O balance de cinco días de lume: máis de 9.000 ha e sete grandes incendios

As primeiras imaxes da veewtación calcinada desde o satélite revelan a magnitude da vaga, da que permanecen activos dous incendios

Á espera das cifras definitivas, unha vez se controlen e extingan todos os incendios que estes días afectan á provincia de Ourense e ao norte de Portugal, as estimacións provisionais e as medicións realizadas nas áreas afectadas avanzan que en cinco días se superaron as 9.000 hectáreas calcinadas só na zona galega. Tendo en conta outros importantes lumes como os de San Millao (Cualedro), e Flariz (Monterrei), que aconteceron a finais de xullo e comezos de agosto, e de confirmarse as estimacións dos sucesos que comezaron o sábado 12, a superficie afectada en pouco máis dun mes superaría as 11.000 ha. E no que vai de 2020, tiveron lugar en Ourense 8 dos 16 grandes incendios forestais (GIF) de todo o territorio estatal, segundo datos compliados polo portal Educación Forestal. Denomínanse así os eventos que superan as 500ha de superficie forestal queimada.

A primeira hora do xoves permanecían activos, segundo a Consellería de Medio Rural, os incendios de Lobios, cunhas 2.000 hectáreas afectadas no Parque Natural do Xurés, o de Rairiz de Veiga, cunhas 300, e outro incendio que afectaba a unhas 30ha en Galicia, tamén na serra do Xurés, despois de entrar desde Portugal. Nas horas anteriores quedaran estabilizados os de Queixa-Chandrexa (500 ha), Cernado-Manzaneda (450 ha), Cádavos-A Mezquita (450 ha, e outra parte en territorio da provincia de Zamora), Paradela-Manzaneda (400 ha), Gabín-Montederramo (30 ha); controlados os de Rebordechau-Vilar de Barrio (700 ha), Montes-Cualedro (dous incendios de 1.300 e 80 ha); e extinguidos os de Vilar de Cervo-Vilardevós (296,29 ha), Pentes-A Gudiña (149 ha), Peites-Ribas de Sil (53,01 ha), Camba-Laza (49,13 ha), e Requiás-Muíños (11ha no Parque do Xurés). En días previos xa se extinguiran outros lumes de consideración en Maceda (222,08), en Quiroga (53,09 ha). Ademais, outros incendios menores de 20 hectáreas, dos que Medio Rural non achega información, multiplicaron o traballo dos servizos de extinción.

Publicidade

As medicións, por agora, son provisionais, e poderían mudar unha vez se realicen os cálculos definitivos. Así, por exemplo, o incendio Sabuguido-Vilariño de Conso, no que se estimara unha afectación provisional de 2.000 ha, reduciuse a 700 ha, segundo publicou Medio Rural na noite do mércores. Con todo, a observación das imaxes de satélite levan a pensar que a superficie acabará sendo maior.

En total, producíronse preto de 20 incendios importantes en apenas cinco días que se distribúen deste xeito segundo os datos compilados ata a mañá do xoves:

Publicidade

Ademais do impacto no Parque Natural da Baixa Limia-Xurés, que xa se viu afectado hai un mes por outro incendio onde faleceu o piloto dun hidroavión, o dano dos lumes é notorio no Macizo Central, nunha zona de montaña de importante valor ecolóxico e moi preto do Parque Natural do Invernadeiro, como se pode ver na imaxe que encabeza a información. Mediante a ferramenta de procesamento de falsa cor do satélite Sentinel-2, co que se distinguen as superficies queimadas, pode observarse o impacto en Lobios e na zona de Cualedro e Monterrei, afectadas tanto nos últimos días como a finais de xullo e comezos de agosto.

Imaxe da superficie afectada polos incendios recentes en Lobios (arriba) e Cualedro e Monterrei (abaixo) tomadas polo satélite Sentinel-2, procesado con cor falsa que permite distinguir as áreas queimadas do resto da vexetación. Fonte: Sentinel Hub.
Imaxe da superficie afectada polos incendios recentes en Lobios (arriba) e Cualedro e Monterrei (abaixo) tomadas polo satélite Sentinel-2, procesado con cor falsa que permite distinguir as áreas queimadas do resto da vexetación. Fonte: Sentinel Hub.

A espiral sen fin do lume en Ourense: incendiarios e moito máis

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía