación”. É probable, engade Acevedo, que a sismicidade estea asociada non só á presenza da falla Cantábrica, senón á súa interacción con outras estruturas da codia non observadas ata o momento.

Máis recursos para estudar a zona

Carlos López Fernández, Gabriela Fernández Viejo, Sergio Llana Fúnez e Jorge Acevedo Sánchez, investigadores da Universidad de Oviedo.
Carlos López Fernández, Gabriela Fernández Viejo, Sergio Llana Fúnez e Jorge Acevedo Sánchez, investigadores da Universidad de Oviedo.

“Temos unha imaxe desenfocada da zona”, resume Sergio Llana. Para iso, apuntan a que son precisas novas investigacións na zona que melloren o coñecemento destas estruturas na cortiza. “Para estudar mellor esta área necesítanse estacións sísmicas submarinas que, en modo pasivo, rexistren información na zona durante varios meses, xunto a outras técnicas, para mellorar a resolución das imaxes que temos destas estruturas”, comenta outra das asinantes do artigo, Gabriela Fernández-Viejo.

Segundo conclúe o profesor Carlos López, unha investigación máis detallada da zona axudará a coñecer os posibles riscos asociados á falla Cantábrica e outras posibles estruturas tectónicas nas zonas habitadas máis próximas. “O catálogo do IGN mostra que, aproximadamente, prodúcese un terremoto de magnitude maior a 4 cada 10 anos. E isto pode afectar nalgún momento ás poboacións próximas. Coñecer mellor estes riscos axudará a mellorar, por exemplo, os mapas de perigosidade sísmica que se elaboran para previr os riscos asociados a terremotos”.


Referencia: The Cantabrian Fault at Sea. Low Magnitude Seismicity and Its Significance Within a Stable Setting (Publicado en Frontiers in Earth Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os lugares de Galicia onde se sentiu o recente terremoto de Portugal

O Instituto Xeográfico Nacional confirma os efectos do fenómeno das costas Atlánticas nas provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña, aínda que sen danos persoais nin materiais

De Islandia a Santiago: os 300 camiños para peregrinar a Compostela que aínda non coñeces

O Instituto Xeográfico Nacional recompila nun mapa interactivo 286 rutas a pé e 31 itinerarios marítimos tradicionais

Canto cambiou a rúa na que vives nos últimos 60 anos? Compróbao neste mapa

Un mapa do Instituto Xeográfico Nacional permite comparar imaxes aéreas captadas nos anos 50 con ortofotos actuais

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920